A noticia
Neste apartado imos achegarnos á noticia e aprenderemos a analizar con espírito crítico distintas novas.
Todos os días xorden moitas noticias, algunhas están relacionadas coa nosa contorna e outras refírense a sucesos de máis lonxe.
Se tendes conexión á Rede podedes acceder a unha gran cantidade de información case en tempo real.
Que pasa cando vos atopades coa mesma nova redactada de distinta forma e cun punto de vista diferente?
De todas as versións... Cal escolleriades?
É necesario ir desenvolvendo un espírito crítico que vos faga ter o voso propio criterio, a vosa propia opinión.
Para iso estaría ben que comparásedes varias noticias que traten un mesmo contido.
Logo diso podedes sacar as vosas conclusións sobre cal pode ser a realidade.
A continuación imos ver que é unha noticia, as súas partes e tipos.
Lectura facilitada
Neste apartado imos achegarnos á noticia.
Isto serviravos para analizar con espírito crítico distintas novas.
Todos os días xorden moitas noticias.
Algunhas noticias tratan temas máis próximos a nós, outras de máis lonxe.
Con conexión a Internet podedes atopar moita información case en tempo real.
E se atopades a mesma nova contada con versións diferentes?
De todas as versións... Cal escolleriades?
É necesario que aprendades a ter o voso propio criterio.
A iso chámaselle ter espírito crítico.
Ides comparar varias noticias que traten un mesmo contido.
Logo diso podedes sacar as vosas propias conclusións.
A continuación imos ver que é unha noticia, as súas partes e tipos.
Audio
A noticia
Que é a noticia?
A noticia é un texto xornalístico, coma a reportaxe. Pertence ao xénero informativo.
Trátase dun texto narrativo obxectivo que relata un feito que se considera interesante divulgar.
Describe a realidade de maneira imparcial, sen opinións nin valoracións.
Nova e novidade son palabras sinónimas de noticia.
Cales son as partes dunha noticia?
A noticia divídese en:
- Titular: frase breve que aparece ao principio da noticia e que resume o seu contido. O titular vai con letras máis grandes e serve para captar a atención das persoas lectoras. Pode levar un antetítulo ou subtítulo que amplie un pouco máis a información.
- Entrada ou encabezamento: trátase do primeiro parágrafo da noticia. Nel vai resumida a información principal.
- Corpo: texto que desenvolve polo miúdo o contido da nova e se dan os detalles. Aquí pode aparecer o contexto e as circunstancias.
Tipos de noticia e os medios de comunicación
Hai moitos tipos de noticias: de economía, de deportes, científica, de política...
Segundo o tema que traten pertencerán a unha sección ou outra do xornal ou revista.
Divúlganse a través dos medios de comunicación.
Algúns medios de comunicación son a prensa, Internet, as redes sociais, a radio e a televisión.
Audio
As seis preguntas
Que?: Cal é o tema da noticia?
Quen?: Quen protagoniza os feitos?
Cando?: En que data ou momento pasaron?
Onde?: En que lugar ou lugares se producen os feitos?
Como?: Como ocorreron os feitos?
Cales?: Cales son as causas deses feitos?
Audio
Despois de repasar cales son as partes da noticia e a que preguntas debe responder, realiza as seguintes actividades interactivas.
No caso das actividades sobre as partes da noticia, escolle unha das tres opcións que se ofrecen.
