Saltar navegación

2.1. Casiopea e Xúpiter

O corazón de Xúpiter

Le con atención o seguinte fragmento da novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. 

Aquela noite...

Aquela noite Isla encerrouse no seu cuarto moi cedo. Polo xeral, sentaba cos seus pais a ver a televisión ou falar sobre calquera cousa ata a hora de se deitar. Gustáballe compartir con eles a última hora do día. Mais nesa ocasión non estaba con ánimos. Se os seus pais a notaban preocupada ou percibían calquera indicio de tristura non pararían ata saber que lle pasaba, e ela non tiña ganas de dar ningún tipo de explicación. Precisaba pecharse no seu interior e reflexionar. 

En circunstancias coma esa só había unha cousa coa que conseguía acougar: viaxar ao ceo. Sacou o telescopio da embalaxe con moito coidado e colocouno sobre o trípode, xusto diante da fiestra. Devecía por dar un paseo polo espazo. 

Intentou enfocar a lente apuntando cara arriba, mais non o conseguiu. Había moitas nubes, igual ca no seu interior. Era coma se o cosmos fose unha especie de espello de si mesma. 

Estivo cerca dunha hora pelexando por ver algo máis alá das nubes, ata que se deu por vencida. 

-É inútil -laiouse en voz alta, sacando a cabeza pola fiestra. [...]

Levantouse de mala gana...

Levantouse de mala gana e colleu o portátil que tiña colocado sobre unha caixa de cartón. Na parte inferior da pantalla iluminárase a ventaíña do chat. Un tal Xúpiter estaba falándolle desde algún misterioso punto do hemisferio. Isla sentou na cama e puxo o ordenador sobre as pernas. 

-Xúpiter -bisbou con certa melancolía-. A estrela frustrada. 

Moveu o rato e a ventaíña do chat ocupou toda a pantalla. Na parte esquerda había unha fotografía do planeta Xúpiter e á dereita unha frase iniciaba a conversa: 

Xúpiter: Ola, Casiopea! Como vai a vida pola túa constelación? 

Casiopea era o nick que Isla empregaba sempre en internet. Escollérao por varias razóns: Casiopea é a única raíña que hai en todo o firmamento e tamén a única constelación que ten a súa parella no ceo: Cefeo. [...]

Isla era asidua a varios foros sobre astronomía e nunca usaba o nome real. Non quería revelar datos persoais. A súa identidade virtual era Casiopea. Casiopea a raíña de Etiopía, a tartaruga máxica de Momo. Ela mesma. 

Mentres empezaba a teclear escapóuselle un sorriso. 

Ola, Xúpiter. Que tal?

Casiopea: Ola, Xúpiter. Que tal?

Xúpiter: Pois aquí, pensando xa en ir durmir. Hoxe foi un día moooooi longo. 

Casiopea: Pois xa somos dous. Hai días en que todo sae do revés. 

Xúpiter: Entón?

Casiopea: A miña constelación ten hoxe un par de estrelas fundidas. 

Xúpiter: Hai algo que eu poida facer desde o meu planeta?

Casiopea: Creo que non... 

Xúpiter: E se che mando para aí a Algedi e a Dabih?

Isla apartou as mans do ordenador como se lle queimaran as teclas nos dedos. AlgediDabih eran dúas estrelas que estaban á dereita de Xúpiter. Formaban a cabeza e os cornos de Capricornio. Era dificilísimo atopar alguén que soubese aqueles dous nomes de memoria. 

Xúpiter: Gústame saber o que pasa no ceo. Pero neste caso xogo con vantaxe: o meu signo zodiacal é Capricornio, por iso coñezo eses nomes. 

Casiopea: Capricornio = Cabra mariña. 

Xúpiter: Ti tamén controlas moito o que pasa por alá arriba! Non todo o mundo sabe que Capricornio é metade cabra, metade peixe. 

Isla mudou de posición...

Isla mudou de posición. Deitouse sobre a cama, colocou un par de coxíns no lombo e puxo o portátil enriba das súas pernas. Dáballe no corpo que aquela conversa prometía.

Casiopea: A astronomía interésame desde que era unha nena. Regaláronme o meu primeiro telescopio o día en que cumprín 13 anos. Xubileino hai só unhas semanas.

Xúpiter: Compraches outro?

Casiopea: Non exactamente... Os meus pais viron que a cousa vai en serio, e regaláronme outro moito mellor polo meu 17 aniversario. E ti cantos tes?

Xúpiter: Pois eu teño un algo antigo, pero funciona moi ben. 

Casiopea: ha ha ha ha ha ha! Telescopios non, anos!

Xúpiter: Só un par deles máis ca ti

Isla pechou os ollos e intentou imaxinar como sería a cara de Xúpiter. Daquela sentiu a necesidade de sabelo todo sobre el: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... 

Volveremos falar, Casiopea?

Xúpiter: Volveremos falar, Casiopea?

Casiopea: Xa tes que marchar?

Xúpiter: Temo que si... Unha nave espacial acaba de aterrar no meu planeta, e teño que ir facer pescudas ;)

Casiopea: ha ha ha ha! Que mágoa!

Xúpiter: Se queres, quedamos para mañá... 

Casiopea: Xenial! Mañá á mesma hora no mesmo ceo... 

Xúpiter: Que durmas ben, Casiopea. 

Casiopea: Que durmas ben, Xúpiter. 

Isla pechou o portátil e volveuno poñer sobre a caixa. Logo achegouse á fiestra e respirou o aire fresco da noite. Levantárase algo de vento e disipáranse algunhas nubes, pero a lúa seguía estando cuberta. 

-Talvez mañá -dixo en voz alta. 

Pechou a fiestra e deitouse. Aquela noite soñou con Xúpiter. 

Costas, Ledicia (2013). O corazón de Xúpiter. Editorial Xerais

Comprendiches o texto?

Pregunta

Como se chama a protagonista?

Respostas

Casiopea

Isla

Ledicia

Retroalimentación

Pregunta

Cal é a grande afección da protagonista do relato?

Respostas

A astroloxía

A bioloxía

A astronomía

Retroalimentación

Pregunta

Como se sentía Isla esa noite?

Respostas

Estaba moi contenta

Sentíase desanimada e preocupada

Estaba moi enfadada

Retroalimentación

Pregunta

Como se coñeceron Isla e Xúpiter?

Respostas

No instituto

Na piscina

A través de Internet

Retroalimentación

Pregunta

Quen era Casiopea?

Respostas

É unha constelación do firmamento

Era, na mitoloxía grega, a raíña de Etiopía, muller de Cefeo e nai de Andrómeda.

As dúas respostas son correctas

Retroalimentación

Pregunta

Por que Isla sente tanta fascinación por Xúpiter?

Respostas

Porque era un gran deportista

Porque sabía moito sobre astronomía

Porque era moi falangueiro e divertido

Retroalimentación

Pregunta

Segundo lle di a Isla, cantos anos ten Xúpiter?

Respostas

19

17

15

Retroalimentación

Pregunta

Cando Casiopea e Xúpiter se despiden... 

Respostas

Quedan para o día seguinte

Isla queda pensando nel

As dúas respostas son correctas

Retroalimentación

Vocabulario das novas tecnoloxías

O texto presenta numerosas palabras do campo semántico das novas tecnoloxías: portátil, pantalla, ventá, chat, rato, nick, Internet, foro... 

Coñeces o significado de todas elas? Completa cada oración con algún deses termos. 

  • Eu premín co sobre o enlace e abriuse unha nova na pantalla.
  • Pregunteille as dúbidas ao meu compañeiro polo da aula virtual. 
  • Teño que mercar outro . Caeume ao chan e a rompeu en anacos. 
  • Non che vou dicir o meu para navegar por

Activar JavaScript

Quen é Xúpiter?

Isla pechou os ollos e intentou imaxinar como sería a cara de Xúpiter. Daquela sentiu a necesidade de sabelo todo sobre el: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... 

Costas, Ledicia (2013). O corazón de Xúpiter. Editorial Xerais

 Isla aínda non coñece a Xúpiter, pero desexa sabelo todo sobre el. En grupos, imaxinade como pode ser este personaxe na vida real e escribide unha descrición dunhas 10 liñas. Despois, lede as diferentes descricións na clase. 

Para reflexionar

Isla era asidua a varios foros sobre astronomía. Reflexiona sobre a súa actividade en Internet e tamén sobre a túa propia. Propoñémosche algunhas cuestións: 

  • Cres que esta actividade ten beneficios para ela?
  • Cres que esta actividade pode conlevar algún risco?
  • Que medidas toma Isla para evitar os perigos? Que medidas tomarías ti?
  • Que opinas sobre a súa conversa con Xúpiter? 
  • E ti para que empregas Internet habitualmente?
  • Cres que as túas prácticas en Internet poden conlevar algún risco?
  • Tomas algunha medida para evitar os perigos?

Despois, compartide as vosas opinións co resto da clase. 

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)