Saltar navegación

Editamos

Equipo técnico

Fotografía dunha cámara gravando

Neste momento xa tes as gravacións das partes musicais. Quedan pendentes de gravar as explicacións da música dramática e os seus tipos, así como as profesións que fixeron posible este reto (guionistas, produción, técnico e escenografía). Lembra as recomendacións que viches na fase 3.1 para realizar as gravacións:

  • É preferible que utilices un trípode para soster a cámara.
  • Terás que anotar o número de tomas e sinalar cales son as boas para unha posterior edición.
  • Non utilices zoom dixital.
  • Para poder realizar un bo traballo de edición deixaremos sempre un espazo de tempo de entre 3 e 4 segundos antes e despois de cada toma.
  • O son é moi importante, se dispuxeras de algún dispositivo de gravación adicional lembra poñelo o máis preto posible da fonte sonora.

Pero con isto non remata o traballo deste equipo, tamén debe encargarse da montaxe do vídeo. O último paso para obter un bo vídeo é a edición. A continuación tes un pouco de axuda para conseguilo, adiante! 

Lectura facilitada

Tes que facer as gravacións de:

  • a música dramática e os seus tipos
  • as profesións

Lembra as recomendacións para gravar:

  • Emprega trípode para a cámara.
  • Anota o número das tomas.
  • Non utilices zoom.
  • Deixa 4 segundos ao comezo e ao final.
  • Se podes, grava o son con outro dispositivo.

Logo tes que editar o vídeo.

Sigue as indicacións que verás a continuación.

A montaxe

Imaxe dunha persoa editando nun ordenador

A montaxe audiovisual é o proceso no que xuntamos as imaxes, os sons e a música para darlle sentido á historia ou mensaxe que queremos transmitir cun vídeo. É un traballo que ten diferentes fases que dan lugar ao produto final. Para o noso vídeo imos planificalo do seguinte xeito:

1º   Selección e orde de tomas

É o primeiro nesta labor. Cando se gravou fixéronse diferentes tomas para perfeccionar o resultado. Debes escoller a mellor toma de cada unha das escenas. A continuación noméaas seguindo a orde que dá sentido á nosa historia.

2º  Composición

No programa de edición debes arrastrar as tomas escollidas á liña de tempo seguindo a orde establecida na fase anterior. Lembra que debes recortarlle as partes iniciais e finais de cada toma, aquilo que non nos serve.

3º  Son

Coas imaxes xa recortadas e ordenadas, é o momento de fixarse no son. Sube e baixa o volume das diferentes tomas para que todas queden por igual. Neste momento tamén se poden engadir sons de ambiente, efectos sonoros ou música de fondo para enriquecer a creación. No teu proxecto, a música xa está gravada, polo que non é preciso engadirlle máis.

4º  Títulos, subtítulos e créditos

Coa montaxe case finalizada, debes engadirlle o título inicial: “Este cole é un teatro” e, ao final  do vídeo, engádelle os créditos con todas as persoas participantes e a súa labor, así como os recursos empregados. Por último, para facer máis accesible o vídeo, podes engadirlle subtítulos a todo o proxecto, deste xeito facilitas que máis persoas poidan gozar do proxecto.

Lectura facilitada

A montaxe audiovisual consiste en xuntar as imaxes, os sons e a música.

Ten varias fases:

  1. Escoller os vídeos.
  2. Ordenar os vídeos no programa.
  3. Subir ou baixar o volume dos vídeos.
  4. Engadirlle o título "Este cole é un teatro".

Kdenlive

Logo do programa Kdenlive

Kdenlive é un editor de vídeo gratuíto que se pode empregar en todos os sistemas operativos (Windows, Linux e Mac). Ao igual que outros, serve para cortar, poñer efectos, música e todo o preciso para a montaxe dun vídeo.

Estruturase do seguinte xeito (preme na imaxe):

Captura do programa Kdenlive

A continuación tes un pequeno vídeo titorial para que aprendas a manexalo e poidas así, levar a cabo a túa labor como editor. 

Lectura facilitada

Kdenlive é un programa gratuíto.

Pódese empregar en calquera ordenador.

Serve para unir vídeos, sons e música.

Mira o titorial para aprender a usalo.

Estruturase do seguinte xeito (preme na imaxe):

Captura do programa Kdenlive

Vídeo titorial

Feito con eXeLearning (Nova xanela)