Saltar navegación

3.2. Facemos ópera

Que é a ópera

A ópera

Imaxe do pano de seguridade do escenario da Ópera de Viena

Cando escoitamos a palabra ópera o primeiro que se nos ven á mente é un teatro maxestoso, decorados refinados e cantantes distinguidos.

A ópera é o xénero musical, por excelencia, dirixido a ser representado. Unha ópera é unha composición musical sobre un texto literario, o libreto, que é cantada integramente por diferentes intérpretes acompañados por unha orquestra. Para ambientala é preciso unha escenografía e unha caracterización (vestiario e maquillaxe).

Do mesmo xeito que as obras de teatro convencionais, as óperas divídense en actos e estes en escenas.

A orixe da ópera

Cadro dunha representación de Giovanni Paolo Pannini - Fête musicale – 1747

A ópera, como novo xénero musical, nace arredor do ano 1600 en Florencia (Italia).

Fíxose moi popular e estendeuse rapidamente por Italia e, de seguido, por todas as cortes europeas.

As partes da ópera

Imaxe da representación da Frauta máxica de Mozart no 2006

As óperas, como as pezas teatrais, estrutúranse en actos. Poden ter desde un ata cinco actos, sendo tres o número máis común. Nestes actos distribúense as seguintes partes:

Obertura: música instrumental que da inicio á ópera.

Recitativos: son fragmentos onde os personaxes interpretan melodías case recitadas acompañadas, normalmente, por un instrumento de teclado.

Arias: pezas vocais interpretadas por unha voz solista acompañada da orquestra.

Dúos, tríos, cuartetos: partes vocais interpretadas por dous, tres ou catro cantantes respectivamente.

Coro: grupo numeroso de cantantes que interpreta a mesma obra musical.

Interludios: partes instrumentais utilizadas para mudar a escenografía, dar comezo a un novo acto ou calquera situación de transición.

Compositores

Escenario con moitos actores

Compositores salientables na ópera:

  • W.A. Mozart ("As vodas de Fígaro", "Don Giovanni", "A frauta máxica")
  • Richard Wagner ("Tristán e Isolda", "O anel de nibelungo", "Parsifal")
  • Giuseppe Verdi ("Nabucco", "A Traviata", "Rigoletto")
  • Giacomo Puccini ("La Boheme", "Tosca", "Turandot")

Lectura facilitada

Unha ópera é un xénero musical composto dun texto cantado, acompañado por unha orquestra e representado nun escenario decorado para a función.

As óperas divídense en actos.

A ópera nace arredor do ano 1600 en Italia.

As partes principais da ópera son:

- Obertura: peza instrumental de inicio.

- Aria: canción para unha voz solista.

- Recitativos: voz recitada.

- Coro: peza vocal para moitos intérpretes.

Exemplos

Obertura

Peza instrumental coa que empeza unha ópera.

Recitativo

Interpretación vocal recitada, máis próxima á fala que ao canto.

Aria

Número operístico interpretado por unha única persoa.

Dúo

Peza vocal cantada por dous intérpretes.

Trío

Peza vocal interpretada por tres cantantes.

Coro

Grupo numeroso de persoas que cantan á vez.

Que é máis importante, a música ou o texto?

Na composición dunha ópera son necesarias dúas partes: o libreto, texto ou a historia que se vai cantar, e a música. E que é máis importante, a música ou o libreto? É necesario escoller un bo texto e pórlle despois música que o enxalce, ou é máis importante compoñer a música primeiro e xa despois se lle pon a letra? Este dilema suscitou tantos problemas ao longo da historia da música que foi incluso tema de diferentes óperas como "Prima la musica e poi le parole" (1786) de Antonio Salieri e "Capriccio" (1942) de Richard Strauss.

E ti que pensas?


Lectura facilitada

Na composición dunha ópera son necesarias dúas partes:

  • O libreto, texto ou a historia que se vai cantar.
  • A música.

Que é máis importante nunha ópera, a música ou a letra que se canta?

Mira este vídeo.


Mergúllate na ópera

"Lascia ch'io pianga" é un aria da ópera Rinaldo de G.F. Händel. A estrea foi en Londres no ano 1711. En que idioma está escrita? Que significa a súa letra? Para que tipo de voz está escrita esta aria? Sempre foi cantada por mulleres? Que é un castrato? Que relación ten con esta peza?

Estas cuestións pódenche servir como guía para adentrarte no fascinante mundo da ópera. Mergúllate na procura de máis información complementaria. Atrévete a descubrir máis!



Interpretamos ópera

Para traballar a ópera a obra escollida é "Lascia ch'io pianga", aria da ópera Rinaldo de G. F. Händel. Para o reto final vas participar interpretando instrumentalmente esta peza, sen cantala. Elixe aquel instrumento que máis che guste, e que soe a música!

Preme no carrusel para acceder ás diferentes partituras.

Escoita e toca.

Lembras como se toca o re agudo coa frauta doce?

Dixitación do re agudo na frauta doce

Practica as diferentes partes cos seguintes audios.

Un pouquiño máis lento:

A tempo:

Reto

Esta peza formará parte do vídeo do reto final.

Practica e grava a interpretación instrumental.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)