Saltar navegación

Actividades

Actividades: a composición visual

Como vistes, a composición é un elemento fundamental na creación artística, xa que determina a disposición e organización dos elementos dentro dun espazo para transmitir unha mensaxe ou xerar determinadas emocións. Ao longo destas actividades, teredes a oportunidade de explorar diferentes esquemas compositivos e comprender como inflúen na percepción dunha obra de arte.

A través da observación de obras recoñecidas, a experimentación con formas xeométricas e a exploración da vosa contorna, descubriredes como o equilibrio, o peso visual e a colocación dos elementos poden transformar a maneira na que interpretamos as imaxes.

Preparádevos para analizar, crear e capturar composicións que poñan en práctica todo o que aprendestes!

Lectura facilitada

A composición é moi importante na arte.

Axuda a organizar os elementos nun espazo para transmitir unha mensaxe ou xerar emocións.

Nas seguintes actividades, podedes explorar e recoñecer diferentes esquemas compositivos.

Veredes como inflúen na maneira de entender unha obra de arte.

Primeiro, observaredes obras coñecidas que xa vistes.

Despois, experimentaredes con formas xeométricas.

Por último, exploraredes a vosa contorna.

Descubriredes como o equilibrio, o peso visual e a colocación dos elementos cambian a percepción das imaxes.

Preparádevos para analizar, crear e capturar composicións onde poñeredes en práctica o aprendido.

Identificade esquemas

Na arte, a composición é fundamental para organizar os elementos visuais dunha obra. Nesta actividade, o voso reto será explorar os diferentes esquemas compositivos e buscar un exemplo de obra de arte que os utilice.

Instrucións:

A partir dos esquemas compositivos vistos (simétrico radial, axial, diagonal, triangular, circular-ovalado, en forma de "L" e en cruz), buscade para cada un deles un exemplo de obra de arte na que estean empregados. Podedes buscar en Internet ou na biblioteca do instituto.

Para iso:

  • Anotade o nome da obra, o autor e a técnica utilizada.
  • Explicade brevemente como se manifesta o esquema compositivo na obra que escollestes. Podédelo facer en poucas liñas, pero intentade ser claros e concisos.
  • Organizade as vosas respostas nun formato visual atractivo, por exemplo, utilizando unha presentación ou un documento con imaxes das obras seleccionadas.

Lectura facilitada

Na arte, a composición organiza os elementos dunha obra.

Nesta actividade, o teu reto será explorar os diferentes esquemas compositivos e buscar un exemplo de obra de arte que os utilice.

Instrucións:

  • Busca un exemplo de obra para cada esquema: simétrico radial, axial, diagonal, triangular, circular-ovalado, en forma de "L" e en cruz. Podes buscar en Internet ou na biblioteca do instituto.
  • Anota o nome da obra, o autor e a técnica utilizada.
  • Explica en poucas liñas como se ve o esquema compositivo na obra.
  • Organiza todo nun formato visual atractivo: unha presentación ou un documento con imaxes.

Creade formas

Nesta actividade, crearedes diferentes composicións a partir de formas xeométricas sinxelas, explorando os esquemas visuais estudados. O obxectivo é experimentar co peso visual e o equilibrio de cada composición antes de capturalas nunha fotografía.

Instrucións:

  • Recortade varias formas xeométricas en cartolina ou papel de cores (círculos, triángulos, cadrados, rectángulos…).
  • Sobre unha superficie branca (folla ou cartolina), organizade as formas para crear unha composición, seguindo un dos esquemas compositivos estudados.
  • Cando esteades satisfeitos e satisfeitas coa vosa composición, tirade unha fotografía.
  • Recolocade as formas para crear unha nova composición cun esquema diferente e volvede fotografala.
  • Repetide o proceso ata completar, como mínimo, catro esquemas distintos.
  • Podedes engadir un pequeno título ou descrición a cada foto, explicando o tipo de esquema utilizado.

Lectura facilitada

Nesta actividade, crearás diferentes composicións usando formas xeométricas sinxelas.

O obxectivo é explorar os esquemas visuais estudados e probar o peso visual e o equilibrio de cada composición.

Instrucións:

  • Recorta varias formas xeométricas en cartolina ou papel de cores (círculos, triángulos, cadrados, rectángulos...).
  • Coloca as formas sobre unha superficie branca (folla ou cartolina) para crear unha composición, seguindo un dos esquemas vistos.
  • Cando a composición che guste, tira unha fotografía.
  • Despois, recoloca as formas para crear unha nova composición cun esquema diferente e volve fotografala.
  • Repite o proceso ata facer, como mínimo, catro esquemas distintos.
  • Podes engadir un título ou unha pequena descrición a cada foto explicando o tipo de esquema usado.

Explorade

A vosa contorna está chea de composicións visuais! Nesta actividade, debedes buscar e fotografar imaxes da vosa vida cotiá, que se axusten aos esquemas compositivos estudados.

Instrucións:

Explorade a vosa contorna (aula, casa, rúa, natureza…) e buscade escenas ou obxectos que respondan a algún dos esquemas compositivos vistos no tema.

  • Tirade unha fotografía de cada exemplo que atopedes. Pode ser un edificio cunha composición simétrica, unha estrada que crea unha liña diagonal, unha árbore cunha estrutura triangular, un obxecto etc.
  • Recollede polo menos catro composicións diferentes cun esquema distinto.
  • Organizade as vosas fotos nunha pequena colaxe ou presentación e engadide unha breve explicación, indicando o esquema compositivo que representa cada imaxe.
  • Compartide o voso traballo coa clase e reflexionade sobre como a composición está presente no día a día.

Lectura facilitada

A vosa contorna está chea de composicións visuais! Nesta actividade, buscarás e fotografarás imaxes da túa vida cotiá que se axusten aos esquemas compositivos que vistes.

Instrucións:

  • Explora a túa contorna (aula, casa, rúa, natureza…).

Busca escenas ou obxectos que respondan a algún dos esquemas compositivos vistos.

  • Tira unha fotografía de cada exemplo que atopes.

Pode ser un edificio cunha composición simétrica, unha estrada cunha liña diagonal, unha árbore cunha estrutura triangular, un obxecto etc.

  • Recolle polo menos catro composicións diferentes cun esquema distinto.
  • Organiza as túas fotos nunha pequena colaxe ou presentación.

Engade unha breve explicación indicando o esquema compositivo que representa cada imaxe.

  • Comparte o teu traballo coa clase.

Reflexiona sobre como a composición está presente no día a día.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)