Saltar navegación

1.2. Tedes un problema

 

Glosario

Cartel

Pictograma de cartel

Definición:

Unha imaxe con palabras que busca chamar a atención e transmitir unha idea rápida e clara. Pode servir para informar, anunciar algo ou facer que a xente reflexione. O importante é que sexa visualmente atractivo e fácil de entender.

Exemplo:

Un cartel que anuncie un concerto pode usar cores vibrantes, unha tipografía rechamante e a imaxe dun instrumento musical para atraer o público.

Mensaxe

Pictograma de mensaxe

Definición:

Información que queremos comunicar a outras persoas, xa sexa con palabras, imaxes ou símbolos. Pode ser unha idea, unha emoción ou unha chamada á acción. O importante é que, quen a vexa, a entenda e lle faga pensar.

Exemplo:

Un debuxo dun corazón partido en dúas metades pode transmitir tristura ou ruptura, sen necesidade de explicacións.

Violencia de xénero

Pictograma de pegar unha bofetada

Definición:

A violencia de xénero é unha das mostras máis graves da desigualdade entre homes e mulleres. Sucede cando un home exerce control e dano sobre unha muller polo feito de ser muller. Esta violencia pode afectar a mulleres de calquera idade, nivel educativo ou situación económica.

Exemplo:

Normalmente, ocorre dentro de relacións de parella ou ex parella, e non é un feito illado, senón que se repite ao longo do tempo. O obxectivo do agresor é ter poder sobre a muller, facendo que se sinta indefensa e sen liberdade. Por iso, é tan importante recoñecela e loitar contra ela.

O voso reto

Hoxe ides empezar un proxecto moi importante. Traballaredes sobre a violencia de xénero; un tema que, aínda que ás veces non se fale o suficiente del, afecta a moitas persoas na sociedade.

Pero a arte, coma sempre, dá unha oportunidade para que expresedes e transformedes o que sentides en algo visual e poderoso. Neste proxecto seredes vós os encargados e encargadas de crear algo moi especial: un cartel conmemorativo do Día da eliminación da violencia contra a muller, que se celebra cada 25 de novembro.

A través deste cartel, utilizaredes todo o que iredes aprendendo neste tema sobre a cor, a forma e a composición, e, especialmente, sobre como usar a vosa creatividade para transmitir unha mensaxe clara e firme en contra da violencia.

Lembrade que un cartel non é só unha imaxe, senón tamén un medio para comunicar algo importante, para sensibilizar e facer pensar ás persoas que o vexan.

Así que, do mesmo xeito que os artistas usaron sempre a arte como unha forma de expresión e loita, vós teredes a oportunidade de ser artistas e crear unha peza que axude a que máis persoas entendan o crucial que é erradicar a violencia contra as mulleres na vosa sociedade.

Este será un traballo en equipo, e cada un de vós será esencial para que a mensaxe chegue con forza. Ides poñer todo o voso empeño e corazón neste proxecto!

Lectura facilitada

Hoxe ides comezar un proxecto moi importante.

Traballaredes sobre a violencia de xénero.

A arte dá unha oportunidade para que expresedes e transformedes o que sentides en algo visual e poderoso.

Neste proxecto seredes vós os encargados e encargadas de crear algo moi especial:

Un cartel conmemorativo do Día da eliminación da violencia contra a muller, que se celebra cada 25 de novembro.

A través deste cartel utilizaredes todo o que aprenderedes neste tema sobre a linguaxe visual.

Lembrade que un cartel non é só unha imaxe, senón un medio para comunicar algo importante.

Teredes a oportunidade de ser artistas e crear unha peza que axude a que máis persoas entendan a importancia de erradicar a violencia contra as mulleres.

Será un traballo en equipo e cada un de vós será esencial para que a mensaxe chegue con forza.

Apoio visual

Infografía resumo sobre o reto da situacion de aprendizaxe Queres implicArte?

Seredes capaces de...

Elaborar un cartel conmemorativo para o 25 de novembro, Día para a eliminación da violencia contra a muller, no que empreguedes:

  • Os elementos básicos da linguaxe visual e plástica.
  • Os principios básicos de composición.
  • Transmitir unha mensaxe mediante unha composición plástica.

Conseguirédelo?

Lectura facilitada

Elaborar un cartel conmemorativo para o 25 de novembro, Día para a eliminación da violencia contra a muller, no que empreguedes:

  • Os elementos básicos da linguaxe visual e plástica.
  • Os principios básicos de composición.
  • Transmitir unha mensaxe mediante unha composición plástica.

Conseguirédelo?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)