Sabías que...?
A acidez dunha substancia mídese a través da escala de pH, cuxos valores van desde o 1 (pH moi ácido) ata o 14 (pH moi alcalino), pasando polo 7 (pH neutro).
A auga pura, sen ningún tipo de substancia engadida, presenta pH neutro. A partir de aí, calquera substancia en disolución, fai que ese pH varíe.
En que punto da escala pensas que se sitúa a choiva ácida?

Normalmente, a choiva presenta unha lixeira acidez, tendo un pH aproximado de 5.6, mentres que a choiva ácida adoita ter un pH entre 4.2 e 4.4.
Pensas que esa acidez pode afectar aos vexetais? Imos descubrilo!
Para iso, debedes seguir estes pasos:
Paso 1
Preparade as plantas
Necesitaredes tres plantas iguais, situadas nun lugar onde teñan luz e aire suficiente.
Paso 2
Elaborade a vosa propia "choiva ácida"
Debedes preparar tres tipos de auga coa que regar as plantas:
- Auga normal (pH neutro).
- Auga con pH un pouco ácido (engadindo un chisco de vinagre diluído).
- Auga con pH máis ácido (engadindo un pouco máis de vinagre).

NOTA: Podedes comprobar a acidez da vosa disolución con papel indicador de pH.
Paso 3
Regade as plantas
Durante varios días, regade cada planta con un tipo de auga distinta:
- Planta 1: Auga normal.
- Planta 2: Auga con pH lixeiramente ácido.
- Planta 3: Auga con pH máis ácido.
Paso 4
Observade e anotade os resultados
Todos os días, observade como se vai desenvolvendo cada planta, anotade os cambios e, se queredes, tomade fotografías da evolución de cada planta. Fixádevos se muchan, se as follas cambian de cor ou se hai outros efectos visibles.
Paso 5
Redactade as vosas conclusións
Ao final do experimento, escribide as vosas conclusións sobre como o pH afecta ás plantas. Podedes incluír as fotografías que realizastes.
Este pequeno proxecto axudaravos a entender mellor como a contaminación atmosférica afecta ao mundo natural.
Cuestión 1
Como afecta o cambio no pH da auga ao crecemento das plantas e aos ecosistemas?
Cuestión 2
Razoa e responde:
a) Que consecuencias pode ter a choiva ácida sobre a agricultura e os cultivos?
b) Pode afectar directa ou indirectamente aos seres humanos? De que xeito?
Cuestión 3
De que maneira podemos contribuír a reducir os efectos da choiva ácida?