É unha zona de alta presión atmosférica rodeada de isóbaras de menor presión. Débese a unha masa de aire frío e seco que descende. O vento desprázase cara o exterior.
Exemplo:
Un anticiclón produce condicións de estabilidade atmosférica.
Borrasca
Definición:
É unha zona de baixa presión atmosférica, rodeada de isóbaras de maior presión. Débese a unha masa de aire quente e húmido que ascende. O vento desprázase cara o interior.
Exemplo:
Unha borrasca produce condicións de inestabilidade atmosférica.
Humidade relativa
Definición:
É a cantidade de vapor de auga que contén unha masa de aire en relación á máxima que podería conter en función da súa temperatura. O aire quente pode admitir máis vapor que o aire frío.
Exemplo:
A humidade relativa mídese cun higrómetro e o seu valor exprésase en porcentaxe.
Atmosfera
Imos ver algunhas das características xerais e cales son as funcións máis importantes da atmosfera.
Características xerais
Composición
A atmosfera está composta por un 78% de nitróxeno (N₂) e un 21% de osíxeno (O₂). Ademais, contén gases como o argon (Ar), dióxido de carbono (CO₂), vapor de auga (H₂O) e pequenas cantidades doutros gases.
Densidade
A densidade do aire cambia en función da temperatura, presión e altitude. O aire frío e seco é máis denso que o aire quente e húmido. Debido á gravidade terrestre, a menor altitude o aire é máis denso, mentres que a maior altitude é menos denso.
Presión atmosférica
É a forza que o aire exerce sobre a superficie terrestre e que diminúe a medida que se sobe en altitude. Mídese cun instrumento chamado barómetro.
Humidade
É a cantidade de vapor de auga que hai no aire. Pode medirse como humidade absoluta (g/m3) ou como humidade relativa.
Movemento
O vento é consecuencia do movemento horizontal do aire. Na troposfera, ademais, hai movementos verticais debidos a variacións de temperatura, humidade ou presión atmosférica. Anticiclóns e borrascas orixínanse deste xeito.
Funcións
Proporcionar osíxeno e dióxido de carbono
Subministra o O₂ necesario para a respiración dos seres vivos e o CO₂ para a fotosíntese de plantas, algas e bacterias fotosintéticas.
Protexer contra a radiación solar
Filtra a maior parte da radiación ultravioleta (UV) grazas á capa de ozono, protexendo os seres vivos. Tamén absorbe a radiación de alta enerxía da termosfera (raios X e raios γ).
Distribuír calor e humidade
Facilita o transporte de calor e a auga en forma de vapor, contribuíndo á regulación climática global.
Protexer contra o impacto de meteoritos
A maioría deles desintégranse antes de alcanzar a superficie terrestre debido ao rozamento coa atmosfera.
Regular a temperatura do planeta
Actúa como un illante térmico, mantendo a calor na Terra a través do efecto invernadoiro e evitando cambios de temperaturas extremos.
Lectura facilitada
A atmosfera ten características importantes que permiten a vida na Terra.
Características xerais
Composición
Está formada por un 78% de nitróxeno e un 21% de osíxeno.
Tamén contén argon, dióxido de carbono, vapor de auga e outros gases en pequenas cantidades.
Densidade
A densidade do aire cambia en función da temperatura, presión e altitude. O aire frío e seco é máis denso que o aire quente e húmido.
Debido á gravidade terrestre, a menor altitude o aire é máis denso, mentres que a maior altitude é menos denso.
Presión atmosférica
É a forza que o aire exerce sobre a Terra. Diminúe a medida que se sobe en altitude. Mídese cun barómetro.
Humidade
É a cantidade de vapor de auga no aire. Pode medirse como humidade absoluta ou humidade relativa.
Movemento
O vento prodúcese polo movemento do aire.
Na troposfera tamén hai movementos verticais por cambios de temperatura, humidade ou presión. Así se forman os anticiclóns e as borrascas.
Funcións
Proporcionar osíxeno e dióxido de carbono
Contén osíxeno para a respiración dos seres vivos e dióxido de carbono para a fotosíntese.
Protexer contra a radiación solar
Transporta calor e vapor de auga, axudando a regular o clima.
Distribuír calor e humidade
Facilita o transporte de calor e a auga en forma de vapor, contribuíndo á regulación climática global.
Protexer contra o impacto de meteoritos
Fai que a maioría se desintegre antes de chegar á Terra.
Regular a temperatura do planeta
Mantén a calor grazas ao efecto invernadoiro e evita cambios de temperatura extremos.
Audio
Desconecta!
Agora que xa sabes algo máis da atmosfera terrestre, responde ás seguintes cuestións no teu caderno:
Cuestión 1
a) Cal é o gas máis abundante na atmosfera? Indica as súas proporcións.
b) Elabora un gráfico de barras onde se represente cada un dos gases segundo a súa proporción.
Cuestión 2
Cres que a atmosfera da Terra e a de Marte gardan algún parecido? Cal?
Cuestión 3
A seguinte gráfica mostra a composición da atmosfera de Marte. Analízaa e responde:
a) Que gases a compoñen e en que proporcións?
b) En que se diferencia da atmosfera terrestre?
c) Poderían os seres vivos da Terra desenvolver as súas funcións nese planeta? Por que?
O efecto invernadoiro
O efecto invernadoiro
O efecto invernadoiro natural é un proceso polo cal a atmosfera terrestre retén parte da calor procedente do Sol, mantendo unha temperatura adecuada para a vida no planeta.
Este fenómeno ocorre do seguinte modo:
A enerxía solar chega á Terra en forma de radiación visible, atravesando a atmosfera.
A superficie terrestre absorbe esta enerxía, elevando a súa temperatura e emitindo calor en forma de radiación infravermella.
Algúns gases da atmosfera, como o dióxido de carbono (CO₂), o metano (CH₄), o vapor de auga (H₂O) e o óxido nitroso (N₂O), absorben e devolven á superficie parte da radiación infravermella, evitando que escape ao espazo.
Esta calor retida axuda a manter unha temperatura media global (~15°C), esencial para a vida.
Sen o efecto invernadoiro natural, a Terra sería moito máis fría, dificultando a existencia de auga líquida e, polo tanto, da maior parte dos ecosistemas. É importante distinguir este proceso natural do efecto invernadoiro intensificado, causado pola actividade humana, que leva ao quecemento global.
Que é e por que está a aumentar?
No seguinte vídeo podedes coñecer como funciona o efecto invernadoiro e o seu incremento.
Anomalías da temperatura global desde 1880 ata 2023
Este vídeo amosa o aumento da temperatura global desde finais so século XIX, debido ás emisións de gases de efecto invernadoiro de orixe antrópica.
Lectura facilitada
O efecto invernadoiro
O efecto invernadoiro natural fai que a atmosfera reteña parte da calor do Sol.
Isto permite que a Terra teña unha temperatura axeitada para a vida.
Como funciona?
A luz do Sol chega á Terra e atravesa a atmosfera.
A superficie terrestre absorbe esta enerxía, quéntase e devolve calor ao aire.
Algúns gases da atmosfera, como o dióxido de carbono (CO₂), o metano (CH₄), o vapor de auga (H₂O) e o óxido nitroso (N₂O), reteñen parte desa calor e evitan que escape ao espazo.
Así, a Terra mantén unha temperatura media duns 15°C, necesaria para a vida.
Sen este proceso, a Terra sería moito máis fría e a auga líquida non podería existir en moitos lugares. Iso faría máis difícil a vida no planeta.
Pero hai que diferenciar entre o efecto invernadoiro natural e o efecto invernadoiro intensificado.
A actividade humana está a aumentar os gases que reteñen a calor, facendo que a temperatura global suba máis do normal.
Que é e por que está aumentando?
No seguinte vídeo podedes ver como funciona o efecto invernadoiro e como está aumentando.
Aumento da temperatura global desde 1880 ata 2023
Este vídeo mostra como a temperatura do planeta foi subindo desde finais do século XIX debido ás emisións de gases producidas polas persoas.
Audio
Non confundamos...
"Esta semana teremos un clima moi malo"
Que opinas desta afirmación? Mira con atención o seguinte vídeo e despois comentade se tiñades os conceptos claros.
Agora contesta individualmente no caderno as seguintes cuestións:
Cuestión 1
Que é o tempo meteorolóxico?
Cuestión 2
Que é o clima?
Cuestión 3
Que tempo vai hoxe? Cal é a predición meteorolóxica para os próximos días?
Cuestión 4
Que clima ten Galicia? Indica as súas principais características.