Saltar navegación

2. De que nos lembramos?

 

Glosario

Aire

Representación gráfica das moléculas que compoñen o aire

Definición:

Mestura dos diferentes gases que conforman a atmosfera terrestre.

Exemplo:

O aire limpo é esencial para manter a saúde dos seres vivos.

Atmosfera

Pictograma da atmosfera terrestre

Definición:

Capa de gases que rodea o planeta Terra, composta principalmente por nitróxeno (78%) e osíxeno (21%), ademais doutros gases en menores proporcións.

Exemplo:

A atmosfera terrestre é esencial para a vida.

Auga

Diagrama dun modelo molecular de auga

Definición:

Composto químico (H₂O) fundamental para a vida, que pode presentarse en tres estados: sólido, líquido e gasoso.

Exemplo:

A maior parte da auga do planeta atópase nos océanos.

Hidrosfera

Pictograma da hidrosfera

Definición:

Conxunto de toda a auga da Terra. Cobre aproximadamente o 70% da superficie terrestre e é fundamental para a existencia de vida no planeta.

Exemplo:

A hidrosfera abrangue as augas superficiais e subterráneas.

Os inicios

O noso planeta é moi especial, entre moitas outras cousas pola presenza de vida. Isto non sería posible sen a atmosfera e a hidrosfera.

Atmosfera

Pictograma dunha planta realizando a fotosíntese É moi importante para os seres vivos porque...

  • Mantén unha temperatura adecuada no planeta gracias ao efecto invernadoiro natural.
  • O aire contén osíxeno para que a maioría deles poidan respirar, pero tamén dióxido de carbono para que moitos outros fagan a fotosíntese.
  • Protexe das radiacións solares máis prexudiciais e dos impactos dos meteoritos.
  • Participa na formación e modelado do relevo.

Hidrosfera

Pictograma dun coral no medio mariño É moi importante para os seres vivos porque...

  • Todos están formados por auga.
  • Regula a temperatura.
  • É o medio de transporte dunha gran cantidade de substancias, como o zume das plantas ou o sangue dos animais.
  • Tamén participa na formación e modelado do relevo.

Lectura facilitada

O noso planeta é especial porque ten vida.

Isto é posible grazas á atmosfera e á hidrosfera.

Atmosfera

Pictograma dunha planta realizando a fotosíntese É moi importante para os seres vivos porque...

  • Mantén unha temperatura axeitada grazas ao efecto invernadoiro natural.
  • O aire ten osíxeno para respirar e dióxido de carbono para a fotosíntese.
  • Protexe das radiacións do Sol e dos meteoritos.
  • Axuda a formar e modificar o relevo.

Hidrosfera

Pictograma dun coral no medio mariño É moi importante para os seres vivos porque...

  • Todos teñen auga no seu corpo.
  • Regula a temperatura.
  • Transporta substancias, como o sangue e o zume das plantas.
  • Axuda a formar e modificar o relevo.

A orixe da atmosfera e da hidrosfera

O primeiro de todo é que recordes como se formaron a atmosfera e a hidrosfera.

Orixe da atmosfera

Orixe da hidrosfera

Neste documental sobre a formación da Terra, visualiza entre os minutos 7:57 e 10:40 acerca da orixe da hidrosfera.

Pero antes de nada, canto sabes da atmosfera e da hidrosfera?

Pregunta

1. O aire da atmosfera está composto por varios gases. Cal deles é o máis abundante?

Respostas

Osíxeno (O₂).

Dióxido de carbono (CO₂).

Nitróxeno (N₂).

Ozono (O₃).

Pregunta

2. A hidrosfera...

(Sinala a resposta correcta)

Respostas

Está formada polas augas doces dos océanos, ríos e lagos.

Está formada por auga doce e auga salgada en estado sólido, líquido e gasoso.

Está moi contaminada por dióxido de carbono.

É a capa máis interna da Terra.

Pregunta

3. A atmosfera está formada por varias capas. Cal é a capa en que se desenvolve a vida?

Respostas

Troposfera.

Estratosfera.

Biosfera.

Xeosfera.

Pregunta

4. No ciclo da auga...

(Sinala a resposta correcta)

Respostas

As augas da superficie terrestre forman acuíferos.

A auga das nubes evapórase ao caer en forma de precipitacións.

A auga dos mares desemboca nos ríos.

O vapor de auga condénsase para formar nubes.

Pregunta

5. O dióxido de carbono (CO₂) en exceso na atmosfera é un problema. Por que?

Respostas

Porque elimina o osíxeno necesario para respirar.

Porque incrementa o efecto invernadoiro.

Porque destrúe a capa de ozono.

Porque dificulta a respiración dos seres vivos.

Pregunta

6. Que medida axuda a reducir a contaminación do aire?

Respostas

Plantar árbores, que absorben dióxido de carbono.

Usar máis vehículos de combustión.

Incrementar a emisión de gases industriais.

Queimar plásticos para reducir os residuos.

Pregunta

7. Que consecuencias ten a contaminación das augas do planeta?

Respostas

Increméntase o efecto invernadoiro e o cambio climático.

Aumenta a biodiversidade dos océanos, ríos e lagos.

Mellora a calidade da auga dos acuíferos.

Altera os ecosistemas e afecta á saúde humana.

Pregunta

8. As radiacións ultravioletas do Sol...

(Sinala a resposta correcta)

Respostas

Son beneficiosas porque poñen a pel morena.

Son absorbidas polo dióxido de carbono (CO₂) da atmosfera.

Parte delas son retidas pola capa ozono (O₃).

Son moi intensas durante as noites de verán.

Pregunta

9. Como se orixinaron a atmosfera e a hidrosfera da Terra?

Respostas

A partir dos gases expulsados polos volcáns e do impacto dos meteoritos.

Grazas á influencia que exerceu a Lúa.

Formáronse ao mesmo tempo que as primeiras plantas.

Foron creadas polos seres humanos durante a prehistoria.

Pregunta

10. Por que a combinación de osíxeno na atmosfera e a presenza de auga líquida na hidrosfera son fundamentais para a vida?

Respostas

O osíxeno na atmosfera permite que os océanos se conxelen, protexendo os seres vivos.

A auga líquida é importante porque disolve gases tóxicos, mentres que o osíxeno permite respirar.

O osíxeno é esencial para a respiración de moitos seres vivos, e a auga líquida actúa como disolvente e medio para as reaccións químicas da vida.

A combinación é irrelevante, xa que a vida podería existir sen estas condicións.

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)