É a distancia angular desde un punto da superficie da Terra ata o ecuador. Mídese en grados, minutos e segundos.
Exemplo:
A latitude á que se sitúa Mondoñedo é de 43°25'41.6"N.
Ozono
Definición:
É unha molécula formada pola unión de tres átomos de osíxeno (O).
Exemplo:
O ozono (O3) é moi importante para a vida na Terra.
As capas da atmosfera
Lembras cales son as capas da atmosfera e as súas características? Fíxate na imaxe, pero ten en conta que unha milla equivale a 1,609 km.
Troposfera
É a capa máis baixa, que remata na tropopausa. Vai desde a superficie ata uns 9-16 km de altura, segundo a latitude. Ademais de conter os diferentes gases que son importantes para os seres vivos (O₂ e CO₂), nela ocorren os fenómenos meteorolóxicos. A súa temperatura vai diminuíndo coa altitude.
Estratosfera
Sitúase sobre a troposfera e remata na estratopausa, a 50 km de altura. A cantidade de aire xa é baixa, pero entre os 15 e os 30 km atópase a capa na que se concentra o ozono, que absorbe a maior parte da radiación ultravioleta. A súa temperatura aumenta coa altitude.
Mesosfera
Está entre os 50 e os 80 km de altura, ata a mesopausa. Nela fórmanse as estrelas fugaces ou meteoros, debido ao rozamento co aire das partículas que desprenden os cometas. A temperatura volve diminuír coa altura.
Termosfera
Chega ata os 600-800 km de altura e a súa temperatura aumenta rapidamente, debido á absorción da radiación solar de alta enerxía, os raios X e os raios γ. Nas zonas próximas aos polos poden observarse as auroras polares (boreais e austrais) que nela se producen. O seu límite superior é a termopausa.
Exosfera
A capa máis exterior, que se estende desde a termopausa ata varios miles de quilómetros. Está composta por partículas moi dispersas e é onde se atopan as órbitas dos satélites.
Lectura facilitada
Lembras as capas da atmosfera e as súas características?
Troposfera
É a capa máis baixa. Vai desde a superficie ata uns 9-16 km de altura.
Nela están os gases necesarios para a vida, como o osíxeno e o dióxido de carbono.
Aquí ocorren os fenómenos meteorolóxicos. A temperatura baixa coa altitude.
Estratosfera
Vai ata os 50 km de altura. O aire é menos denso.
Entre os 15 e os 30 km atópase a capa de ozono, que nos protexe da radiación ultravioleta. A temperatura sube coa altitude.
Mesosfera
Esténdese ata os 80 km.
Aquí fórmanse as estrelas fugaces, porque os meteoros se queiman ao rozar co aire. A temperatura baixa coa altura.
Termosfera
Chega ata os 600-800 km.
A temperatura sobe moito porque absorbe a radiación solar.
Aquí ocorren as auroras boreais e austrais.
Exosfera
É a capa máis externa. Esténdese ata varios miles de quilómetros.
Ten moi poucas partículas e é onde orbitan os satélites.
Apoio visual
Imaxe cos nomes en galego e a altura aproximada en quilómetros
Desconecta!
Duración:
25 minutos
Agrupamento:
En parellas
A traballar coas mans!
Realizade unha maqueta coas distintas capas da atmosfera, empregando materiais como papel, cartolina, goma eva e calquera outro que vós consideredes.
Ao lado de cada unha delas, debe haber unha tarxeta de identificación co seu nome e un debuxo que represente as súas características principais.