Saltar navegación

1. Primeiros pasos

 

Glosario

Cambio climático

Mapa de anomalías da temperatura global desde 1880 ata 2023

Definición:

Variación lenta e progresiva das temperaturas e dos patróns dos climas da Terra, influenciada tanto por factores naturais como por actividades humanas.

Exemplo:

O cambio climático está provocando que as temperaturas do planeta aumenten cada vez máis.

Contaminación

Pictograma da contaminación mariña por plásticos

Definición:

Presenza de substancias ou formas de enerxía perigosas na auga, no aire ou no solo, que adoitan causar un prexuízo os seres vivos.

Exemplo:

A contaminación está a destruír o medio ambiente e os ecosistemas.

Crise climática

Pictograma dunha inundación nunha zona habitada

Definición:

Situación actual en que os efectos do cambio climático causan problemas graves para o medio ambiente e os seres vivos.

Exemplo:

A crise climática está causando desastres naturais que afectan a moitas comunidades arredor do mundo.

ODS 2030

Logotipo dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Definición:

Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 2030) constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo.

Exemplo:

O obxectivo número 1 dos ODS 2030 é poñer fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo.

O actual reto climático

A sociedade ten diante o que probablemente sexa o reto máis importante ao que enfrontarse na actualidade: a crise climática.

Nos últimos anos, estamos a ver que os desastres naturais son cada vez máis frecuentes en todo o mundo. Son exemplos os furacáns, as inundacións ou as grandes secas.

Representación dos efectos do cambio climático

Ademais, o cambio climático está a obrigar a moitas persoas a abandonar os seus fogares, debido ás dificultades de supervivencia nalgunhas rexións do planeta. Algunhas das causas destes desprazamentos son os fenómenos climáticos extremos, a contaminación e a falta de acceso á auga potable.

Migrantes nun deserto diante dun camión cargado con axuda humanitaria e outros enseres

Cres que poderás achegar unha pequena solución a algún destes problemas?

Lectura facilitada

A crise climática é un gran problema para a sociedade.

Nos últimos anos hai máis desastres naturais.

Os furacáns son máis fortes.

As inundacións destrúen casas.

As secas fan que falte a auga.

O cambio climático obriga a moitas persoas a deixar as súas casas.

Algunhas causas son os fenómenos meteorolóxicos extremos, a contaminación e a falta de auga potable.

Pensas que podes facer algo para axudar?

Que vas aprender?

Ao longo deste recurso aprenderás a:

  • Pór en marcha accións contra a crise climática.
  • Recoñecer os efectos do cambio climático no noso planeta.
  • Contrastar a información científica e valorar a contribución da ciencia á sociedade.
  • Valorar a importancia de coidar o noso medio ambiente para un futuro sostible.
  • Participar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS 2030), especialmente co ODS 6 (auga limpa e saneamento) e co ODS 13 (Acción polo clima).
  • Comprender a estrutura e a importancia da atmosfera e da hidrosfera para a vida na Terra.

Lectura facilitada

Neste recurso aprenderás a:

  • Actuar contra a crise climática.
  • Recoñecer os seus efectos.
  • Distinguir información científica.
  • Coidar o medio ambiente.
  • Axudar a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
  • Comprender a atmosfera e a hidrosfera.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)