Hidrosfera
Propiedades e funcións da auga
| Propiedades | Funcións |
|---|---|
|
Elevada calor específica A auga pode absorber ou liberar grandes cantidades de calor sen que varíe moito a súa temperatura. |
Termorreguladora Debido á súa elevada calor específica, a auga axuda a regular a temperatura, tanto nos seres vivos como no medio ambiente. Cando hai unha variación brusca de temperatura, a auga absorbe ou cede calor, amortecendo o cambio. É o fundamento de procesos como a sudación dos animais, ou as temperaturas máis suaves das zonas costeiras respecto a outras de interior. |
|
Maior densidade en estado líquido que en estado sólido O xeo flota na auga líquida. |
Ecolóxica Permite a vida baixo o xeo en ecosistemas acuáticos. |
|
Elevado poder disolvente A auga pode disolver moitas substancias, polo que se considera un disolvente universal. |
Transporte de substancias Debido ao seu elevado poder disolvente, a auga é o medio de transporte de moitas substancias nos seres vivos, por iso os zumes das plantas e o sangue dos animais poden transportar os nutrientes, ou a urina pode transportar os refugos. |
|
Elevada forza de cohesión e de adhesión As moléculas da auga están moi unidas unhas coas outras, e tamén se adhiren con facilidade a outras moléculas diferentes. |
Capilaridade Debido á elevada forza de cohesión e adhesión da auga, o zume bruto das plantas ascende dende as raíces ata as follas. |
O ciclo da auga
É a circulación continua de auga na Terra. Cambia constantemente tanto de estado físico (sólido, líquido e gasoso) como de lugar: vai da atmosfera á superficie terrestre, onde se despraza pola hidrosfera e a biosfera. O ciclo é posible grazas á forza da gravidade e á enerxía solar.
Principais procesos que interveñen no ciclo:
- Evaporación: A enerxía solar fai que a auga líquida de océanos, ríos, lagos ou solos se transforma en vapor para ir á atmosfera.
- Transpiración: Os seres vivos liberan auga en forma de vapor á atmosfera. Por exemplo, os animais mediante a sudación ou as plantas a través dos estomas.
- Evapotranspiración: É a suma da evaporación e da transpiración.
- Condensación: O vapor de auga arrefría na atmosfera, transformándose en pequenas pingas de auga líquida para formar as nubes.
- Precipitación: A auga regresa á superficie terrestre en forma de chuvia, neve ou sarabia.
- Infiltración: Unha parte da auga penetra no solo, alimentando os acuíferos subterráneos.
- Escorrentía: A auga flúe sobre a superficie terrestre cara aos ríos, lagos e océanos.
O ciclo da auga é fundamental para a distribución e renovación dos recursos hídricos, mantendo o equilibrio dos ecosistemas, regulando o clima e proporcionando auga para a vida na Terra.
A auga ten múltiples usos fundamentais para a sociedade, os ecosistemas e a economía:
Usos consuntivos
Que son?
A auga que se emprega nestes usos xa non pode utilizarse de novo.
Cales son?
- Uso doméstico: Para beber, cociñar e hixiene persoal. Tamén se inclúe a auga empregada en servizos públicos e comercios.
- Uso agrícola e gandeiro: Utilízase para regar cultivos e representa o maior uso a nivel global. Ademais, a cría de gando tamén require grandes cantidades de auga.
- Uso industrial: As industrias tamén empregan grandes cantidades de auga nos procesos de fabricación, refrixeración e limpeza.
Usos non consuntivos
Que son?
A auga que se emprega nestes usos pode utilizarse de novo.
Cales son?
- Uso enerxético: A auga empregada en complexos de produción de enerxía, como en centrais hidroeléctricas ou na refrixeración en plantas térmicas.
- Uso recreativo: Utilízase en deportes acuáticos, piscinas, balnearios ou actividades turísticas nas zonas costeiras.
O uso eficiente e sostible da auga é esencial para garantir a súa dispoñibilidade a longo prazo e preservar os ecosistemas naturais.
Lectura facilitada
Propiedades e funcións da auga
| Propiedades | Funcións |
|---|---|
|
Elevada calor específica A auga pode absorber ou liberar calor sen cambiar moito de temperatura. |
Termorreguladora Axuda a regular a temperatura nos seres vivos e no medio ambiente. Amortigua cambios bruscos de temperatura. |
|
Maior densidade en estado líquido que en estado sólido O xeo flota na auga líquida. |
Ecolóxica Permite a vida baixo o xeo en ecosistemas acuáticos. |
|
Elevado poder disolvente A auga pode disolver moitas substancias, sendo un disolvente universal. |
Transporte de substancias Transporta nutrientes nos seres vivos, como no sangue e nos zumes das plantas. |
|
Elevada forza de cohesión e de adhesión As moléculas da auga están unidas e péganse a outras moléculas. |
Capilaridade A auga ascende nas plantas grazas á cohesión e adhesión das súas moléculas. |
O ciclo da auga
O ciclo da auga é a circulación continua de auga na Terra. A auga cambia de estado (sólido, líquido, gasoso) e de lugar grazas á enerxía solar e á forza da gravidade.
Principais procesos que interveñen no ciclo:
- Evaporación: A auga líquida convértese en vapor e sobe á atmosfera.
- Transpiración: Os seres vivos liberan vapor de auga, como nas plantas ou cando suamos.
- Evapotranspiración: É a suma da evaporación e da transpiración.
- Condensación: O vapor de auga arrefríase e forma nubes.
- Precipitación: A auga volve á Terra como choiva, neve ou sarabia.
- Infiltración: Parte da auga penetra no solo e enche os acuíferos.
- Escorrentía: A auga flúe sobre a Terra cara aos ríos e océanos.
O ciclo da auga é moi importante porque axuda a que a auga se mova e se renove na Terra. Mantén o equilibrio nos ecosistemas, regula o clima e dá auga para a vida.
A auga ten múltiples usos fundamentais para a sociedade, os ecosistemas e a economía:
Usos consuntivos
Que son?
A auga xa non pode usarse de novo.
Cales son?
- Uso doméstico: Para beber, cociñar, hixiene persoal e comercios.
- Uso agrícola e gandeiro: Para regar cultivos e alimentar gando.
- Uso industrial: Na fabricación e refrixeración nas industrias.
Usos non consuntivos
Que son?
A auga pode usarse de novo.
Cales son?
- Uso enerxético: Para xerar enerxía nas centrais hidroeléctricas.
- Uso recreativo: En deportes acuáticos, piscinas e actividades turísticas.
Usar a auga de forma responsable axuda a protexer os recursos naturais e asegura que haxa suficiente auga no futuro para as persoas, os animais e as plantas.








