Saltar navegación

4.1. Preparadas e preparados?

Preparadas e preparados?

Xa estás lista ou listo para crear un dos recunchos da instalación artística do reto que viches na fase 1 deste proxecto. Agora toca repartir os recunchos a crear por cada equipo. Neste apartado poderás atopar recursos e axudas que te guiarán á hora de deseñar e crear as actividades. 

Decide xunto co teu grupo cal será o recuncho do que se ocupará o teu equipo. Para iso, ordenade de maior a menor interese as seguintes opcións:

Luz negra

Luz negra, fluorescentes e retratos de mulleres relevantes serán os recursos cos que teredes que idear.

Precisas unha idea?

Monta un recuncho no que o alumnado poida colorear os retratos das mulleres cos fluorescentes nun espazo con luz negra. Tamén podes empregar papel continuo branco para que se expresaren libremente con esas mesmas cores.

Audiovisual

A música é tamén un medio de expresión de sentimentos. Proxectando vídeos musicais teredes que facer un recuncho no que o resto do alumnado poida partillar as emocións que lle evocan.

Precisas unha idea?

Monta un recuncho no que o alumnado poida visualizar os vídeos musicais que recompilastes na fase 1.4.: ordenador, tableta, proxector, auriculares... Achega tamén un soporte no que poidan plasmar as súas emocións e sentimentos sobre o que están a escoitar como por exemplo: folios, papel continuo...

Luz branca

Retratos en papel de acetato, material translúcido e mesas de luz serán as protagonistas desta parte da instalación.

Precisas unha idea?

Monta un recuncho no que o alumnado empregue como base unha mesa de luz ou unha luz de escritorio e os retratos de acetato que recompilastes na fase 3.4. para que poida experimentar con diferentes materiais translúcidos.

Cortar e pegar

Papeis creativos, tesoiras, pegamento e un cartel xigante serán os protagonistas.

Precisas unha idea?

Monta un recuncho no que o alumnado enfeite lemas e frases reivindicando a importancia da igualdade entre homes e mulleres empregando recortes de xornais, revistas, folletos a modo de colaxe.

Texturas

Materiais de diferentes texturas serviranche para elaborares este recuncho.

Precisas unha idea?

Monta un recuncho sobre un anaco grande de papel continuo no chan onde debuxaredes os tipos de liñas traballadas para que, sobre elas, o alumnado poida colocar diferentes materiais e experimentar coas súas texturas.

Por último, argumentade e poñédevos de acordo co resto dos equipos para decidir cal será o recuncho de cada un para crear a instalación artística.

Lectura facilitada

Agora toca repartir os recunchos por equipo.

Decide co teu grupo cal será o voso.

Ordenade de maior a menor as seguintes opcións.

1. Luz negra

  • Crear un recuncho de Luz negra, fluorescentes e retratos de mulleres relevantes.

2. Audiovisual

  • Crear un recuncho onde proxectaredes vídeos.

3. Texturas

  • Crear un recuncho con materiais diferentes.

4. Luz branca

  • Crear un recuncho de retratos con papel acetato, material translúcido e mesas de luz.

5. Cortar e pegar

  • Recuncho con papeis creativos, tesoiras, pegamento...

Planifícate

Paso 1

Planificación

Facede unha breve descrición da actividade proposta no voso recuncho, unha lista cos materiais que ides precisar para levalas a cabo e un deseño da distribución do mesmo. Cubride a seguinte ficha en formato PDF (nova xanela) ou en formato editable co voso traballo.

Paso 2

Busca de lugar

Solicitade permiso á dirección do centro para levar a cabo esta proposta así como o lugar para desenvolvela.

Cando teñades o lugar, elabora un plano do espazo coa distribución de tódolos recunchos así como dos obxectos que vaiades empregar. Facede unha posta en común co resto de equipos para decidir cal será a proposta que levaredes a cabo.

Paso 3

Procura de materiais

Recompilade os materiais que ides precisar.

Paso 4

Creación de modelos

Creade exemplos do que se podería facer no recuncho que sirvan de inspiración ao resto do alumnado.

Podes sacar fotos para incluír na instalación artística.

Paso 5

Montaxe do recuncho

Seguindo o deseño que fixestes no paso 1, montade o voso recuncho no espazo que decidiches. Tende en conta a lista de control do reto para que todo  saia á perfección.

Paso 6

Publicidade

Elabora un cartel para distribuír polo centro no que indiques a data e o lugar no que poderán experimentar coa instalación artística. 

Lista de control e consellos para facer unha boa instalación artística

Para que a instalación artística cumpra todos os requisitos, asegurádevos que cumprides todo o que se pide na lista de control deste reto final.

E se queres algún consello, podes revisar o documento adxunto.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)