Crear os carteis
Un cartel publicitario ten a finalidade de promover un produto, evento ou servizo para que a xente se interese nel. Por ese motivo ten que ser algo rechamante, que consiga que as persoas amosen interese por coñecer o produto ou asistir e participar no evento.
Esta tarefa consiste na creación dun cartel publicitario, cun estilo semellante ás obras artísticas de Andy Warhol, para anunciar e divulgar o Entroido do teu colexio. Utilizarás programas informáticos libres e accesibles para todas as persoas. Necesitas o programa GIMP para retocar as imaxes, e LibreOffice Draw para facer a composición do cartel.
Se prefires traballar co teu equipo, e crear de forma cooperativa o cartel, podes utilizar unha plataforma de Internet que é segura e non obriga a crear conta de usuario ou de usuaria para utilizala, trátase de Excalidraw.
Paso 1
Planificación

Neste paso tes que planificar a forma do cartel, cos textos e a imaxe.
O cartel debe ter:
- Título.
- Imaxe representativa do Entroido repetida con variacións de cor.
- A data, hora e lugar da celebración no colexio.
Dálle renda solta a túa creatividade.
Paso 2
Busca da imaxe

Unha vez planificado o cartel, toca buscar unha imaxe en Internet. Lembra o que comentamos das licenzas, non todo vale á hora de escoller unha imaxe. Podes usar bancos de imaxes libres, ou con licenza creative commons como son: Wikimedia Commons (nova xanela) e Galipedia (abre nova xanela).
Paso 3
Modificación con GIMP

Despois de escolleres a imaxe toca modificala ao estilo Arte Pop. Para iso imos empregar o programa libre GIMP, con que vas poder xerar imaxes con variacións de cor ao estilo Warhol.
Co seguinte videotitorial aprenderás a aplicar variacións de cor a unha imaxe.
Paso 4
Deseño do cartel

Agora que xa tes listas as 4 imaxes coas variacións de cor, podes utilizar o programa LibreOffice Draw para compor o cartel coas imaxes e textos.
Se a persoa docente che pide que fagas a tarefa co teu equipo, podes usar a plataforma Excalidraw para traballar de forma cooperativa.
Aquí tes un videotitorial sobre LibreOffice Draw e outro videotitorial sobre Excalidraw para aprenderes a crear o cartel.
Paso 5
Difusión

Pois xa só queda o último paso, compartir o cartel co resto do colexio. Podes imprimir o cartel e facer varias copias para pegalas polos corredores e as entradas do cole. Tamén podes usar a versión dixital para publicala na web do centro. Fala deste tema coa persoa docente.
Lectura facilitada
Un cartel publicitario ten a finalidade de promover
un produto, evento ou servizo.
A tarefa consiste na creación dun cartel publicitario,
para anunciar o Entroido.
Que necesitas?
- O programa GIMP, para retocar as imaxes.
- LibreOffice Draw, para facer a composición do cartel.
- Se traballas co teu equipo, utilizarás a plataforma Excalidraw.
PASO 1. Planifica a forma do cartel.
O cartel terá.
- Título.
- Imaxe do Entroido.
- Data, hora e lugar de celebración.
PASO 2. Busca da imaxe.
-
- Busca unha imaxe na internet.
- Utiliza bancos de imaxes libres como:
Wikimedia Commons (nova xanela) e Galipedia (abre nova xanela).
PASO 3. Modificación con GIMP.
- Modifica a imaxe.
- Emprega o programa GIMP.
- Aprende co videotitorial.
PASO 4. Deseño do cartel
- Compón o cartel.
- Utiliza LibreOffice Draw.
- Se a fas co teu equipo, utiliza Escalidraw.
- Aprende co titorial.
PASO 5. Difusión
- Comparte o cartel.
- Imprímeo e fai copias.
- Pega as copias polos corredores.
- Podes publicala na páxina web.
