Saltar navegación

1.1. Un reto ao estilo Warhol

 

Glosario

Cartel

Pictograma onde saen varias persoas disfrazadas camiñando pola rúa

Definición:

Anuncio que ten como fin informar sobre algo importante.

Exemplo:

O alumnado de 5º de primaria vai preparar o cartel de Entroido para convidar o resto do alumnado á festa do próximo venres.

Colaxe

Imaxe dun colaxe con papeis de cores con forma dun elefante

Definición:

Técnica que une recortes de imaxes ou papel para crear unha obra pictórica.

Exemplo:

Creei unha colaxe do universo utilizando imaxes de revistas.

Retrato

Pictograma onde sae unha persoa posando

Definición:

Debuxo da cara dunha persoa.

Exemplo:

Hoxe, na clase de pintura, fixen un retrato da miña nai.

O reto

Warhol dedicouse a reflectir obxectos, lugares e personalidades de outros países esquecéndose de Galicia.  Iso imos facelo nós! De que maneira?

En equipos teredes que crear unha instalación con recunchos artísticos para o resto de alumnado do centro. Nela, poderase observar, experimentar, manipular e transformar os materiais e obxectos que propoñades, así como descubrir mulleres relevantes galegas, iso si, sempre mantendo un toque Warhol. Nesta ligazón (nova xanela) podes ler un pouco máis sobre a súa vida.

Imaxe dunha instalación artística.

Algunhas das actividades que che propoñemos son as seguintes:

Agamógrafo

Realizar unha obra de arte

Fotografía dun agamógrafo co debuxo dunha pomba da paz

Empregarás procesos da arte xeométrica para crear, con esta técnica artística, polo Día da Paz.

Cartel

Aprender sobre a publicidade

Imaxe dun cartel publicitario sobre o Entroido

Descubrirás como Andy Warhol comezou a súa andaina no mundo da arte e crearás un cartel para anunciar a festa de Entroido do centro.

Colaxe

Coñecer novas técnicas

Fotografía dunha colaxe co retrato dunha muller galega relevante

Aprenderás a facer colaxes ao estilo Warhol, empregando retratos de mulleres relevantes galegas.

Retrato

Xogar con efectos visuais

Fotografía dun retrato de Isabel Zendal pintado con cores fluorescentes

Probarás os efectos da luz negra sobre as cores lucentes, para facer retratos de mulleres galegas relevantes.

Aquí podes descargar a lista de control en formato PDF (nova xanela) ou, se o prefires, en formato editable con todo o que debes facer neste proxecto.

Só falta que lle poñas vontade e desfrutes moito con esta experiencia!

Comezamos! 

Lectura facilitada

Warhol debuxou obxectos, lugares e persoas doutros países,

mais esqueceuse de Galicia.

Por iso o farás ti!

En equipos crearedes unha instalación artística

para o resto do colexio.

Na instalación os nenos e nenas

poderán experimentar con materiais e obxectos

e descubrir mulleres relevantes galegas

sempre usando o estilo de Warhol. 

As actividades que che propoñemos son:

  • Agamógrafo: realizarás unha obra de arte con esta técnica polo Día da Paz.
  • Publicidade: crearás un cartel para anunciar a festa de Entroido do centro.
  • Colaxe: aprenderás a facer retratos co ordenador.

Ponlle vontade.

Comezamos!

Para saber máis: instalacións artísticas

Na fase 4 daraslle renda solta a túa creatividade para crear unha instalación con recunchos artísticos onde poderá gozar todo o cole, porén... algunha vez experimentaches nunha instalación de xogo? Oíches falar das instalacións artísticas? Non? Pois aquí podes ver algúns exemplos. 

Instalacións artísticas

Podes acceder aquí (nova xanela) á galería da páxina web de Createctura, asociación pedagóxica que investiga e innova no mundo do deseño de espazos a través da arte e a creatividade.

Neste vídeo da mesma asociación podes ver uns exemplos de instalacións creadas para a infancia.

Instalacións de xogo

Aquí (nova xanela) podes ver exemplos de diferentes instalacións de xogos.

E no seguinte vídeo podes ver unha instalación en pleno funcionamento.

E se aínda tes dúbidas, no seguinte documento PDF (nova xanela) contámosche que é unha instalación. 

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)