Saltar navegación

3.2. Entroido publicitario

 

Glosario

Polifacético

 Pictograma que representa unha persoa da que saen catro debuxos: pelota, tesoiras, mochila e taboleiro

Definición:

Dise das persoas ás que lles gusta facer moitas cousas, actividades, ter moitas aficións...

Exemplo:

Warhol era unha persoa polifacética xa que alén de pintor foi ilustrador, publicista e actor.

Para informarse

Como ben sabes, Andy Warhol foi unha persoa moi polifacética, dedicouse á pintura, ao cine e á publicidade, onde destacou especialmente. Máis que publicista, Warhol foi un ilustrador comercial, mesturando o seus dotes artísticos co mundo comercial, axudando a grandes marcas a conseguir a fama e a gañar moito diñeiro grazas ás súas campañas publicitarias. Unha das máis coñecidas é a do deseño das latas de sopa Campbell's.

Imaxe de 3 latas de conservas Campbell

Grazas ao mundo da publicidade empezou a ser coñecido. 

Agora tócache a ti e ao teu grupo convertervos en auténticos publicistas como Warhol. Accede ao seguinte documento en formato PDF (nova xanela) para saber máis sobre esta creativa profesión.

Que tes que facer?

Elaborar un cartel de Entroido co ordenador, buscando información e ilustrándoos como os facía Warhol.

Con este cartel anunciarás ti, e o resto da túa clase, a festa do Entroido na web do centro e nos corredores, para convidar á festa a toda a comunidade educativa.

Para iso vas necesitar imaxes representativas desta festa tan popular en Galicia, mais como ben sabes, non todas as imaxes de Internet poden usarse libremente.

Lectura facilitada

Andy Warhol fixo moitas cousas,

pintura, cine e publicidade.

Foi ilustrador comercial,

creaba campañas publicitarias 

a grandes marcas.

Agora o teu equipo e ti

ides ser publicistas como Warhol.

Que tes que facer?

  • Elabora un cartel de Entroido co ordenador.
  • Anunciaredes a festa do Entroido do colexio.
  • Lembra que non podemos usar todas as imaxes de Internet.
  • Existen diferentes tipos de licenzas que debes coñecer.
  • No seguinte apartado aprenderás sobre as licenzas.

Uso de Internet

As imaxes que hai en Internet teñen unha autoría: foron creadas por alguén, e é importante recoñecer quen as fixo ou como foron elaboradas. Que unha fotografía estea publicada en Internet non quere dicir que se poda facer calquera cousa con esa obra.

Ao publicar unha creación, a persoa autora pode engadir unha licenza que indica como se pode usar a súa obra: que está permitido facer e que non. Ás veces, non permite que se use, comparta ou modifique. Neste caso, dicimos que ten "todos os dereitos reservados" ou "Copyright", e necesitaríamos o seu permiso para utilizala.

Noutros casos, a obra inclúe un texto ou símbolo que informa do que está permitido facer. Isto chámase licenza, e hai dous casos principais:

  • Dominio público: significa que calquera pode usar, compartir ou modificar a obra libremente, por exemplo podemos utilizar unha fotografía de Rosalía de Castro.

Fotografía de Rosalía de Castro

Esa fotografía pódela ver na Galipedia, foi creada por María Cardarelly, a primeira fotógrafa de Galicia, en 1865.

  • Obra con algúns dereitos reservados, o que quere dicir que hai cousas que non se poden facer coa obra, por exemplo modificala. Neste caso, a persoa autora pode empregar unha licenza chamada Creative Commons para indicar o que se pode e o que non se pode facer coa súa creación.

Aprende máis sobre as licenzas Creative Commons con este documento PDF (nova xanela)

Cando procures fotografías ou debuxos para as tarefas comproba a licenza e selecciona aquelas obras que sexan de dominio público ou con licenza Creative Commons.

Sitios de Internet para encontrar fotografías e debuxos:

Lectura facilitada

Hai imaxes que teñen autoría,

foron creadas por alguén.

Ás veces, non permite que se use,

dicimos que ten "Copyright".

Noutros casos teñen licenza

informa do que está permitido facer.

Hai dous casos principais.

1. Dominio público, calquera pode usar,

compartir ou modificar a obra.

2. Obra con dereitos reservados,

a  persoa emprega unha licenza,

Creative Commons,

hai cousas que non se poden facer coa obra.

Que tes que facer?

  • Comproba a licenza das fotografías ou debuxos que busques.
  • Selecciona aquelas obras de dominio público, ou con licenza Creative Commons.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)