Saltar navegación

5.1 Solucións as actividades propostas

S1.

a) A hominización é o proceso evolutivo polo que os primates se converteron en humanos. Isto foi posible grazas a que acadaron a posición vertical, andaron só coa axuda das extremidades inferiores, quedáronlles libres as mans para poder fabricaren ferramentas, aumentoulles a capacidade cranial e o volume do cerebro, o que lles permitiu desenvolver o razoamento e a linguaxe.
b) O ser humano aparece hai 2.300.000 anos, co Homo habilis. Os humanos teñen como actividade exclusiva a fabricación consciente de ferramentas.
c) Porque ao non saberen producir alimentos, tiñan que recoller froitos silvestres e raíces, cazar e pescar; en consecuencia, eran nómades, porque unha vez esgotados os recursos alimentarios nunha zona tiñan que ir a outro lugar para proseguir a recolleita e a caza.
d) O lume permitiulles o cocemento dos alimentos, o quecemento, a iluminación e a protección ante as feras.
e) As primeiras manifestacións artísticas aparecen xa no Paleolítico. Nunha época de escaseza de alimentos, a conciencia da morte estaba asociada á obtención de comida; a arte tiña como función propiciar a caza, influíndo na natureza mediante prácticas máxicas.


S2.

a) Fálase de Revolución Neolítica porque o ser humano aprende a producir alimentos. Isto foi posible por primeira vez sobre o 10000 a.C. nunha zona do Próximo Oriente chamada o Crecente Fértil.
b) A aparición de excedentes alimentarios grazas á agricultura vailles permitir que se poida comerciar con eles e que non todos os habitantes da aldea se teñan que dedicar á produción de alimentos (aparición de distintos oficios).
c) As sociedades neolíticas vólvense sedentarias porque nas aldeas que habitan se producen os alimentos necesarios para a supervivencia.
d) Os primeiros metais que se utilizaron foron o cobre, o bronce (cobre + estaño) e o ferro. Co seu uso conseguiuse unha mellora das técnicas agrícolas e das armas de caza e de guerra.
e) A cultura castrexa recibe o seu nome dos poboados que habitaban, os castros. Os castrexos tiñan como base económica a agricultura e a gandaría, apoiadas coa caza e, nas zonas costeiras, o marisqueo. Tamén era importante a minaría e a ourivaría.

S3.

a) Na actualidade afírmase que unha sociedade entrou na Historia cando se dá ao mesmo tempo a aparición da escritura, o nacemento das cidades e o comercio a grande escala.
b) Os excedentes de alimentos permitiron que non todas as persoas se dedicasen á agricultura. Cando estes excedentes comezaron a se acumular nas mans dunhas poucas persoas, propiciou a aparición das clases sociais, ao existiren grupos que controlaban a riqueza e, ademais, o poder.
c) A civilización mesopotámica localizouse no Crecente Fértil, entre os ríos Éufrates e Tigris. Era unha rexión de rega doada e suficientes horas de sol que permitiu un grande desenvolvemento da agricultura e, en consecuencia, de toda a economía.
d) A sociedade mesopotámica estaba dividida en clases: o rei, que exercía o poder absoluto, os sacerdotes, os grandes propietarios agrarios, os comerciantes, os campesiños, os artesáns e os escravos.

S4.

a) As inundacións do río Nilo permitiron a práctica da agricultura en Exipto e, en consecuencia, o desenvolvemento da súa civilización, porque regaban e fertilizaban os campos de cultivo nunha rexión maioritariamente desértica.
 b) A sociedade exipcia estaba dividida en grupos pechados porque a posibilidade de ascenso social era practicamente nula.
c) O faraón exercía o poder cun carácter absoluto. O faraón exipcio era considerado un deus vivinte, fronte aos reis mesopotámicos, que nunca tiveron un grao de divindade.
d) Era unha relixión politeísta porque posuían varios deuses. Considerábase transcendente porque crían que a alma se mantiña con vida tras a morte.


S5.

a) As poles eran unhas cidades-Estado, constituídas por unha cidade e un territorio circundante con pequenas aldeas, que xurdiron na Grecia clásica.
b) O que permitiu aos gregos sentirse dunha mesma cultura era a lingua común e a relixión.
c) En Atenas réxense por un sistema democrático; en Esparta hai un goberno oligárquico. É dicir, mentres que en Esparta o exercicio do poder estaba reservado a un grupo moi pequeno de persoas, os aristócratas, en Atenas unha maior porcentaxe da poboación participa nos órganos de goberno: os cidadáns.


S6. 

a) A economía romana era urbana, pois o centro económico situábase nas cidades; era escravista, posto que os traballos produtivos eran realizados polos escravos; así como predadora, xa que explotaban intensamente as riquezas dos territorios conquistados.

b) A República tratábase en realidade dunha oligarquía, porque para ser elixido maxistrado era preciso ter unha gran fortuna. Á fin da República, na época do imperio, veremos a concentración do poder nunha soa persoa, o emperador.
c) A lingua latina.
d) A arte romana tiña moi en conta a procura da utilidade e do práctico.


S7.

a) O interese fundamental da conquista romana de Gallaecia e de Hispania en xeral era a obtención de materias primas minerais, agrícolas e escravos. Mais o legado que deixaron en Galicia foi enorme: introduciron o arado e a vide; construíron calzadas; realizaron obras públicas, como o faro da Torre de Hércules, pontes e termas; do latín provén a nosa lingua, e mesmo o propio nome de Galicia.
b) O cristianismo remexía os fundamentos da sociedade escravista romana e negaba o culto debido ao emperador. Malia as persecucións sufridas nos primeiros séculos, o cristianismo converteríase en relixión oficial do Imperio no ano 380, coa conversión do propio emperador Teodosio.
c) Neste fragmento obsérvase como se autoriza a liberdade relixiosa.


S8.

a) Os pobos xermánicos procedían do centro e norte de Europa. Penetraron no Imperio pola falta de terras e de alimentos, e polo aumento da súa poboación. Un destes pobos, os suevos, instalouse en Galicia, producíndose durante o seu curto reinado a cristianización deste territorio.
b) O Islam foi fundado por Mahoma. Entre os principios que lle transmitiu aos fieis da nova relixión destacan a crenza nun só Deus, Alá, e nunha vida despois da morte; o sometemento dos fieis teñen á vontade de Alá; así como a existencia dun só profeta de Alá, o propio Mahoma. O libro sagrado do Islam é o Corán. Mais que simplemente unha relixión, o Islam é unha lei que regula o comportamento do musulmán en todas as circunstancias da súa vida.
c) Al-Andalus é o nome que os musulmáns lle deron ao territorio que conquistaron na Península Ibérica a partir do 711. Foi unha conquista rápida porque a poboación non presentou resistencia e os nobres pactaron con eles. Neste territorio as principais actividades económicas foron o comercio a longa distancia, a agricultura e a artesanía.


S9.

a) No sistema coñecido coma feudalismo o poder era exercido polos nobres, señores ou aristócratas (condes, marqueses, duques) e unha parte do clero da Igrexa (bispos e abades). Un feudo era a concesión dun ben a cambio de certas prestacións. Un beneficio era a posesión de determinados bens, case sempre terras. Pola súa banda, vasalaxe ou homenaxe era a prestación de determinados servizos a quen deu o beneficio. Finalmente inmunidade remite á liberdade que queda o beneficiado de moitas obrigacións.

b) Cada grupo social defínese polo seu papel dentro do sistema feudal. Tratábase de grupos sociais moi pechados, chamados estamentos. Non existía igualdade xurídica para todas as persoas; segundo o estamento ao que pertencían gozaban de dereitos diferentes. O ascenso de estamento era practicamente imposible, agás no eclesiástico, que era aberto: todo home libre podía acceder a el.
Os señores son os propietarios da terra, reciben boa parte das rendas do traballo campesiño e dedícanse á guerra. Os campesiños cultivan a terra en réxime de semiescravitude e pagan as rendas aos señores e á Igrexa.


S10.

a) O reino de Galicia, Asturias e León abranguía ata o río Douro; mentres que nos Pireneos atopábanse os reinos de Navarra e de Aragón. Nos séculos XII e XIII, cando se avanzou na conquista das posesións do Al-Andalus, o reino de Castela e León chegou ata o Guadalquivir; o de Aragón ocupou Valencia ata Murcia e as Baleares, mentres que Portugal rematou a conquista do seu actual territorio. As novas terras conquistadas eran propiedade do rei, pero este dáballas aos nobres, como pago aos servizos militares prestados, aos monxes, para que fundasen novos mosteiros, e a campesiños libres; os repoboadores recibían unha serie de beneficios (redución de impostos, liberación da prestación militar, etc.).
b) O principal interese da Igrexa era manter unida toda a Cristiandade, perseguindo as outras relixións. Controlaba todos os aspectos da vida: dáballe lexitimidade ao poder político, proporcionaba a ideoloxía que sostiña o sistema feudal e ditaba os fundamentos das leis e as normas a seguir na vida cotiá, desde o traballo ata a vida persoal e íntima.


S11.

a) As cidades rexorden no século XI. O seu renacer viuse favorecido polo aumento da produción agrícola e gandeira, o incremento da poboación no campo e a seguridade polo cesamento das invasións. Os seus primeiros habitantes foron fundamentalmente campesiños que fuxían da dureza dos señores feudais.
b) O novo grupo social que xorde nas cidades denomínase burguesía. Fundamentalmente son comerciantes, donos de obradoiros e banqueiros. Malia poderen gozar dunha posición económica acomodada, non pertencían ao grupo dos privilexiados.
c) Gremios. Eran asociacións que regulamentaban todas as condicións nas que se tiña que desenvolver o labor do oficio correspondente. A súa existencia dificultaba a libre actividade e a libre competencia.


S12.

a) Os grupos sociais fundamentais eran os campesiños, que eran o 90 por cento da poboación e cultivaban as terras normalmente en réxime de foro, e a nobreza, que en Galicia era sobre todo eclesiástica.

b) Os foros eran uns contratos de arrendamento de terras entre os propietarios e os labregos a longo prazo, a cambio dunha renda fixa e da prestación de servizos persoais. Foron os máis comúns en Galicia durante a Idade Media, perdurando ata a época contemporánea.
c) Foi un enfrontamento de grupos sociais que se produciu en Galicia a fins da Idade Media, especialmente dos campesiños contra os abusos dos nobres. A Primeira Guerra Irmandiña estala en 1431 contra os Andrade, polo maltrato exercido contra os seus campesiños; os irmandiños, dirixidos por Roi Xordo, foron derrotados. En 1467 ten lugar a segunda, que se estende por toda Galicia; nun principio, os irmandiños levan a dianteira, moitos nobres foxen de Galicia e son derrubadas moitas fortalezas; mais en 1469, os nobres, co apoio do rei, e dirixidos por Pedro Madruga e Pardo de Cela, derrotan os campesiños.
d) Incremento do comercio, aumento da produción agrícola para poder atender os peregrinos, enriquecemento dos señores eclesiásticos a causa do aumento da produción agrícola, reforzamento da nobreza eclesiástica.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0