Saltar navegación

2.3.8 Galicia na Idade Media

O reino suevo, constituído na Gallaecia romana e con capital en Braga, foi o primeiro reino xermánico de toda Europa Occidental. A súa duración foi curta, xa que, instaurado no 411, foi absorbido polos visigodos no 585.

En Galicia non se pode falar de invasión musulmá. A nobreza galega vai ser a que teña máis peso político no nacente reino de Galicia e Asturias. Posteriormente uniríase ao reino leonés, vivindo ocasionalmente períodos independentes nos séculos X e XI. Antes da súa integración definitiva co reino de Castela, sufrira a escisión dos condados do sur do Miño que se constituíron no reino de Portugal.

  • Os campesiños: base do sistema e protagonistas da primeira revolta antiseñorial. En Galicia non existiu unha ruptura da estrutura social dende a época xermánica. Houbo unha continuidade, debido ao escaso efecto da invasión musulmá, tanto no eido económico como na organización da sociedade.

    • Metidos en época feudal, como no resto de Europa, quen vai rexer a sociedade son os nobres. Mais no caso galego será a nobreza eclesiástica, bispos e abades, quen se erguerán coma os principais señores, sendo os principais propietarios de terra, destacando o arcebispo de Santiago e os mosteiros de Samos, Sobrado, Armenteira ou Celanova. Nos séculos XIV e XV alcanzaron grande importancia as familias nobres laicas dos Andrade, Osorio, Soutomaior, Ulloa e Sarmiento.

    • Os campesiños (90 % da poboación) traballan as terras dos señores, fundamentalmente os eclesiásticos, cuns contratos de arrendamento (foros) onde en troca a unha renda fixa a longo prazo (varias xeracións) e da prestación de servizos persoais aos señores, beneficiábanse do uso da terra, mais sen acceder nunca á propiedade desta.

    • As tensións propias do mundo feudal a finais da Idade Media en toda Europa, polas malas colleitas e a Peste Negra, uniron os campesiños e os pequenos burgueses contra os abusos dos nobres, que culminaron nas Revoltas Irmandiñas a mediados do século XV, consideradas as primeiras loitas antiseñoriais da Europa medieval. A primeira Guerra Irmandiña estala en 1431 contra os Andrade, polo maltrato exercido contra os seus campesiños; os irmandiños, dirixidos polo fidalgo Roi Xordo, foron derrotados. En 1467 estala a II Guerra Irmandiña, que se estende por toda Galicia; nun principio, os irmandiños levan a dianteira, moitos nobres foxen de Galicia e son derrubadas moitas fortalezas; mais en 1469, os nobres, co apoio do rei, e dirixidos por Pedro Madruga e Pardo de Cela, derrotarán aos irmandiños.

 

  • Unha economía eminentemente agrícola. Basicamente agrícola e algunha actividade artesanal. Nos séculos XII e XIII desenvolveuse a agricultura e aumenta a poboación, co que se amplían as terras de cultivo e se crean novos núcleos de poboación: as aínda hoxe chamadas vilas novas. É nesta época cando se fixa a distribución parroquial que coñecemos na actualidade.

Nas cidades aséntanse os artesáns: zapateiros, ferreiros, etc. En Santiago, como meta do Camiño, abundaban prateiros e acibecheiros, para atender a demanda dos peregrinos. Nalgunhas vilas da costa hai salgadura de peixe, polo aumento da actividade pesqueira. Este incremento xeral da produción activou o comercio, multiplicándose as feiras e os mercados.

  • Un país cunha lingua de seu. A lingua galega tivo un gran desenvolvemento. A lírica tivo gran importancia e recolleuse en cancioneiros. Afonso X de Castela compuxo en galego as Cantigas de Santa María. No século XV, despois da incorporación ao reino de Castela, o galego comezou a declinar como lingua escrita.

  • Galicia e Santiago: referentes do Románico. O románico ten en Galicia unha das súas mellores manifestacións: a catedral de Santiago de Compostela. O gótico ten como expresións máis significativas as igrexas de San Francisco en Betanzos e Ourense.

  • O Camiño de Santiago. Cando os reinos cristiáns ocuparon os territorios ata o río Douro, os contactos do Norte da Península cos países de Europa foron máis intensos.

 

 

Camiños de Santiago: o Camiño Francés

 

 

Estes contactos proporcionaron influencias de todo tipo: viñan guerreiros para axudar na loita contra os musulmáns, comerciantes e, a partir do século XI, cristiáns para visitar a tumba do apóstolo Santiago nunha igrexa mandada construír polo rei Afonso II no lugar onde, segundo a lenda, se atoparan os restos do apóstolo, converténdose, xunto con Roma e Xerusalén, nun dos principais centros de peregrinación da Cristiandade.

A sociedade da Idade Media era profundamente relixiosa; reinaba unha forte espiritualidade mesturada co medo á morte e ao pecado, coa culpa e o temor á condena eterna, ao que se une a crenza do perdón a través do arrepentimento, o que marca un mundo no que é fundamental a penitencia, xa que a culpa só desaparece logo dun castigo: as peregrinacións son un instrumento ideal para facerse perdoar os pecados.

 

Entre os camiños que seguían estes visitantes, o que tivo máis tráfico foi o que atravesaba os Pireneos por Roncesvalles ata Pamplona; desde aquí partían outras rutas distintas, aínda que a que tivo máis importancia foi o chamado actualmente Camiño Francés. Ao longo do Camiño edificáronse moitas igrexas, hospitais e hospedarías en pobos e cidades: Xaca, Pamplona, Lizarra, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, León, Santiago, etc.

O desenvolvemento das peregrinacións tivo moitas consecuencias:

    • Incremento do comercio.

    • Aumento da produción agrícola para poder atender os peregrinos.

    • Enriquecemento dos señores eclesiásticos polo aumento da produción agrícola.

    • O peso da nobreza eclesiástica reforzouse debido aos beneficios que lles reportaban as súas terras e ás importantes doazóns que recibían dos fieis e dos reis. O arcebispo de Santiago foi a autoridade máis importante de Galicia; entre eles destaca Diego Xelmírez (1065-1140), primeiro arcebispo de Compostela.

Actividades propostas

S12. Responda ás seguintes cuestións.

    • a) Cales eran os grupos sociais existentes na Galicia feudal?

    • b) Que eran os foros?

    • c) Resuma as revoltas Irmandiñas e destaque as súas causas.

    • d) Indique cales foron as principais consecuencias do desenvolvemento das peregrinacións a Santiago.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0