Saltar navegación

2.2.1 As primeiras civilizacións urbanas: Mesopotamia e Exipto

A revolución urbana no Crecente Fértil: a base da organización humana actual

 

A revolución urbana iniciouse na xa citada rexión do Crecente Fértil, nos vales dos ríos Éufrates e Tigris, ao redor do 4000 a.C.

Aquí foi onde se inventou a escrita. Mais outras grandes civilizacións vanse desenvolver en Exipto, India ou China, que van ser coñecidas como civilizacións fluviais porque nacen a carón de grandes ríos cunhas beiras moi fértiles

As primeiras civilizacións urbanas comparten unha serie de características:

  • O crecemento da poboación. A abundancia de auga, a fertilidade das terras dos vales, a temperatura adecuada e os avances logrados nas técnicas de rega traen como consecuencia unha agricultura de notables rendementos, que permite un forte aumento da poboación, co que moitas aldeas se transformaron en cidades.

  • O poder político era moi forte. O poder concentrouse nas mans dunha persoa, o rei. Xefe militar e mesmo xefe relixioso supremo, unía na súa persoa un poder case que absoluto que abrangue o militar, o relixioso, o lexislativo (el só elabora as leis), o executivo (ordena o cumprimento das leis), o xudicial (xulga as condutas) e a recadación dos impostos. Para poder facer isto contaba con gobernos organizados para administrar as súas posesións, así como acaparar o poder militar e relixioso. Deste xeito nace o Estado. A súa fortaleza era tan grande que lle permitiu construír grandes obras (palacios, templos, tumbas, etc.) coas que demostrar o seu poder.

 

Axiña se fixeron necesarios os soldados para protexer pola forza os convois e a retagarda dos comerciantes, os escribas para levar rexistro das transaccións cada vez máis numerosas e complicadas e os funcionarios do Estado para conciliar os intereses en conflito.

Gordon Childe, V. As orixes da civilización.

 

  • As sociedades estaban moi xerarquizadas. Existía unha fonda desigualdade entre os membros das sociedades, onde unha minoría da poboación dispuña de grandes propiedades e exercía o poder político, sometendo á maioría da poboación.

  • A división do traballo consolidouse. Os excedentes alimentarios permitiron a algunhas persoas realizar outras tarefas: artesanía, metalurxia, obras hidráulicas, etc. Consolídase, deste xeito, a división e a especialización do traballo: labregos, gandeiros, artesáns, comerciantes, funcionarios que levan a administración da cidade, militares encargados da defensa da cidade e dos excedentes alimentarios almacenados, ou os sacerdotes, intermediarios entre os humanos e as forzas da natureza, o misterioso e o sagrado.

  • A guerra e a explotación humana intensifícanse. Pola demografía (incremento da poboación), a supervivencia (escaseza de alimentos) ou as ansias de poder, todos os pobos se viron na necesidade de expandirse xeograficamente por medio da conquista de territorios pertencentes a outras comunidades humanas. Co paso do tempo estas ocupacións xeográficas adquiriron un carácter violento porque se viu cada vez con máis claridade que a guerra era un medio para acumular excedentes de riqueza (alimentos, metais) e, tamén, excedentes de enerxía humana: escravos, que van resultar imprescindibles para o mantemento destes imperios. A escravitude converteuse así nun dos piares da economía antiga, medieval (servos) e mesmo, aínda que denominada con eufemismos, nos inicios da Revolución Industrial (proletariado industrial) no século XIX.

  • A aparición da escrita.

 

A necesidade de tomar anotacións para fixar as leis, para controlar a produción agrícola, os intercambios comerciais e os impostos fixo xurdir a escritura, no 3300 e no 3150 a.C. en Mesopotamia e Exipto, respectivamente.

Mesopotamia

Mesopotamia, cuxo nome significa “entre ríos”, sitúase entre os ríos Éufrates e Tigris, no Crecente Fértil. Unha rexión excepcional para a agricultura, de doado regadío e moitas horas de sol, onde vai xurdir a primeira civilización urbana, coas primeiras cidades-Estado, independentes unhas das outras: Ur, Lagash, Uruk, Babilonia, etc. Como esta última, algunhas chegaron a constituír imperios, ocupando territorios alleos para a súa explotación.

  • Unha agricultura de base agrícola. A agricultura (cereais, legumes, froitas, etc.), o comercio, practicado nun principio en forma de troco e, máis adiante, introducindo a moeda, eran actividades centrais dunha economía na que a gandaría tamén tivo a súa importancia. Os sacerdotes, a través do tempo (cigurat), fixaron os impostos e levaron o control e o rexistro escrito dos intercambios mercantís.

  • Unha sociedade estratificada. Estruturábase en grupos: dunha banda os privilexiados, que abranguía a aristocracia (entre os que se atopa o rei, que exercía o poder absoluto), os sacerdotes e os funcionarios; e doutra banda o resto da poboación, que podían ser libres (con dereitos), entre os que destacan os campesiños e os artesáns, ou escravos.

 

O ano 1765 a.C. marca un fito na historia da humanidade: redáctanse as primeiras leis escritas coñecidas: o Código de Hammurabi:

 

Se un home lle baleira un ollo a outro home, privaráselle dun ollo a el. Se un médico opera o escravo dun home libre e lle causa a morte, pagará escravo por escravo. Se un fillo lle pega ao seu pai, seralle cortada a man.

Extracto do Código de Hammurabi.

 

  • Unha relixión politeísta. Os seus deuses personificaban os astros coñecidos.

  • Unha cultura moi avanzada. Á parte da escrita, en Mesopotamia fixéronse achegas notables no campo científico, algunhas aínda vixentes: a división do tempo en horas, minutos e segundos, e o sistema sesaxesimal para a división dos ángulos. Ademais elaboraron un sistema fixo de pesas e medidas; iniciaron os estudios astronómicos e, baseándose neles, elaboraron un calendario.

  • Arte. As realizacións escultóricas estaban constituídas por pequenas estatuíñas e figuras en relevo, feitas en barro. Na arquitectura construíron cigurats, un templo con chanzos e ramplas, que utilizaban para a observación astronómica. Debido a que a sequidade do clima impedía o crecemento de árbores, as construcións eran realizadas en adobe. Coñecían o arco de medio punto (semicircunferencia) e a bóveda de canón.

Exipto

En só 2.500 anos os exipcios pasaron do Neolítico á Historia. Esta civilización urbana asentouse no val do Nilo, que lle daba a súa razón de ser: as inundacións cíclicas do verán proporcionan regadío e fertilidade a unha terra emprazada no medio do deserto.

 

Sálvame, oh, Hapi, que chegas en paz a esta terra, fas que Exipto viva e dáslle de beber á Terra; ti fas medrar o gran; ti es o dono do teu pobo!

Himno en honor do Nilo.

 

Comprende un período cronolóxico que vai desde o século XXVII ata o I a.C., cando os romanos conquistan Exipto.

  • Economía agrícola. A agricultura era a actividade económica principal (cereais, vide, liño e horta), aínda que tamén criaban vacas, cabalos e aves de curral, e cazaban e pescaban. O comercio era monopolio do Estado, e realizábase coas rexións limítrofes.

  • Grupos sociais pechados. No antigo Exipto a posibilidade de ascenso social era nula. No cumio estaba o faraón, xefe do Estado, quen posuía todas as terras e era considerado un deus.

 

Despois viñan os altos funcionarios do Estado (xefes militares e da administración) e os sacerdotes; todos eles posuían terras que o faraón lles entregaba para garantir a súa fidelidade. Cara a abaixo estaban os pequenos funcionarios (os escribas, que dominaban o cálculo e a escritura, o que lles daba certa consideración social), comerciantes, artesáns e labregos, que estaban vinculados ás terras e constituían a maioría da poboación. No derradeiro nivel, os escravos, que realizaban os traballos máis duros.

  • Goberno absoluto dun rei-deus. O faraón exercía o poder con carácter absoluto. Estaba asistido por funcionarios que se ocupaban da recadación e a administración dos impostos, de redactar as leis, de controlar a orde da sociedade, do exército e do comercio.

  • Vida marcada polos traballos agrícolas. A maior parte da poboación era rural. Só o faraón e os nobres vivían en cidades, onde o comercio e a artesanía tiñan un notable desenvolvemento.

As clases baixas tiñan o pan como alimento básico, mais os legumes e o mel. Os privilexiados comían carne e froita. A familia era a institución básica para o coidado dos fillos, aos que se lles concertaba o matrimonio. A autoridade familiar recaía no pai. As mulleres ocupábanse da atención doméstica e ademais traballaban as terras.

  • Relixión que rende culto aos mortos. Estaba intimamente relacionada co poder: xa vimos que o faraón tiña a consideración dun deus. Era politeísta: Ra, deus do Sol; Horus; Isis; Osiris, deus dos mortos; Anubis, Amón, etc.

 

Foron os creadores dunha relixión transcendente: rendían culto aos mortos porque crían que a alma se mantiña viva tras a morte. En consecuencia, había que manter en perfecto estado o cadáver, o cal momificaban, é dicir, cunhas técnicas moi avanzadas trataban de o manter nun estado o máis semellante posible a cando estaba vivo. Esta crenza na inmortalidade levábaos tamén a acompañaren o cadáver cos mesmos bens que precisaba na vida terreal: alimentos, vestidos e serventes.

  • Gran avance nas matemáticas. Practicaron a cirurxía, elaboraron catastros (censos de fincas), utilizaban o sistema decimal, coñecían os números naturais e a proporción fixa entre a lonxitude da circunferencia e o seu diámetro. Algúns problemas de xeometría resolvéronos con raíz cadrada, e outros con ecuacións de segundo grao.

    Coñecían algúns planetas e as fases da Lúa. Crearon un calendario para controlar as enchentes do río, dividiron o ano en 365 días e o día en 24 períodos.

  • Unha arte influída pola relixión. Estaba destinada fundamentalmente á tumba do faraón e a edificios relixiosos: pirámides e templos, construídos en pedra. En escultura realizaron relevos e estatuas. Tamén é notable a realización de pinturas murais.

 

Actividades propostas

S3. Responda ás seguintes cuestións.

    • a) Que criterios seguimos para afirmar que unha civilización está na Historia?

    • b) Como foi posible a división do traballo nas primeiras civilizacións urbanas? Que consecuencias sociais ten a acumulación da riqueza en mans duns poucos?

    • c) Onde se localiza a civilización mesopotámica? Cales son as súas características físicas? Que influencia ten na aparición das primeiras civilizacións?

    • d) Como estaba organizada a sociedade mesopotámica?

S4. Responda ás seguintes cuestións

    • a) Que importancia tiñan as inundacións do río Nilo na economía exipcia?

    • b) Por que se di que a sociedade exipcia estaba dividida en grupos pechados?

    • c) Como exercía o poder o faraón? Que diferenza hai cos reis mesopotámicos?

    • d) Que quere dicir que a relixión dos exipcios era politeísta e transcendente?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0