2.1.2 O Paleolítico e a Revolución Neolítica
A Prehistoria é o longo período de tempo que abrangue desde a aparición do Homo habilis ata a aparición da escritura (3500 a. C).
O Paleolítico: as sociedades cazadoras-colleitadoras
A primeira e máis longa etapa da Prehistoria recibe o seu nome de pedra vella (pedra tallada) e chega ata hai uns 11.000 anos.
-
Unhas sociedades depredadoras. Os seres humanos que viviron neste período dependían, para se alimentaren, de depredar o ecosistema que os rodeaba. Un ecosistema que mudou moito ao longo destes máis de dous millóns de anos, a causa dos cambios climáticos que provocaron que gran parte do planeta se cubrisen de xeo permanentemente (glaciacións). Así, nun medio hostil, a caza, a pesca e a recollida de froitos silvestres e raíces eran as actividades ás que dedicaban case que todo o seu tempo e que lles permitían sobrevivir. Logo de esgotaren os recursos alimentarios nunha zona concreta, víanse obrigados a se desprazaren a outro lugar para proseguiren a recolleita e a caza. Deste xeito éralles imposible residir nun sitio fixo: son nómades, xa que tiñan que seguiren as mandas de animais. O seu hábitat eran as beiras dos ríos, onde ían beber os animais, e as covas, para se refuxiaren.
-
As ferramentas. O uso da pedra. A pedra era a materia prima fundamental para a fabricación das súas ferramentas, xa simples croios, xa posteriormente puntas de forma triangular utilizadas como coitelos e puntas de frecha, o que lles permitía sacar a pel dos animais cazados, cortar a carne, e fabricar vestidos e calzado.
-

Co tempo usaron o sílex, unha rocha que cun pequeno golpe esgaza doadamente e queda un fío moi cortante. Despois fabricaron puntas de lanza, arpóns, anzois e agullas feitas en óso ou corno.
Malia o grande dominio que demostraron no tallado de pedra, vai ser outro o grande invento deste período, un dos máis importantes na historia da humanidade: o descubrimento do lume, hai uns 300.000 anos. Dende un primeiro momento o dominio do lume permitiulles a mellora da súa dieta (co cocemento dos alimentos), así como o seu propio quecemento, iluminación e protección ante as feras.
-
Unha sociedade pouco complexa. Os grupos humanos só se unían temporalmente para cazar. Non existen nin a propiedade privada nin as clases sociais. É probable que ao longo do Paleolítico fose aparecendo a figura do xefe de grupo, que posiblemente sería o coñecedor das técnicas de caza.
-
Os inicios da vida espiritual. Desde mediados do Paleolítico aparece unha serie de crenzas que xorden da necesidade de lle dar explicación a unha serie de realidades que os preocupaban: a perda dun ser querido, o que acontece despois da morte ou os fenómenos meteorolóxicos. Entre elas destaca o enterramento dos mortos, cuxa práctica ritual amosa un pensamento dirixido á transcendencia da vida humana despois da morte, e nas cerimonias rituais destinadas a propiciar a obtención de alimentos, intentando influír na natureza mediante prácticas máxicas, para que a caza e os froitos fosen abundantes, asegurando a súa supervivencia.
-
A arte. A pintura rupestre e a escultura. Consérvanse restos de pinturas de hai uns 35.000 anos.
A pintura estaba localizada en covas, e representa animais (bisontes, cabalos, cervos, xabarís, etc.) e escenas de caza e de danza, pintadas con cores ocre, vermella e negra sobre a rocha (por iso o nome de arte rupestre). Aparecen tamén esculturas de figuras humanas femininas (Venus), cos seus atributos reprodutores esaxerados, simbolizan o culto á muller fecunda e á fertilidade da terra. Non se sabe con certeza por que xorde a pintura nas covas. A interpretación máis aceptada indica que tería un significado relixioso: representarían os animais que desexaban cazar, como parte dun rito para favorecer a caza, tan necesaria para asegurar a supervivencia da especie nun momento difícil. Crían que con só pintar un cervo, o verdadeiro animal caería baixo o seu poder.
A Revolución Neolítica: o ser humano produce alimentos
Un acontecemento vai mudar por completo a vida das sociedades humanas prehistóricas, un cambio tan radical, que por iso é considerada unha revolución, amáis importante de toda a historia da humanidade: sobre o 10000 a.C nunha zona do Próximo Oriente os homes van ser capaces por primeira vez de producir alimentos; é dicir, inventaron a agricultura.
-
A produción de alimentos. Un novo cambio climático, que desta volta provocou un aumento gradual da temperatura na Terra, fixo que a fauna da que dependía a supervivencia da especie desaparecese e que para sobreviviren tivesen que xurdir outras actividades. Así aparecería a gandaría. A agricultura aparecería cando, nun medio natural moi favorable á súa práctica, se decataron de que enterrando unha semente se produce unha nova planta. O ser humano é quen de producir alimentos, e coa agricultura e a gandaría xurdirán, un pouco máis tarde, as actividades artesanais do tecido e a cerámica, e o comercio. A agricultura nace co cultivo da cebada e o trigo en Oriente Medio, o arroz en Asia ou o millo en América. O primeiro animal domesticado vai ser o can. Logo domesticaranse ovellas e cabras, porcos e vacas, e o cabalo.
-

Nun principio os animais domesticados só eran considerados como unha fonte de abastecemento de carne. Logo decatáronse do valor do esterco como fertilizante. O proceso de muxir o leite foi descuberto só despois de que o home tivera unha ampla oportunidade de estudar en cortellos pechados as crías. Pero, logo de se facer esta descuberta, o leite converteuse noutro produto principal. Podía obterse sen sacrificar o animal, sen diminuír o capital.
Gordon Childe, V. As orixes da civilización.
-
Unha parte da humanidade faise sedentaria. A produción de alimentos provocou un cambio revolucionario na vida das comunidades neolíticas: tiveron que se facer sedentarios, vivindo a carón dos seus cultivos e do seu gando, agrupándose en aldeas e poboados que se situaban nas beiras dos ríos. O aumento da produción de alimentos permitiu unha mellora na calidade de vida, unha maior esperanza de vida e un notable incremento demográfico, chegando algunha das aldeas a se converter en grandes vilas.
-
A sociedade faise máis complexa. Xa non vai cumprir que todos os habitantes do grupo teñan que dedicarse á produción de alimentos; aparecen así outros oficios, é dicir, prodúcese unha especialización do traballo: tecedores, oleiros, comerciantes, etc.
-
Entre as novas actividades destaca o desenvolvemento da primeira forma de comercio coñecida: o troco (intercambio duns produtos por outros). A vida social está organizada en tribos ou clans, e aínda non existe a propiedade privada: todos os bens son da comunidade. Aparece o esbozo das primeiras estruturas de poder e da desigualdade social.
-
Os avances técnicos. No Neolítico producíronse tres grandes avances técnicos: a aparición de ferramentas de pedra puída (ou “pedra nova”, que é o que lle dá nome a este período), que lles permite fabricaren ferramentas axeitadas á actividade agrícola (aixadas, fouciños, etc.). Por outra banda, comezan a fabricaren tecidos, grazas á utilización do liño, unha planta herbácea, ou da la, traballados en rudimentarios teares. Mais outro invento pode ser considerado como revolucionario: a cerámica, que se modelaba a man, e que era fundamental para gardar e conservar os produtos do agro, para os cociñar, así como para a extracción e a almacenaxe da auga.
-
Expansión do Neolítico. A Revolución Neolítica tamén se produciu, de xeito autónomo, no val do río Indo, na India; nas beiras do río Amarelo, en China; e en sitios puntuais das mesetas de México e Perú. Na Península Ibérica, os primeiros asentamentos neolíticos datan do 5000 a.C.
Actividades propostas
S1. Responda ás seguintes cuestións.
-
a) Que é o proceso de hominización? Que cambios converteron os primates en seres humanos?
-
b) Cando aparece o primeiro ser considerado humano? Que actividade lles é exclusiva?
-
c) Por que se di que os seres humanos do Paleolítico eran depredadores e nómades?
-
d) Que vantaxes lles reportou a utilización do lume?
-
e) En que período aparecen as primeiras manifestacións artísticas? De que tipo eran? Que relación tiñan coa relixión?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0