2.1.1 A hominización: o camiño cara ao ser humano
Dentro da escala zoolóxica, a especie humana pertence á orde dos primates, que xurdiron hai 60 millóns de anos. Caracterízanse por teren extremidades longas e rematadas en cinco dedos, ollos dirixidos cara a adiante e cerebro desenvolvido. Dentro deste grupo xurdiron, hai cinco millóns de anos, os homínidos, dos que forma parte a especie humana desde hai máis de dous millóns de anos.
A aparición do ser humano foi un proceso lento e complicado, que se denomina hominización. Coa axuda dos fósiles podemos establecer a súa evolución:
![]() |
|
A evolución dos homínidos permitiulles coñecer mellor o medio en que se desenvolvían, comezar a dominalo, seren quen de lles transmitir os coñecementos aos seus descendentes e fabricaren instrumentos conscientemente, feito este que diferencia a especie humana do resto dos homínidos.
O Homo habilis, xurdido hai 2.300.000 anos, é considerado o primeiro ser humano, porque fabricaba premeditadamente útiles de pedra tallada. A partir del, a especie humana seguiu evolucionando ata chegar ao actual Homo sapiens sapiens, que, procedente de África, chegou a Europa hai uns 40.000 anos.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
