Saltar navegación

2.3.3 O Islam

En Arabia, Mahoma (580-632) predicou e estableceu os fundamentos dunha nova relixión monoteísta, baseada nestes preceptos: a crenza nun só Deus, Alá, e nunha vida despois da morte; o sometemento dos fieis vontade de Alá (islam quere dicir sometemento); a crenza de que Mahoma o único profeta de Alá; e a consideración de que o Corán, que recolle as revelacións que lle fixo Alá a Mahoma, é o libro sagrado do Islam.

 

O Islam non é só unha relixión, é un código que regula o comportamento do crente musulmán en todas as circunstancias da súa vida relixiosa, política, social, económica, doméstica e individual: os dirixentes políticos son tamén xefes relixiosos; toda a propiedade pertence a Deus; as decisións xudiciais teñen que seguir o que prescribe o Corán; as cerimonias do nacemento, do matrimonio, da morte, a condición da muller seguen tamén o que indica o Corán.

A rápida expansión do Islam

Os sucesores de Mahoma espallaron a relixión por territorios veciños, chegando á súa máxima expansión xa no século VIII. O desexo de estender a súa fe, a necesidade de novas terras, a tolerancia coa que trataron os pobos conquistados e a debilidade dos imperios veciños, o persa e o bizantino, explica o porqué do seu éxito. Os actuais países islámicos coinciden en parte con aquela área.

Hoxe os musulmáns contan o tempo a partir de 622 d.C., cando Mahoma fuxiu á cidade árabe de Medina. Esta fuxida chámase a Héxira. Para saber cal é o ano no que se atopan os musulmáns, ao ano da nosa era hai que restarlle 622, e o que resulte divídese entre 0,97.

Al-Andalus

Desde o 711 ata o 1492 os musulmáns tiveron unha presenza estable na Península Ibérica. O nome que lle deron a ese territorio baixo poder musulmán foi Al-Andalus, que foi un referente político e cultural en gran parte da Idade Media. Procedentes do norte de África, ocuparon toda a península en pouco menos de dez anos, agás unha estreita franxa no norte, e remataron co reino visigodo. A poboación non presentou resistencia. A nobreza terratenente pactou con eles para conservar as súas terras e o seu poder.

Durante toda a Idade Media, Al-Andalus reduciu a expansión territorial, ata que os Reis Católicos absorberon o último reino nazarí de Granada, nun proceso de case oito séculos de conflitos bélicos, que o bando cristián denominou propagandisticamente Reconquista. No entanto, a súa presenza durante séculos deixou forte pegada na nosa cultura.

Cómpre subliñar que os musulmáns de Al-Andalus eran habitantes da Península Ibérica igual que os cristiáns: desde un principio mesturáronse coa poboación visigoda e permaneceron aquí ao longo de 32 xeracións; o único que diferenciaba uns cidadáns dos outros era a relixión: uns eran cristiáns e outros musulmáns.

Durante a Idade Media unha maioría da poboación peninsular practicou a relixión musulmá. Por iso, é absurdo que consideremos os mouros como algo alleo a nós. Como é ben sabido, Afonso II de Aragón e Henrique IV de Castela vestían á usanza musulmá. Pedro I de Aragón firmaba os documentos exclusivamente en árabe. E Sancho o Forte de Navarra ía ata Marrocos en expedición guerreira só porque unha princesa musulmá, que se namorara del de oídas e non de vistas, lle pedira axuda.

Ubieto, A., Reglá, J., Jover, J.M. e Seco, C. Introducción a la Historia de España [Tradución]

  • Economía urbana e comercial. Baseada na agricultura tradicional mediterránea (trigo, vide, olivas, froitas, arroz, etc.), onde introduciron novos cultivos (algodón, arroz, laranxas e a cana de azucre), ademais de poren en práctica modernas técnicas de rega.

As cidades eran os principais centros de comercio e consumo. Nelas tamén se desenvolvían as actividades artesanais (curtume, tecidos, etc.). Con todo, a actividade económica que tivo máis peso foi o comercio, especialmente o de longa distancia, no que xogou un papel central o uso da moeda, que facilitou os intercambios.

  • Unha sociedade tolerante mais desigual. Por unha banda, atopábanse os árabes, que conformaban unha especie de aristocracia, monopolizando o poder político, militar, económico e relixioso. Por outra atopamos ao resto dos musulmáns, moito deles conversos (muladís), que en teoría terían os mesmos dereitos cos árabes. Logo estarían os non musulmáns, que formaban un grupo moi variado: podían seguir practicando a súa relixión en troca a pagaren tributos. Nestes dous grupos atopamos dende persoas acomodadas (médicos, comerciantes) ata campesiños e artesáns. Por último estarían os escravos, considerados sempre e en todos os lugares como mercadoría humana, eran empregados nos traballos máis duros: minas, agricultura e servizo doméstico.

  • O Al-Andalus: un Estado moi organizado. No cumio, o califa ou o emir, segundo a época, eran á vez o xefe político, militar, relixioso e xudicial. Gobernaban cun poder absoluto. Para lles axudar nas tarefas do goberno, contaban cun corpo de funcionarios residentes no seu pazo, e que formaban a Administración do Estado.

Para manteren este aparato do Estado, precisaban de fortes cantidades de diñeiro, que se obtiñan do cobramento de fortes impostos, que recaían sobre os cristiáns e xudeus, e sobre os intercambios comerciais. Parte destes impostos pasaban á fortuna persoal do califa ou   do emir, ademais de pagar o exército, que sostiña o poder do xefe do Estado e controlaba as fronteiras.

  • Tecnoloxía, cultura e arte. Como comerciaban con pobos de culturas moi diferentes, coñeceron todos os adiantos da época: modernas técnicas de regadío aínda usadas hoxe, muíños de vento, pólvora, papel, etc. A súa cultura acadou un elevado nivel e tivo a consideración de ser a máis desenvolvida de toda a Idade Media.

A maior diferenza que existe entre os cristiáns e nós non é a relixión, senón a forma de entender e vivir a vida. (...) Os cristiáns son aínda máis esgrevios e rudos do que eu cría. (...) O seu sentido da intimidade, arredor da que se pechan como ourizos de mar, tamén é rudo.

Gala, A.: El manuscrito carmesí [Tradución]

 

Grazas a eles, algúns dos elementos fundamentais da cultura grega, da filosofía e da ciencia esquecidos tras a caída do Imperio Romano, foron conservados e transmitidos ata a actualidade. Ademais, proporcionaron un trazo humano de alto valor ético en todos os tempos: a tolerancia, fronte á intransixencia relixiosa dos reinos cristiáns.

O seu desenvolvemento científico foi extraordinario en todos os campos do saber: matemáticas, medicina, cirurxía, astronomía e botánica. Substituíron os números romanos polos números actuais. Crearon moitas bibliotecas, como a de Córdoba, que chegou a ter medio millón de libros.

Na arquitectura, as obras que realizaron estaban destinadas ao poder e á relixión: pazos e mesquitas, onde prestan máis importancia ao interior que ao exterior dos edificios. A decoración non ten figuras humanas nin de animais, ao estaren prohibidas pola relixión, polo que a pintura e escultura practicamente non existen.

 

Córdoba contaba daquela cunha poboación máis do dobre que a de hoxe, cidade de importancia excepcional na Idade Media, cando París e Londres non pasan de ser grandes poboados. (…) A cidade parece iluminada con lanternas; oito séculos máis tarde, aínda os londinienses tropezarían ás escuras polas rúas de Londres. A poboación, en xeral, vivía feliz. Unha cidade con 300 baños públicos amósanos o seu enorme poder. Case ninguén viaxa a pé: aínda o cidadán máis modesto tiña un cabalo para se trasladar dun lugar a outro. Aquí vivían traballando xuntos homes de todas as razas e as relixións. (…) Este mesmo nivel tiñan a industria, a artesanía e a economía do país. Había uns 15.000 teceláns. (…) Adquiriu tal prestixio o curtido e repuxamento das peles e dos coiros que a súa produción recibiu para sempre o nome de cordobán. (…) Un cordobés inventou o cristal.

Grimberg, C. Historia Universal

 

Actividades propostas

S8. Responda ás seguintes cuestións

    • a) De onde procedían os pobos xermánicos? Por que motivos penetraron masivamente no Imperio Romano? Cal destes pobos se instalou en Galicia e que importancia tivo?

    • b) Quen fundou o Islam? Cales son os seus principais preceptos? Como se denomina o seu libro sagrado? Por que se di que o Islam é algo máis ca unha relixión?

    • c) A que fai referencia o termo Al-Andalus? Por que os musulmáns conquistaron tan rapidamente a Península Ibérica? Cales foron as principais actividades económicas que se desenvolveron no Al-Andalus?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0