2.3.7 O renacemento das cidades en Europa occidental
Logo da caída do Imperio Romano Europa ruralizouse. Haberá que esperar ao século XI para que as cidades volvan a agromar. A elas emigraron moitos campesiños para escaparen das condicións de vida extremadamente duras que lles impuñan os señores feudais. A estas novas cidades chamóuselles burgos, e aos seus habitantes, burgueses.
O rexurdimento urbano debeuse ao aumento da produción agrícola e gandeira para xerar excedentes con que alimentar unha poboación que non produce alimentos, a un incremento da poboación no campo debido á unha mellor alimentación, o que xerou unha emigración cara ás cidades, e á seguridade polo cesamento das invasións.
-
Novo grupo social: a burguesía. É un grupo non privilexiado. Habitantes das cidades, teñen como actividade principal o comercio e a artesanía, na busca de gañar diñeiro. Con eles prodúcese un cambio de mentalidade: xorde o afán de enriquecerse para aumentar os negocios e o patrimonio. Esta nova ideoloxía é a base do sistema económico coñecido como capitalismo, mais aínda falta moito para que se consolide. A burguesía dividiuse en alta e baixa, segundo o seu nivel de riqueza. Non eran máis que unha pequena porcentaxe da poboación urbana, convivindo nas cidades con aprendices dos obradoiros, criados, xente sen oficio que fuxía do mundo rural, mendigos, etc.
-
Feiras e mercados: o centro da actividade comercial. Nas cidades tiñan lugar mercados semanais e feiras anuais, para intercambiar produtos da contorna e de lugares arredados, que chegaban a través das rutas comerciais do Mediterráneo, do Norte de Europa ou polo Camiño de Santiago. O comercio europeo tiña a súa base nas cidades do norte de Europa e do Mediterráneo, que comerciaban cos musulmáns. Estes traían produtos exóticos de Asia (seda especias, perfumes) e África (ouro, marfil e escravos), e levaban ferro, armas e tecidos de luxo.
-
Señores, grazas á paz, a nosa cidade de Venecia negocia un capital comercial de 10 millóns de ducados a través do mundo enteiro. Temos 3.345 embarcacións tripuladas por 36.000 homes. (...) A nosa cidade cuña cada ano 1.200.000 ducados de ouro e 800.000 de prata, que se distribúen por Siria, Exipto, Inglaterra. (...) Os florentinos subminístrannos cada ano 16.000 pezas de pano. Nós distribuímolas por Nápoles, Sicilia, Cataluña, Exipto, Siria, Chipre, Lisboa... E cada semana, os florentinos mércannos por valor de 7.000 ducados todo tipo de produtos: la francesa e catalá, cereais, seda, cera, ouro, prata, azucre, sal, índigo, coiro, xoias, con grandes beneficios para nós.
Fourquin, G: Historia económica do occidente medieval
Como consecuencia deste comercio a grande escala retornou a economía monetaria, creándose bancos para a concesión de créditos ou inventándose novos medios de pagamento como a letra de cambio, que permitía cobrar unha cantidade onde se desexar sen necesidade de levar diñeiro.
-
Gremios: as organizacións dos artesáns. A actividade artesanal desenvolvíase en obradoiros propiedade dun mestre artesán. Os obradoiros dun oficio situábanse na mesma rúa, cuxos nomes se conservan nos rueiros dalgunhas das nosas vilas. Os mestres artesáns dun mesmo oficio agrupábanse nunhas asociacións chamadas gremios. Non se podía exercer a profesión sen pertencer a un gremio. A función dos gremios era regulamentar as condicións nas que se tiña que desenvolver o labor: conceder ou denegar permiso para a instalación de novos obradoiros; controlar o horario laboral, que tiña que ser o mesmo para todos; obrigar o uso de materias primas compradas ao mesmo prezo; controlar a calidade dos produtos elaborados; e os seus prezos fixos de venda ao público, pois non se podía vender por debaixo do prezo oficial marcado polo gremio.
Deste xeito, os gremios impedían a libre actividade e a libre competencia. Co paso dos séculos esta situación terá que mudar.
-

Ningún tecelán pode exercer o oficio dentro dos arrabaldes de París se non é fillo de mestre. Cada tecedor pode ter na súa casa dous teares anchos e un estreito. O mestre tecedor non pode ter instalados estes teares fóra da súa casa. Cada tecedor pode ter na súa casa un só aprendiz. Ningún tecedor que vaia ás feiras de Champaña debe vender pano de ningunha parte mesturado co de París. Calquera que sexa tecedor en París, se ten tenda nos mercados para vender os seus panos, cada ano debe pagar ao rei cinco soldos polo dereito de mercado por cada tenda ou posto que posúa.
Boileau. Libro dos oficios
-
Disputas polo goberno das cidades. Moitas cidades dependían dun señor nobre ou eclesiástico, que lles cobraba fortes impostos aos seus habitantes. Esta situación era moi prexudicial para os burgueses, pois necesitaban liberdade para realizaren a súa actividade económica sen trabas. Coa riqueza acumulada, a burguesía comprou a liberdade aos señores feudais e estableceu un goberno propio: os concellos, gobernados por membros da alta burguesía. (na foto anterior, Carcasonne, cidade francesa de orixe medieval).
Os reis, que tiñan pouco poder, apoiaron os burgueses facendo libres as cidades e dándolles permiso para crear mercados novos e circular libremente con mercadorías. En troca, os burgueses correspondíanlles aos reis con diñeiro e armas para que estes reducisen a súa dependencia dos señores feudais e afianzasen paseniño o seu poder. Así a burguesía conseguirá estar representada nas Cortes dos reis, xunto coa nobreza e os altos eclesiásticos.
-
Transformación do ensino: as Universidades. Os cambios que estaba a vivir a sociedade a fins da Idade Media esixía xente ben instruída e formada culturalmente: expertos en leis, en medicina, en economía, profesores. Satisfacer estas esixencias foi o labor das Universidades, que aparecen no século XIII. Son famosas as de Boloña, Oxford, París, Palencia, Salamanca, etc.
-
Gótico: as catedrais como exaltación da luz e da cor. O Gótico nace en Francia e desenvólvese entre mediados do século XII e finais do XV. É unha arte urbana, relixiosa (catedrais) e tamén civil, unida á burguesía, que constrúe pazos, lonxas e concellos.
As construcións son altas, esveltas, luminosas e cheas de luz de diversas cores debido ás vidreiras: son o símbolo dunha nova época, máis aberta, rica e optimista. O arco de medio punto do románico é substituído polo arco apuntado, e a bóveda de canón convértese en bóveda de cruzaría, o que permite dar máis altura aos edificios.
A escultura está asociada á arquitectura: nos pórticos, nos sepulcros. As representacións fan referencia a modelos naturais. A pintura é moi expresiva e localízase en retablos e muros.
Actividades propostas
S11. Responda a estas cuestións.
-
a) En que século rexorden as cidades? Que factores influíron no seu renacer? Quen foi vivir nelas?
-
b) Como se chama o novo grupo social que nace nas cidades? A que actividades económicas se dedica? Pertence ao grupo dos privilexiados?
-
c) Como se chaman as asociacións de mestres artesáns que aparecen nas cidades medievais e que aspectos regulamentaban? Que atrancos económicos ocasionaban estas asociacións?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0