Saltar navegación

2.2.2 As civilizacións clásicas: Grecia e Roma

Estamos ante dúas civilizacións que reciben o cualificativo de clásicas e berce da civilización occidental porque se consideran un momento de esplendor e modelo para outras civilizacións de séculos posteriores, en todos os eidos, mais especialmente no cultural e artístico. Deste xeito as pegadas da súa cultura mantéñense na actualidade (a democracia, o dereito, a filosofía, a literatura, etc.).

Grecia: a base da nosa cultura

A Grecia clásica é unha civilización desenvolvida na Península Balcánica e en torno ao mar Exeo, espallándose polas costas do Mediterráneo entre o século VIII e o I a.C.

  • Civilización de cidades-Estado independentes: as poles. Nunca existiu un Estado chamado Grecia: existiron unha serie de cidades-Estado chamadas poles, constituídas por unha cidade e un territorio circundante con pequenas aldeas.

 

O centro da cidade tiña dúas partes: a acrópole, lugar elevado onde se situaban os templos e refuxio en caso de guerra; a ágora, praza pública e centro da vida política e económica; arredor da ágora situábanse as vivendas e as tendas

Os habitantes das diferentes poles gregas sentíanse parte dunha mesma civilización, xa que contaban cunha lingua común, compartían e mesma cultura e relixión. O territorio ocupado por esta cultura era coñecido como Hélade.

 

  • Colonización grega: unha civilización que se estende polo Mediterráneo. Entre os s. VIII e VI a.C. as poles gregas estendéronse polas costas do Mediterráneo: Asia Menor, sur de Italia, Sicilia, Península Ibérica e norte de África. A causa desta expansión foi a falta de terras para manter unha poboación en aumento.

Emigraban en grupos dirixidos por un xefe. Logo de chegaren a un punto da costa ben protexido, procuraban entenderse pacificamente coa poboación indíxena e fundaban unha colonia independente da pole grega da que partiran, coa que só mantiñan relacións comerciais. No 550 a.C. chegaron á Península Ibérica e fundaron Emporion, a actual Ampuries, na costa de Xirona. No século III a.C. un grego podía viaxar desde India ata o Ebro sen deixar de falar o seu idioma.

  • Economía cunha grande importancia do comercio marítimo. Malia que a agricultura era a base da economía (cos produtos tipicamente mediterráneos: trigo, vide e oliveira), e que o terreo montañoso favorecía a práctica da gandaría (ovellas e cabras), a pesca e sobre todo o comercio é o que dota de singularidade á economía das poles gregas. Desenvolveuse un amplo comercio coas colonias que fundaron por todo o Mediterráneo, onde compraban metais valiosos (ouro e prata) á poboación autóctona, vendéndolles produtos artesanais elaborados nas poles (cerámica, tecidos). A aparición da moeda como medio de pagamento amosa a importancia desta actividade económica.

  • Atenas: unha sociedade desigual e escravista. Estaba dividida en tres grupos:

    • Cidadáns, fillos de pai e nai de Atenas; tiñan todos os mesmos dereitos políticos, aínda que estes dereitos estaban matizados polo seu nivel económico: a maior riqueza, maior participación política; as mulleres ficaban excluídas da actividade política.

    • Metecos, ou estranxeiros; eran libres, pero non tiñan a condición de cidadáns nin dereitos políticos; pagaban impostos e prestaban servizos militares.

    • Os escravos eran persoas totalmente carentes de liberdade, propiedade da clase dominante e considerados como mercadoría humana que se compra e se vende; traballaban nas minas, nas obras públicas, na agricultura, no servizo doméstico e nos obradoiros; constituían a metade da poboación ateniense, de aí que se considere Atenas como un sistema económico e social escravista.

  • Sistema político: das oligarquías á democracia en Atenas. Ao principio, as poles tiñan como forma de goberno a oligarquía, cun goberno controlado pola aristocracia, grupo social minoritario e privilexiado. Mentres o resto das poles ficará cun réxime aristocrático, Atenas irá evolucionando ata chegar, no século V a.C., a unha forma de goberno, a democracia, onde o poder recaerá en todos os cidadáns (homes libres, de pai cidadán e nai ateniense). Podémonos achegar ás diferenzas políticas existentes nas poles de Grecia, a través da análise das dúas máis senlleiras: Atenas e Esparta.

    • Atenas: o camiño cara á democracia. Na pole de Atenas, durante o século V a.C., a presión dos grupos sociais sen poder político provocou cambios políticos e reformas que desembocaron na democracia, quere dicir, os cidadáns alcanzaron o dereito de participar no goberno da cidade.

Reunidos catro veces ao mes nunha asemblea chamada ecclesia, que sería o equivalente aos actuais parlamentos, os cidadáns participaban no goberno da pole: aprobaban as leis e os impostos e elixían o poder executivo ou goberno, formado por maxistrados ou funcionarios que tiñan diferentes funcións (militar, económica, relixiosa, xudicial, política exterior, etc).

 O poder xudicial estaba formado por 6.000 cidadáns elixidos por sorteo e repartidos en dez tribunais presididos por un maxistrado.

Por natureza, o máis débil é tamén o peor. Malia isto, no Estado son os débiles e a gran masa os que dan as leis, e fano no seu propio proveito; por iso tratan de amedrentar os fortes, é dicir, aqueles que teñen forza de por si para teren máis que os outros, co fin de que non aspiren a máis. (...) No entanto, a natureza proba que é xusto que o home hábil posúa máis que o que non o é, e o máis forte máis que o débil.

Calicles, personaxe de Gorgias (diálogo de Platón).

 

A base do sistema democrático é a liberdade; esta caracterízase por ser un goberno por quendas. A xustiza democrática baséase en termos todos o mesmo. Sendo todo isto o xusto, a multitude ten que ser evidentemente a soberana: o que aprobe a multitude ha de ser o xusto.

Aristóteles. Política.

Mais non era unha democracia tal como a entendemos na actualidade, xa que ficaban fóra do sistema todas as mulleres, os metecos ou estranxeiros e os escravos.

    • Esparta: unha pole militarista e aristocrática. A sociedade espartana vivía orientada ao militar: formados coma militares dos 7 aos 30 anos, os cidadáns espartanos estaban obrigados a prestar servizos ao Estado ata os 60 anos. Ademais dos cidadáns, fillos de espartanos, que só se dedicaban á guerra, existía outro grupo de persoas libres, mais sen dereitos políticos, que traballaban no comercio, na artesanía e tiñan obrigacións militares. Por último, os escravos, que traballaban o campo. O réxime político era distinto ao de Atenas: unha oligarquía formada polos xefes militares e relixiosos. O seu constante enfrontamento con Atenas pola hexemonía na Hélade vai desembocar nunha guerra que suporá o principio da fin da existencia das poles.

  • Civilización urbana. A maior parte da poboación era urbana. As clases baixas tiñan como alimento básico o pan, figos, verduras e froitas. Os privilexiados consumían preferentemente carne e peixe. A autoridade familiar recaía no pai. As mulleres pasaban case todo o tempo na casa, e estaban sempre baixo o control dun home: seu pai, o marido ou o fillo máis vello, se enviuvaban. Ocupábanse da atención doméstica e asemade traballaban as terras.

  • Cultura grega: o fundamento da cultura occidental. Foi das máis salientables en toda a historia da humanidade, e constitúe a base da cultura europea e occidental actual. É antropocéntrica, é dicir, ten a persoa humana como punto de partida e como fin. A principal achega cultural foi o pensamento racional, baseado en dous principios: os fenómenos naturais teñen causas naturais, sen que interveñan factores exteriores; e estas causas son lóxicas e razoables, non misteriosas nin mitolóxicas.

Aínda que os gregos posuían unha grande variedade de mitos, foron eles os que comezaron a aplicar a razón para intentar explicar a realidade que os rodeaba: esta revolución no pensamento humano deu lugar, no século VI a.C., ao nacemento da filosofía e sentou as bases do pensamento científico.

  • Unha época de grandes avances científicos. Deuse un grande salto respecto dos coñecementos de épocas anteriores: desenvolvéronse as matemáticas, grazas a pensadores como Pitágoras e Arquímedes, do mesmo xeito que sentaron as bases de novas ciencias, como a física, bioloxía, historia, medicina, antropoloxía, etc.

 

  • Literatura. Naceu a literatura occidental. Destaca Homero, coa Ilíada e a Odisea.

  • Unha relixión politeísta. A grande cantidade de deuses que adoraban os gregos tiñan forma humana e comportábanse igual que as persoas (agás na súa inmortalidade). Os templos eran numerosos e cada pole tiña os seus propios deuses protectores. Existían festas relixiosas, as máis importantes eran as Olimpíadas, chamadas así por se celebraren en Olimpia, e que reunía a persoas de todas as poles gregas.

  • Arte: a busca da beleza ideal. A función primordial da arte grega é a representación da beleza, entendida como unha mestura de proporción, harmonía e equilibrio entre as partes.

En arquitectura destacan os templos, lugar de residencia dos deuses aos que están consagrados. Foron construídos á medida do ser humano e cunha preocupación pola aparencia exterior. Utilizaban o mármore como material e descoñecían o uso do arco.

 

A escultura grega ten como finalidade plasmar na figura humana os seus ideais de beleza física e equilibrio psíquico: proporción, anatomía harmoniosa, expresión dos sentimentos e figuras en movemento.

Da pintura só se conserva a que realizaron sobre recipientes de cerámica. Representaron escenas da vida cotiá e dos deuses, que nos serven como valiosa fonte de información.

Roma e o seu Imperio

  • Monarquía, República e Imperio. No 753 a.C., os poboadores de sete outeiros uníronse fundando a cidade de Roma, á cabeza da cal estaba un rei. No ano do 509 a.C. os romanos puxeron fin a este período monárquico e instauraron un novo sistema político: a República, palabra que procede da expresión latina res publica, e que significa cousa pública, é dicir, todo aquilo que importa a toda a comunidade, pois pensaban que os asuntos públicos ou políticos pertencían a todo o pobo. Durante esta etapa, o poder residiu nunha asemblea elixida por parte do pobo, estendéndose os dominios romanos fóra da península Itálica.

En 27 a.C. remata a República e inaugúrase un novo sistema de goberno coa figura de Octavio Augusto: o Imperio, un sistema ditatorial, no que todos os poderes estaban na man do emperador.

No ano 395 d.C. o imperio dividiuse en dous: o de Occidente e o de Oriente. O primeiro desapareceu en 476 debido ás invasións dos pobos xermánicos; o segundo, coñecido como Imperio Bizantino, durará ata 1453, cando os turcos invadan ese territorio.

  • Roma: de pequena vila a gran imperio. Desde o 300 a.C. ata o século II d.C., Roma expandiuse territorialmente, ata formar un enorme imperio. Un exército perfectamente organizado e a dispoñibilidade dunha gran cantidade de soldados (todo cidadán entre os 17 e os 60 anos podía ser soldado) foi a chave desta expansión territorial. O servizo militar era obrigatorio, tendo unha duración dun ano, prorrogable ata doce. Cada soldado pagaba o seu uniforme e o armamento. A negativa a servir no exército traía como consecuencia a perda da cidadanía e a conversión en escravo.

  • Unha economía urbana, escravista e predadora.

    • Urbana. O centro económico era a cidade e, en primeiro lugar, Roma. Toda a produción orientábase cara ás necesidades de Roma.

    • Escravista. Todas as tarefas produtivas eran realizadas polos escravos.

    • Predadora. Explotaron masivamente os recursos humanos (escravos) e as riquezas dos territorios conquistados. As terras de labor, as minas e as manufacturas eran propiedade do Estado; por iso, orientaron as provincias do Imperio a produciren aquilo que máis beneficio lles reportaban.

Para moveren esta grande cantidade de produtos estableceron un sistema de rutas comerciais moi eficaces, tanto terrestres (calzadas) como marítimas.

Posuían un sistema monetario, co denario como unidade de prata, o áureo de ouro e o ás de bronce; e tiñan tamén un sistema de pesas e medidas.

  • Sociedade. Tiña a mesma estrutura que observamos desde as primeiras civilizacións. Era unha sociedade desigual, mais aberta, pois o ascenso social era posible. Cada un dos grupos tiña un nivel de riqueza, de poder, de dereitos e de deberes diferenciados. Malia os cambios que houbo ao longo da historia de Roma, a estrutura social podémola resumir así:

    • Na época da Monarquía, os patricios, descendentes dos fundadores de Roma, eran a clase aristocrática, rica. Monopolizaban o poder; elaborando as leis e elixindo os cargos políticos. Os plebeos, basicamente integrados por persoas de pobos estranxeiros conquistados, non tiñan dereito político ningún; traballaban no campo, nos obradoiros e no comercio.

    • Durante a República e o Imperio, segundo se ían conquistando novos territorios, a sociedade fíxose máis complexa: persoas libres (patricios e plebeos), os libertos (escravos semiliberados) e os escravos. As persoas libres dividíanse, a súa vez, en cidadáns romanos e non cidadáns (poboación estranxeira). Só os primeiros podían chegar a exercer cargos políticos: era o grupo que tiña o poder.
 

No período republicano tres institucións políticas repártense o poder.

O Senado pasou de ser órgano de consulta a dirixir a República: controlaba a aplicación das leis, a economía e a política exterior.

Na foto reprodúcese unha interpretación cinematográfica actual do Senado romano

 

  • Vida cotiá. A familia está baixo a autoridade do pai, quen tiña potestade de vida e de morte sobre todos os membros, incluídos os escravos.

As mulleres estaban baixo a potestade do pai ou o esposo, e dedicábanse á reprodución e ao coidado da casa. Politicamente carecían de dereitos: non podían votar, herdar nin testar. Pero socialmente tiñan unha alta consideración e eran moi respectadas.

A comida das clases baixas consistía basicamente en pan, cereais e touciño. As clases altas facían da comida unha cerimonia farturenta cun gran número de pratos.

  • Órganos de poder político (Roma e provincias). Na Monarquía o rei controlaba de por vida o poder militar, político e relixioso. Logo xurdiron as Asembleas e o Senado, que era un consello de anciáns; as dúas institucións eran só consultivas.

    • As asembleas populares (comicios). Estaban formadas por todos os cidadáns; elixían os maxistrados e aprobaban as leis propostas.

    • Os maxistrados. Cumpría ser cidadán para poder ser elixido maxistrado. Existían varias clases: os cónsules, que tiñan o poder executivo e o mando do exército; os pretores exercían o poder militar e político nas provincias; os censores, que elaboraban o censo da poboación e da riqueza e administraban os impostos; os edís, que controlaban as cidades; os tribunos da plebe, pertencentes aos plebeos, que representaban a súa clase e podían votar en contra das leis que lesionaban os seus intereses.

Quizás poida parecer que o sistema republicano fose democrático; pero para ser elixido maxistrado ou senador, ou para asistir ás asembleas, era preciso ter unha gran fortuna. En realidade tratábase dunha oligarquía.

Este sistema político desaparece na época imperial: o Senado entregoulle todo o poder a Octavio no ano 27 a.C., que o asume co título de emperador. Deseguido déuselle o título de Augusto, que significa elixido polos deuses, o que lle engadía o poder relixioso. Estamos ante un exemplo de poder absoluto na figura do emperador: xefe político, militar e relixioso. As demais maxistraturas seguiron existindo, pero quedaron sen poder efectivo, ao asumir as súas funcións o emperador. No século III d.C. os emperadores foron divinizados, considerados deuses, co que o seu poder se viu notablemente incrementado.

 

Para administrar un territorio tan enorme, Roma tivo que crear unha poderosa administración. Dividiron o imperio en provincias, á fronte das cales estaba un gobernador, que rendía contas ante o Senado de Roma; había provincias imperiais, controladas directamente polo emperador, e senatoriais, dependentes do Senado de Roma.

  • Unha cultura con moitas influencias e unha arte pragmática. A súa lingua, o latín, estendida por todo o imperio, foi o elemento cultural que lle deu unidade ao inmenso territorio conquistado. Desa lingua derivaron, entre outras, o galego, o castelán, o portugués, o catalán, o italiano, o francés, o romanés, etc. O dereito romano foi outro dos piares que permitiu uniformar o Imperio e a súa influencia mantense na lexislación actual.

Unha das características que singularizan a Roma é o seu pragmatismo e a súa capacidade para asumir numerosas influencias doutras civilizacións, adaptándoas ás súas circunstancia. Así, na arte, a súa principal fonte de inspiración foron os gregos, mais facendo fincapé na procura da utilidade e do práctico, mais que na busca do ideal estético. Por outra banda, incorporaron o uso do arco e as bóvedas, descoñecidos polos gregos, o que lles permitiu construír grandes obras de enxeñería e edificios de grandes dimensións. Así, construíron calzadas e pontes, básicas para a actividade comercial; acuedutos para a condución da auga; basílicas, que eran lugares para actividades comerciais e para a administración da xustiza; termas, para o baño; circos, teatros e anfiteatros, para a diversión; arcos e columnas, para conmemoraren os triunfos sobre os inimigos.

Na escultura destacan polos retratos, que conseguen elaborar cun enorme realismo, tanto físico como psicolóxico. Os mosaicos son tamén moi notables. Utilizábanse para a decoración de edificios públicos e as casas dos patricios.

  • Unha relixión oficial tomada dos pobos conquistados. Era politeísta, e tiña como función consagrar e darlles transcendencia aos asuntos políticos e da vida diaria. Moitos deuses tiveron a súa orixe en deuses propios das terras conquistadas, nomeadamente dos gregos, os que rebautizaron, aparecendo unha mestura de deuses das distintas provincias. Así se creou en todo o imperio outro elemento de unión.

  • A Hispania Romana. O interese por conquistar a Península Ibérica foi a obtención de materias primas minerais e agrícolas, así como de escravos.

Hispania produce cereais, viño, aceite, metais e rexos escravos. Ten xacementos abundantes de ouro, prata, ferro e chumbo.

Plinio. Historia Natural

Iniciaron a conquista no 218 a.C. polas costas mediterráneas. Despois de dous séculos anos de loita, someteron os últimos núcleos de resistencia na franxa costeira cantábrica no 19 a.C. en operacións militares dirixidas persoalmente polo emperador Augusto.

Os romanos déronlle á Península o nome de Hispania, dividíndoa en varias provincias. Os pobos peninsulares perderon todos os seus trazos culturais e asimilaron os propios da cultura invasora por medio do contacto co exército e cos dirixentes políticos e económicos chegados de Roma.

  • Gallaecia. Galicia interesáballes aos romanos pola explotación mineira, fundamentalmente o ouro, a prata e o estaño.

O ouro atópase nos ríos en estado puro. Gallaecia, Lusitania e Asturica proporcionan 200.000 libras de ouro ao ano. Non hai ningunha outra parte da terra onde se dea esta abundancia.

Plinio. Historia Natural

 

Co fin de vixiar os territorios conquistados e permitir unha explotación mineira tranquila, Roma estableceu campamentos permanentes en sitios estratéxicos; un destes lugares foi Lucus Augusti, hoxe Lugo.

A pegada romana en Galicia foi moi considerable: introduciron o arado e a vide; construíron calzadas para dar saída aos metais extraídos; realizaron obras públicas, como o faro da Torre de Hércules, pontes e termas; a lingua propia de Galicia, o galego, xorde do latín, e mesmo o propio nome de Galicia, Gallaecia.

  • O cristianismo. Na época imperial xorde na parte oriental do imperio, na provincia de Palestina, unha nova relixión, practicada por persoas que dicían seguir a Xesús de Nazaret e que recolleron a súa mensaxe nos Evanxeos, uns escritos que se foron elaborando neste primeiro século da nosa era. Como a relixión xudía, da que xorden, presentábanse como unha relixión monoteísta (adora un só deus).

Eu, Constantino Augusto, reunido en Milán para tratar problemas que afectan á seguridade pública, creo o meu deber tratar aqueles nos que radica o respecto da divindade, co fin de lles conceder tanto aos cristiáns como a todos os demais a facultade de seguiren libremente a relixión que cadaquén queira.

Edito de Milán

 

Os principios básicos desta nova relixión foron dous: a igualdade de todas as persoas ante Deus e unha vida eterna tras a morte.

Os seguidores de Xesús propagaron a nova relixión polo Imperio, organizándose en comunidades chamadas ecclesiae, termo este que xa vimos cando estudamos Grecia; neste caso, eran asembleas constituídas polos cristiáns dunha cidade.

A súa mensaxe e a súa acción foi vista como un perigo por parte do poder romano, xa que remexía os fundamentos da sociedade escravista romana e negaba o culto debido ao emperador.

A persecución levada a cabo polas autoridades romanas foi implacable, o que obrigou aos cristiáns a practicar de xeito clandestino a súa relixión. Boa proba son os vestixios achados nas catacumbas, unhas galerías soterradas baixo a cidade de Roma.

Mais no ano 313, ao promulgar o Edito de Milán, o emperador Constantino concedeu a liberdade de culto relixioso, o que facilitou a difusión aínda máis desta relixión. No 380, coa conversión do emperador Teodosio ao cristianismo, en menos dun século o cristianismo pasou de ser unha relixión perseguida a se converter na relixión oficial do Imperio.

Actividades propostas

S5. Responda as seguintes cuestións.

    • a) Explique o que eran as poles.

    • b) Que dous elementos culturais facían sentirse aos gregos como pertencentes a unha mesma cultura?

    • c) Sintetice as diferenzas entre o sistema político de Atenas e o de Esparta.

S6. Responda as seguintes cuestións.

    • a) Cales eran as características da economía romana?

    • b) Por que o sistema político da República non é democrático? Cando se volve a un poder absoluto concentrado nunha soa persoa?

    • c) Que elemento cultural unificou o todo o imperio?

    • d) Para os romanos, cal era a función principal da arte?

S7. Responda as seguintes cuestións.

    • a) Por que motivos se achegaron os romanos a Hispania e a Gallaecia? Destaque o legado que deixaron os romanos en Galicia.

    • b) Por que as autoridades romanas perseguiron nos primeiros séculos da nosa era os cristiáns? Cando finalmente se constituíu o cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano?

    • c) Expoña a idea principal do fragmento do Edito de Milán.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0