Saltar navegación

2.3.5 Os reinos cristiáns da Península Ibérica

Cando en 711 os musulmáns ocuparon a Península Ibérica, pequenos grupos de cristiáns refuxiáronse nas montañas do norte. Co tempo converteríanse en reinos que marcarían a vida peninsular con Al-Andalus nos seguintes 800 anos.

  • Nacemento e evolución. Nos primeiros séculos aparecen uns pequenos reinos, que pouco a pouco van medrando:

    • O reino de Galicia, Asturias e León, que a comezos do século X chegaba ata o río Douro. Deste reino separouse o de Castela. Uniranse definitivamente en 1230 co rei Fernando III.

    • Nos Pireneos aparecen os reinos de Navarra e de Aragón e unha serie de condados cataláns. O reino de Aragón e os condados cataláns uniranse no século XII, formando a Coroa de Aragón.

    • Portugal. Os condados do sur de Galicia, parte do seu reino, independizaranse no 1128 e comezarán unha expansión territorial cara ao sur.

  • A Reconquista: a expansión dos reinos cristiáns pola Península. Os reinos cristiáns víronse na necesidade de ocupar máis terras coas que alimentar unha poboación que ía en aumento.

 Grazas á súa fortaleza e aproveitando os momentos de disputas e divisións internas no Al-Andalus, comezaron a conquistar novas terras, expandíndose cara ao Sur. Mais a Reconquista foi sobre todo unha construción ideolóxica dos reis cristiáns, especialmente o de Castela: a conciencia que os territorios que conquistaban eran seus porque eles eran os herdeiros dos visigodos, así como o carácter relixioso do que dotaron a esta conquista: a loita contra os infieis (os que non profesan a relixión considerada como verdadeira).

 

 

  • Forte expansión territorial dos séculos XII e XIII. Nestes dous séculos, dentro do ámbito cristián da Península Ibérica existen catro reinos: Castela e León, Navarra, Coroa de Aragón e Portugal, que lle deron un forte pulo ao proceso reconquistador.

No século XIII o avance foi notable: o reino de Castela e León chegou ata o Guadalquivir; o de Aragón ocupou Valencia ata Murcia e as Baleares; ao tempo que Portugal fixaba as fronteiras do territorio que posúe na actualidade. Al-Andalus viuse, deste xeito, reducido ao reino nazarí de Granada, que comprendía o que hoxe son as provincias de Málaga, Granada e Almería.

  • Os Reis Católicos e a fin do Al-Andalus. En 1469, Isabel, raíña de Castela, e Fernando, rei de Aragón, casaron e recibiron o alcume de Reis Católicos. Os intereses políticos dos dous reinos máis importantes da Península ficaban unidos e iniciaron un proceso de conquista na península, que os levou a acabar co último reino musulmán ibérico, o de Granada, en 1492, do mesmo xeito que conquistaron Canarias en 1496 ou anexionaron o reino de Navarra en 1515.

  • Repoboación. Segundo os reinos cristiáns ían incorporando novos territorios, había que repoboalos con xente para ter forza neles. Estas novas terras eran propiedade do rei, que llas concedía xa aos nobres, como pagamento aos servizos militares prestados, xa aos monxes, para que fundasen novos mosteiros, xa a labregos libres.

 Para fomentar a ocupación das novas terras, os repoboadores recibían unha serie de beneficios, que se recollían nun documento chamado carta de poboamento: redución de impostos, liberación da prestación militar, liberdade persoal, etc.

A repoboación do século XIII levouse a cabo mediante a entrega de grandes latifundios ou señoríos aos nobres que prestaran axuda militar ao rei, así como á Igrexa, o que foi a orixe das grandes propiedades agrícolas que persisten na actualidade.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0