Saltar navegación

1 - Introdución

Esta unidade didáctica, denominada A humanidade en evolución: dunha economía depredadora ao mundo feudal, é a primeira das catro que constitúen o módulo 3 do ámbito social. Está dividida en tres partes, e trata un longo período da historia da humanidade que vai desde a orixe do ser humano, hai máis de dous millóns de anos, ata a fin da Idade Media, ao remate do século XV.

  • A primeira parte analiza a evolución do ser humano, desde os homínidos ata a aparición do Homo sapiens sapiens, e os dous grandes períodos prehistóricos, o Paleolítico e o Neolítico.

  • A segunda céntrase na chamada Idade Antiga, a primeira das etapas en que se divide convencionalmente a Historia. Nela desenvólvense as grandes civilizacións da antigüidade: a mesopotámica, a exipcia, a grega e o Imperio Romano. Tamén xorde neste período histórico a relixión que determinou a historia de Occidente, o cristianismo.

  • A Idade Media trátase na derradeira parte, unha etapa de mil anos que se inicia coa fin do Imperio Romano, no ano 476, e remata a finais do século XV. Abrangue as invasións dos pobos bárbaros ou xermánicos, que lle poñen fin á civilización romana; o nacemento doutra das relixións máis influentes, o islamismo; a implantación dun novo sistema social e económico en Europa occidental, o feudalismo; o forte poder ideolóxico e económico da Igrexa; e o renacemento das cidades en Europa a partir do século XI.

Centrándonos no ámbito máis preto de nós, ao longo da unidade concrétanse as marcas que en Galicia e España deixaron os anteriores feitos históricos: a cultura castrexa; a pegada romana; a cristianización; o remate da influencia romana a mans dos pobos xermánicos; a invasión musulmá e a creación dun Estado islámico chamado Al-Andalus; o nacemento e a evolución dos reinos cristiáns da Península Ibérica segundo se ían reconquistando territorios aos musulmáns; o proceso de feudalización e a evolución do Reino de Galicia.

 

Logo de rematada a unidade deberá ser capaz de:

  • Explicar o proceso de hominización, coñecer o modo de vida das comunidades humanas paleolíticas e comprender as importantes consecuencias que a revolución neolítica tivo no devir da humanidade.

  • Describir o modo de vida das civilizacións mesopotámica e exipcia, e valorar a importancia que tiveron na división da sociedade en clases e na aparición do poder institucionalizado.

  • Recoñecer os aspectos sociais, económicos e políticos do mundo grego, exemplificados na cidade de Atenas, e recoñecer e valorar a influencia que o mundo grego tivo no Occidente europeo.

  • Recoñecer a evolución económica, social e política da civilización romana, comprender as causas da súa desaparición e identificar as tres áreas culturais en que se fragmentou.

  • Explicar o proceso de expansión do cristianismo.

  • Explicar os cambios sufridos na Península Ibérica como consecuencia da súa conquista por Roma e valorar a importancia do legado romano na nosa cultura.

  • Identificar os elementos económicos, sociais e políticos do reino visigodo e describir a formación do reino suevo.

  • Describir o proceso de conquista da Península Ibérica polos musulmáns, coñecer os principais trazos económicos, sociais e políticos de Al-Andalus, e explicar o proceso de recuperación dos territorios peninsulares por parte dos cristiáns.

  • Entender a orixe, a formación e a evolución dos reinos cristiáns da Península Ibérica na Idade Media, e coñecer os seus aspectos económicos, sociais e políticos máis salientables.

  • Identificar as causas que conduciron á aparición do sistema feudal, comprender o seu funcionamento e explicar a relación entre os estamentos da sociedade feudal e o seu modo de vida.

  • Coñecer a organización da Igrexa na Idade Media e valorar as consecuencias do poder que posuía.

  • Identificar as causas que motivaron o renacemento urbano, recoñecer os grupos sociais das cidades medievais e coñecer as actividades que nelas se desenvolvían.

  • Identificar os trazos máis característicos dos estilos artísticos de cada período.

  • Analizar a evolución histórica de Galicia ata o século XV e recoñecer e valorar as pegadas do noso pasado histórico na linguaxe, nos costumes, nos restos materiais, nas manifestacións artísticas e na vida cotiá como elementos constitutivos da nosa identidade individual e colectiva.

  • Obter información de documentos audiovisuais.

  • Interpretar a información incluída en textos e gráficos.

  • Diferenciar nos textos a información da opinión.

  • Procurar en internet información relacionada coa unidade.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0