Saltar navegación

2.3.6 A Igrexa durante a Idade Media

A Igrexa foi a única institución que seguiu funcionado despois da caída do Imperio Romano de Occidente. A súa estrutura foi aproveitada polos pobos xermánicos para consolidar os seus reinos, asegurándose así a Igrexa unha posición de privilexio en Europa Occidental que mantería durante todo este período: deulle lexitimidade ao poder político, proporcionou a ideoloxía que sostivo o sistema feudal e ditou os fundamentos das leis e as normas para seguir na vida cotiá, desde o traballo ata a vida persoal e íntima, quedando a cultura exclusivamente nas súas mans. E con esta situación a Igrexa aproveitou para impor a súa relixión como a única, perseguindo os fieis das outras relixións.

Viaxe de Pedro II de Aragón a Roma para render vasalaxe ao papa Inocencio III en 1204: Eu, Pedro, rei de Aragón, prometo e confeso que sempre hei ser fiel e obediente ao meu señor papa Inocencio, aos seus católicos sucesores e á Igrexa romana, hei conservar fielmente o meu reino na súa obediencia, defendendo a fe católica e perseguindo os herexes, hei custodiar a liberdade das igrexas e hei defender os seus dereitos, heime esforzar por conservar a paz e a xustiza en toda a miña terra, así Deus me axude e estes Santos Evanxeos.

Artola, M. Textos fundamentales para la Historia [Tradución]

 

Para poder alcanzar a vida eterna trala morte, o cristián tiña como obrigas a práctica da caridade, a entrega de bens á Igrexa, a oración e a asistencia obrigatoria aos oficios relixiosos. Co fin de manter ás persoas submisas a estes principios relixiosos e ás leis civís, a salvación para un cristián só era posible dentro da Igrexa e controlada polo estamento clerical, especialmente os sacerdotes.

Posuía grandes feudos, que fixeron da Igrexa unha enorme potencia económica. Practicaba a caridade cos pobres e mantiña escolas e hospitais.

  • A Igrexa: unha institución moi xerarquizada. As persoas pertencentes á Igrexa formaban parte do outro grupo privilexiado. No cumio estaba o Papa, en Roma. Deseguido viñan os bispos, que exercían o poder nas dioceses, e os abades, máxima autoridade dun mosteiro, que tiñan os mesmos privilexios que os nobres. Logo estaba o baixo clero, conformado polos sacerdotes, que vivían nas parroquias; e os monxes e as monxas, que vivían nos mosteiros, todos eles cun nivel de vida semellante ao dos labregos.

 

Xuramento de vasalaxe dun nobre a un señor eclesiástico: Eu, Suero Gómez de Soutomaior, vasalo que son desta Santa Igrexa de Santiago e de vós, señor arcebispo, fago homenaxe como cabaleiro (...), que do día de hoxe en adiante hei ser fiel e obediente vasalo da devandita Igrexa e a vós, señor arcebispo, heivos servir leal e verdadeiramente con todas as miñas forzas e poder, ao que estou obrigado polas terras, servos, rendas e dereitos que da devandita igrexa eu teño e posúo (...). E hei obedecer e cumprir os vosos mandamentos; e hei facer que se cumpran nesas terras que eu teño e posúo.

Armas, Moreno, Ulloa e Villares. Textos e materiais para a historia de Galicia

 

Os mosteiros, ademais da función de oración para o que foran creados, convertéronse en auténticos centros económicos, onde campesiños e servos traballaban as terras do mosteiro. Os monxes (e monxas) tiñan que vivir en comunidade cumprindo unhas normas moi estritas que rexían a súa vida cotiá. O conxunto destas normas dáselle o nome de regra.

En moitos mosteiros, os frades realizaron un labor importante como copistas de textos. Deste xeito conservaron e espallaron moitas obras da Antigüidade, función que mantiveron ata a invención da imprenta a fins da Idade Media. Na Idade Media houbo varias ordes monásticas: beneditinos, franciscanos, dominicos...

 

 

  • O Románico: a arte dun cristianismo militante e triunfador. Nace en Francia e está intimamente unido ao feudalismo e á Igrexa. Desenvolveuse entre fins do século X e principios do XIII. Na Península entrou polo Camiño de Santiago, e sitúase principalmente nas zonas rurais. A catedral de Santiago de Compostela é a obra cumio deste estilo.

As construcións arquitectónicas (igrexas, mosteiros e castelos) son fortes, sólidas, de grosos muros e con poucos ocos, o que provoca que sexan escuras. Cunha grande robustez, érguense coma as fortalezas da fe que triúnfan no mundo. Teñen arcos de medio punto e están cubertas por bóvedas de canón. As esculturas aparecerán decorando os edificios relixiosos: relevos feitos principalmente nos capiteis das columnas e nos pórticos, con figuras que narran historias ou simbolizan feitos e temas relixiosos, co fin de ensinarlles os Evanxeos aos fieis analfabetos.

Actividades propostas

S10. Responda ás seguintes cuestións

    • a) Cales foron os primeiros reinos cristiáns e que territorios abranguían? Cite os principais reinos cristiáns dos séculos XII e XIII e sinale as conquistas territoriais que levaron a cabo. Explique como se levou a cabo a repoboación dos territorios reconquistados.

    • b) Cal era o interese principal da Igrexa durante a Idade Media? Describa a influencia da Igrexa na sociedade.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0