3. Resumo de contidos
-
A Prehistoria é o período máis longo da historia, e durante o seu transcurso tiveron lugar feitos de grande importancia para a especie humana: a súa aparición, resultado dunha longa evolución, que se produciu no Paleolítico e que se materializou cando a especie foi capaz de construír ferramentas de forma consciente; así como a primeira vez que o ser humano foi capaz de producir alimentos, feito que marca o inicio do Neolítico. Foi unha transformación tan radical que se fala de Revolución.
-
Os grupos humanos durante o Paleolítico viviron dependentes totalmente dun ecosistema moi cambiante, debido ás glaciacións, permanecendo no nomadismo, xa que tiñan que perseguir as mandas de animais salvaxes que lles servían de alimento. A produción de alimentos no Neolítico, coa invención da agricultura e gandaría, permitiralles volverse sedentarios, co que mudará totalmente o tipo de vida.
-
Despois dunha época de invencións que coñecemos como a Idade dos Metais, arredor do 3000 a.C, algunhas sociedades entran na Historia ao aparecer a escrita, ao se desenvolveren as cidades e o comercio a grande escala.
-
Nos inicios da Historia desenvolveranse florecentes civilizacións urbanas arredor do mar Mediterráneo. Posteriormente xurdirán neste espazo xeográfico outras dúas civilizacións, Grecia e Roma, que consideramos como clásicas porque son a base da nosa cultura. Ambas eran civilizacións nas que a agricultura segue sendo a base da súa economía, pero nas que as cidades van xogar un papel central e que eran totalmente dependentes da existencia e do traballo dos escravos.
-
O Imperio Romano foi o máis grande do seu tempo, mais a partir do s. III entrou en crise e sufriu unha decadencia que provocou a súa desaparición motivada pola entrada de pobos xermánicos, que acabarán coa unidade política en Europa, xurdindo toda unha serie de reinos independentes. Comeza un novo período, chamado Idade Media, que no económico comeza co abandono das cidades e unha progresiva ruralización das poboacións europeas.
-
No século VII xorde unha nova relixión en Arabia, o Islam, que rapidamente se estendeu por todo o Mediterráneo formando un gran imperio. Deste xeito, a comezos do século seguinte conquistaron practicamente toda a península Ibérica, aparecendo o Al-Andalus, que será un dos Estados máis importantes política e culturalmente da Europa medieval.
-
Na Europa medieval desenvolveuse o feudalismo, un sistema político, económico e social, baseado na agricultura, cunha sociedade dividida en estamentos (grupos sociais pechados con desigualdade de dereitos), onde os privilexiados eran os donos da terra (nobreza laica e eclesiástica) e os campesiños, non privilexiados, traballábana en situación de servidume. O feudalismo, dende o punto de vista político, caracterizábase pola fragmentación do poder entre o rei e a alta nobreza.
-
A partir do século XI rexorden as cidades e aparece un novo grupo social, a burguesía, que centrou as súas actividades no comercio, na artesanía e na banca.
-
A Igrexa tivo un gran poder ao longo de todo este período, tanto público coma privado, tentando impor o catolicismo como única relixión dos reinos cristiáns.
-
A fins da Idade Media en Galicia viviuse unha das primeiras revoltas antiseñoriais, as Guerras Irmandiñas, que mobilizou a campesiños e pequena burguesía contra os abusos e malfeitorías dos señores laicos.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0