2.3.4 O feudalismo
Chámase así o sistema social, económico, político e ideolóxico que se deu en practicamente toda Europa entre os séculos IX e XV, aínda que restos del permaneceron nalgúns lugares ata fins do século XIX.
O feudalismo caracterízase por unha economía eminentemente agrícola, pola desaparición dos Estados cun poder central forte, producíndose unha fragmentación do poder que vai ser exercido polos nobres nos territorios da súa propiedade, e pola xeneralización de relacións ou vínculos persoais entre as persoas. Esta relación, entre os nobres, toma a forma de vasalaxe, mentres que os campesiños sométense aos nobres mediante a servidume.
-
Como se chega a esta situación? Nos Estados e imperios, como o de Carlomagno, xurdidos despois da caída do Imperio Romano, os reis non foron quen de impor o poder: non podían protexer a poboación, nin recadar impostos, nin manter un exército. Para poderen gobernar estableceron cos nobres un sistema de relacións persoais baseado na concesión de bens a cambio de certas prestacións.
-
Como funciona o sistema feudal? Na base deste sistema hai un contrato mediante o cal un home (o rei, ou un nobre con moitas posesións) concede a outro (tamén nobre) a posesión de determinados bens (beneficio), case sempre terras, para que as administre e viva delas. En troca do beneficio, o beneficiado ten que lle render vasalaxe, quere dicir, ten que prestarlle determinados servizos: combater a cabalo para el, pagarlle tributos por diversos motivos, darlle consello, contribuír ao seu rescate se caer prisioneiro, dotar as súas fillas cando casen, etc. O contrato faise cunha cerimonia chamada investidura.
-

E así foi como desapareceu o Estado e se substituíu por millares de “pequenos estados” controlados absolutamente cada un deles por un nobre ou señor. A cada un destes “pequenos estados” chamóuselle señorío, que eran grandes extensións de terreo ou latifundios, propiedade do señor feudal, que vivía protexido no seu castelo. Á parte deles, os altos cargos da Igrexa, bispos e abades, posuíron tamén latifundios ou señoríos
Outra peza esencial do sistema é a inmunidade, pola que o beneficiado se libera de moitas obrigas, como impostos; ten dereito de xurisdición (aplica leis; exerce o poder xudicial; impón tributos ás persoas que viven nas súas terras; cobra pola utilización de servizos como o paso polas pontes e camiños, polo uso de muíños e fornos, pola herba, pola leña…); e, o máis importante, pode transmitir en herdanza o beneficio. En definitiva, o beneficiado asume toda a autoridade e todo o poder no seu territorio, como se fose un “pequeno rei” independente: ten o monopolio da economía e do poder.
Por outra banda, estendeuse o sistema de servidume. Os campesiños, que constituían o 90 % da poboación, desaparecido todo poder público, para protexérense nun tempo de temor e inseguridade, motivada polas invasións de normandos, musulmáns e húngaros, sometéronse a estes señores, traballando nas súas terras ou cedéndolle as terras de seu, a cambio de protección física. Co tempo, estes campesiños foron perdendo a condición de homes libres para se converteren en servos dos señores feudais.
-
Encomenda con renuncia de liberdade: “Eu, Berterio, puxen a corda no meu pescozo e entregueime baixo o poder de Alariado e a súa dona Ermengarda, para que desde hoxe fagades de min e da miña descendencia o que queirades, o mesmo vós que os vosos herdeiros, podendo gardarme, venderme, darme a outros e, se eu quixera deixar o voso servizo, podedes determe”.
Bantruche, A.: Señorío y feudalismo [Tradución]
Logo de instalado este sistema, a primeira consecuencia do monopolio do poder por parte dos nobres é que a lei non é igual para todos e, de feito, ningunha lei protexe a quen non estea ligado por un contrato feudal.
-
A economía feudal: na busca da autosuficiencia. Era unha economía totalmente baseada na agricultura e na gandaría. As terras eran traballadas polos servos do señor feudal e por algúns campesiños libres. Estes últimos tiñan que pagar unhas rendas moi elevadas ao señor, e a décima parte da colleita (o décimo) á Igrexa. Era unha economía de autoabastecemento, polo que o comercio case non existía.
-
Unha sociedade composta por estamentos. Formábana grupos sociais moi pechados, chamados estamentos. Entres eles existía unha diferenza fundamental: non existía igualdade xurídica para todas as persoas; segundo o estamento ao que pertencían gozaban de dereitos diferentes. Ademais, tamén existían diferenzas económicas. O ascenso de estamento era practicamente imposible, agás no eclesiástico, que era aberto: todo home libre podía acceder a el.
-

Estrutura social do feudalismo
-
Estamento dos privilexiados. Formábano os nobres e o alto clero, propietarios das terras que vivían das rendas que lles pagaban os campesiños. Os nobres dedicábanse á guerra, no seu propio exército ou dentro do exército doutros nobres, que era un recurso para aumentar a riqueza. O alto clero ocupaba os principais cargos da Igrexa. Tiñan numerosos privilexios (monopolio do poder, non pagar impostos, etc.).
-
Estamento dos non privilexiados. Formábao o resto da poboación, os que traballaban para manter ao estamento privilexiado e vivían nunha situación moi dura: labregos libres, artesáns e servos. Estes últimos pertencían ao señor e vivían nun réxime próximo á escravitude; o señor tiña dereito sobre a súa vida. Os poucos campesiños libres só o eran en teoría: para írense do feudo se querían; pagaban rendas ao señor e o décimo á Igrexa. Vivían en aldeas, en casas de baixa calidade, convivindo cos animais domésticos; a súa dieta era escasa e repetitiva: pan, verduras e ovos.
- Poder fragmentado. En cada señorío o nobre, señor feudal, exercía todo o poder, exercendo as funcións públicas propias do Estado: lexislar, facer cumprir as leis e xulgar. Malia que a figura do rei continuaba a existir, non deixaba de ser un señor feudal máis, que aínda era considerado como o primeiro entre os nobres, non tiña capacidade de impor as súas decisións entre os outros señores feudais.
-
“Eu, Afonso II, pola graza de Deus, rei de Aragón, conde de Barcelona e marqués de Provenza, dou e concedo a ti, Guillem de Anglesola, o meu castelo de Mur, e teralo con servizo e fidelidade. Douche e concédoche este castelo con todas as súas terras e pertenzas e as melloras que fagas nel; ademais, recibirás 60 medidas de trigo, as que todos os anos me daban os labregos das terras do castelo. Doucho e concédocho; ti farasme servizo e terasme fidelidade perpetua, tanto a min como aos meus sucesores. Teralo ti e os teus descendentes a perpetuidade”.
Fragmento da concesión dun feudo por Afonso II
Actividades propostas
S9. Actividades propostas
-
a) No sistema feudal, o poder que antes tiña o Estado, a quen pasou? Caracterice cada elemento do sistema feudal: feudo, beneficio, vasalaxe ou homenaxe, e inmunidade.
-
b) No feudalismo, que define cada grupo social? Era fácil o ascenso dun estamento a outro? Enumere as funcións que tiña cada un dos tres estamentos da sociedade feudal.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0