Saltar navegación

2.3 A Idade Media

Os historiadores fixan a fin da Idade Antiga e o comezo da Idade Media no ano 476, cando os pobos xermánicos (tamén chamados bárbaros) derrocan ao último emperador en Roma e poñen fin ao Imperio Romano de occidente. Non é un feito súbito, posto que estes pobos xa se foran achegando desde o século III á fronteira norte do Imperio, nos vales dos ríos Rhin e Danubio, debido á falta de terras e de alimentos, ao aumento da súa poboación e á atracción que sobre eles exercía unha civilización de maior grao de evolución que a súa.

 

Desde este momento e sobre todo a partir do s. VIII, a unidade cultural romana do Mediterráneo desapareceu, ficando divido en tres áreas culturais, como se ve no mapa:

  • Imperio Bizantino (a parte oriental). Rexeitou as invasións xermánicas. O emperador Xustiniano (482-565) levou a cabo unha expansión xeográfica, conquistando amplos territorios na contorna mediterránea. Desaparece en 1453, ao ser invadido polos turcos.

  • Europa occidental. Aquí os pobos xermánicos estableceron varios reinos independentes, que co tempo constituirán a Europa Occidental, cristiá.

  • Mundo islámico. A relixión islámica, tamén monoteísta como o xudaísmo e o cristianismo, naceu da man de Mahoma, en Arabia, no século VII. Desde alí estendeuse rapidamente, dando orixe a unha civilización moi diferente ás dúas anteriores.

 

Coa caída do Imperio Romano péchase a Idade Antiga, a das grandes civilizacións fluviais e marítimas, a que formou grandes imperios, a que volveu a cabeza a Oriente, onde xurdiu a súa propia vida. Agora, entramos na Idade Media, a da civilización europea, a das pequenas nacionalidades, a que viaxa cara a Occidente, a Idade un pouco misteriosa e escura en que se funden os compoñentes que formarán as nacións modernas.

Ferrandis Torres, M. Historia General de la Cultura

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0