Saltar navegación

1.4 Os medios de comunicación: o cuarto poder

Os medios de comunicación contribúen permanentemente a crear un espazo xeográfico mundial. A radio, a televisión e internet reducen os espazos físicos e temporais; as noticias chegan no momento en que suceden.

“O home deste tempo vive diante do que acontece no mundo enteiro. E faino a través dos periodistas; eles son as testemuñas; quen nos narran os acontecementos. Por suposto que cada un deles a través da súa cultura, dos medios que ten nas súas mans para analizar”.

 

Ernesto Sábato

 

O concepto cuarto poder foi cuñado pouco antes da Revolución Francesa, para definir a influencia da prensa nos grandes cambios producidos na Francia de finais do século XVIII. Actualmente esta expresión fai referencia aos medios de comunicación en xeral.

O proceso de homoxeneización do pensamento

As novas tecnolóxicas permiten coñecer noticias de todos os lugares do planeta en directo, no mesmo momento en que se producen. A televisión converteuse no principal medio de información e entretemento, destacando moitas veces o extravagante e o absurdo.

O poder dos medios de comunicación é real, polo impacto que teñen sobre a sociedade e a facilidade coa que manipulan o consciente e o subconsciente colectivos; un poder que vai medrando día a día.

O proceso de globalización tende a implantar o pensamento único, é dicir, que todos teñamos ideas e opinións semellantes sobre os problemas que nos afectan. Canto menor sexa o número de fontes de información, máis doada será esa homoxeneización do pensamento.

Os multimedia

Chamamos multimedia a calquera sistema que utiliza o texto, o son, as imaxes, a animación e o vídeo para informar ou entreter ao usuario.

Os poderosos grupos empresariais tentan dominar os medios de comunicación para conseguir intereses económicos, políticos e sociais.

En resposta a estes grandes grupos da comunicación xorden as redes de información autodenominadas independentes, normalmente grupos de voluntarios sen fins lucrativos.

A linguaxe da publicidade

A publicidade é a arte de convencer. Con ela téntase conseguir que o consumidor merque un obxecto e teña del unha idea favorable. Os anuncios publicitarios fan crer que a vida, os costumes e ata o país son como eles os presentan.

A publicidade chega a cambiar as modas, os valores sociais e o comportamento das persoas. Crea prexuízos e necesidades que non había. Coa publicidade véndense, xunto cos obxectos, ideoloxías, imaxe persoal e modelos de roles sociais.

A publicidade actual desenvólvese nos máis variados medios e soportes: radio, televisión, Internet, cartas persoais, prensa, revistas, autobuses, anuncios luminosos, roupa, marquesiñas, campos de deportes…

 Os anuncios adoitan combinar a imaxe e o texto. O slogan é xeralmente breve e directo. Preténdese captar a atención do receptor, conmover ou emocionar, e convencer.

Xuízo á publicidade

Defensores da publicidade

Detractores da publicidade

  • É un servizo público.

  • Informa e orienta o consumidor.

  • Democratiza o consumo, xa que todos poden utilizar todos os produtos.

  • Abarata os prezos, porque o aumento de vendas permite producir en serie e abaratar os custos.

  • É soporte económico de moitos medios de comunicación, que sen publicidade desaparecerían.

  • Sen medios de comunicación non se popularizaría a cultura.

  • É negativa para o individuo e para a sociedade.

  • Non vende obxectos, senón símbolos, polos que o consumidor forma unha imaxe de si mesmo.

  • Perpetúa a insatisfacción e a desigualdade social, porque crea necesidades psicolóxicas e sociais que non sempre se poden satisfacer.

  • Encarece os prezos, pois os custos da publicidade pasan a engrosar o custo global.

  • Condiciona e quita liberdade a moitos medios de comunicación que son custeados pola publicidade.

  • Integra o individuo nun determinado tipo de sociedade e encadéao a obxectos que, posuídos, lle dan a súa autoestima e valoración social, pois a xente recoñécese a si mesma nas comodidades.

VEREDICTO: culpable ou inocente?

A través da televisión axúdase a crear hábitos nutricionais perniciosos: o consumo abusivo de determinados produtos alimenticios xeran sobrepeso e, nalgúns casos, obesidade.

Realidade e ofertas da publicidade

Quere vender

Ofrece

  • Deterxente.

  • Limpafogares.

  • Electrodomésticos.

  • Dentífrico.

  • Desodorizante.

  • Suavizantes.

  • Alimentos dietéticos.

  • Auga mineral.

  • Medias.

  • Roupa interior.

  • Alimentos básicos.

  • Colonias. Masaxes. Perfumes.

  • Viaxes.

  • Xoguetes.

  • Bebidas alcohólicas.

  • Roupa vaqueira.

  • Lambetadas. Locións.

  • Coche.

  • Turrón.

  • Superbrancura. Muller, escrava da casa.

  • Liberación da muller. Tempo de lecer.

  • Fermosura. Seguridade persoal.

  • Bicos.

  • Intimidade.

  • Agarimo. Amor materno.

  • Seguridade. Liberación da obesidade.

  • Liña lanzal. Seguridade.

  • Pernas elegantes.

  • Sensacións íntimas.

  • Sabores distintos aos da competencia.

  • Erotismo. Atracción sexual.

  • Aventuras nunca vividas.

  • Mundo idealizado.

  • Aventura amorosa. Independencia.

  • Compañeirismo.

  • Sensacións pracenteiras.

  • Liberdade. Independencia. Status social.

  • Cariño. Prestixio. Riqueza.

Cartel publicitario dunha cámara estereoscópica a principios do século XX.

A publicidade utilizou sempre a muller como consumidora ou como símbolo erótico para todo tipo de anuncios.

 Arte e publicidade

 Arte e publicidade

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0