Saltar navegación

1.1.6 Actividades propostas

 

Actividades propostas

S1. Globalización:

    • Que entende por globalización?

    • Desde que perspectivas se pode considerar a globalización?

 

S2. Lea estes textos sobre a globalización e responda.

 

Contra o que puidese suporse, a globalización cultural non consiste en promover o acceso de toda a poboación do planeta á cultura co obxecto de permitir a súa libre expresión e evolución, a globalización cultural é americanización, venda do american-way-of-life que se estende a golpe de publicidade e consumo.

 

María Ester Vela

 

No lugar das antigas necesidades, satisfeitas con produtos nacionais, xorden novas, que reclaman para a súa satisfacción produtos das terras máis remotas e dos climas máis diversos. No lugar do antigo illamento de rexións e nacións que se bastaban a si mesmas, establécese un intercambio universal, unha interdependencia universal das nacións. E isto refírese tanto á produción material como á intelectual. A produción intelectual dunha nación convértese en patrimonio común de todas. A estreiteza e o exclusivismo nacionais resultan de día en día máis imposibles; das numerosas literaturas nacionais e locais fórmase unha literatura universal.

Marx e Engels. Manifesto do Partido Comunista. 1848

 

    • Traduza a expresión: american-way-of-life.

    • Que é a americanización?

 

S3. Cales son as características da globalización económica? Que efectos produce a lei da oferta e da demanda?

S4. Cales son as características principais do capitalismo?

S5. Produción industrial:

    • Describa a situación actual, consecuencia da espectacular produción industrial, desde hai máis de 70 anos.
    • Que consecuencias seguiron á produción de bens efémeros?

S6. Intercambios comerciais:

    • Que intercambios son necesarios para que o comercio funcione?

    • Entre que países se producen os fluxos de materias primas, de bens de consumo e de servizos?

    • Entre que países se producen os fluxos de capitais?

S7. Cite as características fundamentais das multinacionais.

S8. Clasifique as empresas multinacionais.

 

S9. Analice este texto e responda.

Unha investigación rigorosa sobre a falta de ética nas multinacionais

Empresas tecnolóxicas da industria electrónica están implicadas na compra de coltán manchado de sangue. Sangue que só no Congo cobrouse máis de 3,3 millóns de vítimas desde o inicio do conflito.(...)

O libro negro das marcas. O lado escuro das empresas globais, de Klaus Werner e Hans Weiss é unha investigación rigorosa sobre as empresas transnacionais. Nel cóntase que en menos de catro anos o número de teléfonos móbiles no mundo pasou dos 400 millóns aos 1.000 millóns. (...)

Esta pequena máquina, primeiro para falar e agora para falar e verse, precisa para o seu funcionamento un elemento crucial: o tántalo. É un elemento metálico raro que na natureza aparece como mineral de tantalita ou xunto co niobio na chamada columbita. Este matrimonio mineral tamén se lle coñece por coltán.

O coltán, básico para fabricar condensadores electrónicos que almacenen a carga eléctrica, converteuse nun elemento estratéxico que quintuplicou o seu prezo entre febreiro do ano 2000 e xaneiro do 2001, ata alcanzar os 950 euros/quilo. Un dos puntos claves da minaría do coltán sitúase entre o Congo e Ruanda. Ambos os países devastados pola violencia de guerras civís sanguentas. O comercio do coltán está nas mans de líderes rebeldes que converteron a guerra e este mineral no seu principal negocio, que non para de mancharse de sangue. Empresas tecnolóxicas da industria electrónica están implicadas na compra de coltán manchado de sangue. Sangue que só no Congo cobrou máis de 3,3 millóns de vítimas desde o inicio do conflito.

    • Cantas vítimas de sangue cobrou o conflito armado do Congo?

    • Cantos millóns de números de teléfono apareceron en catro anos?

    • Que material básico precisan os móbiles para o seu funcionamento?

    • Que son o coltán e o tantalio? Que relación hai entre eles?

    • En canto tempo se quintuplicou o prezo do coltán?

    • Onde situaría o punto neurálxico da produción de coltán?

    • Quen controla as minas de coltán?

    • Cal será o destino dos beneficios obtidos pola venda do coltán?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0