Saltar navegación

1.1.5 As multinacionais

As empresas multinacionais ou transnacionaisson grandes empresas que non só se establecen no seu país de orixe senón que tamén realizan as súas actividades noutros estados. Trátase de grupos industriais, comerciais ou financeiros con actividades diversificadas. Operan en distintos países mediante filiais propiasou controlando empresas deses países.

As multinacionais nacen en países desenvolvidos, pero adoitan instalarse en países de man de obra barata. En consecuencia, as empresas poden aforrar salarios, abastecerse de materias primas, reducir custos, mellorar o produto e facelo máis competitivo, e dominar mercados afastados.

Estratexia e fins das empresas multinacionais

  • Despréganse no estranxeiro para acceder aos grandes mercados e controlar as reservas de materias primas (por exemplo, de recursos enerxéticos como o petróleo).

  • Os investimentos directos no estranxeiro facilitan a proximidade aos clientes e, de paso, evitan as barreiras proteccionistas.

  • A súa expansión transnacional reduce os custos, instalándose en países de salarios baixos, de terreos industriais baratos e de impostos menores.

  • As empresas matrices subcontratan empresas doutros países para fabricar determinados compoñentes da súa produción. Así, pequenas empresas especializadas entran na rede transnacional das grandes empresas.

  • Tamén se descentralizan certas tarefas, como as propias dos departamentos de alta tecnoloxía de grandes corporacións: centros de I+D, software…, contas bancarias…

  • Prodúcese progresivamente a concentración de empresas a escala mundial; cada vez hai máis transnacionais e menos empresas nacionais. Mediante ofertas públicas de adquisición de accións (OPA) grandes compañías fanse con empresas máis pequenas mediante fusións ou adquisicións.

  • Os intercambios económicos internacionais son cada vez máis intercambios entre apartados dunha mesma empresa (intraempresariais). A circulación de compoñentes industriais, de tecnoloxía e de capitais, realízase cada vez máis entre unidades especializadas dun mesmo grupo empresarial.

  • Neses intercambios intraempresariais os prezos dos produtos teñen unhas tarifas fóra de mercado fixadas polas propias empresas. Así, escapan do control das autoridades económicas dos países onde operan.

 

 Mapa

Tres grandes centros económicos exercen influencia sobre o resto do planeta

Clasificación das multinacionais

De acordo coa súa estrutura, as empresas multinacionais pódense clasificar en:

  • Corporacións integradas horizontalmente: producen o mesmo produto ou similar, pero en diferentes países. Exemplo: McDonald's.

  • Corporacións integradas verticalmente: producen bens intermedios, nalgúns países, para a produción final noutros. Exemplo: Adidas.

  • Corporacións diversificadas: producen diferentes bens ou servizos en diferentes centros internacionais de produción. Exemplo: Sony.

  • Cartel: acordo formal entre empresas do mesmo sector industrial co fin de eliminar a competencia, controlando a produción, a distribución e os prezos dun produto. Exemplo: OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo).

  • Trust: anglicismo que significa confianza. Refírese a un conxunto de empresas, baixo unha única dirección, que tenden a controlar as vendas e a comercialización dun produto. Isto pode xerar un monopolio.

  • Hólding: (control): compañía ou sociedade financeira co control total ou parcial de varias empresas, participando no capital e controlando parte ou o total das súas accións.

As industrias do automóbil son un exemplo claro de multinacionais

Autos

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0