Saltar navegación

1.1.2 Funcionamento do mercado

Os produtos xerados polas actividades económicas póñense á venda nos mercados para obter beneficios. A abundancia dalgún artigo no mercado pode obrigar a reducir o prezo, mesmo por debaixo dos custos de produción, para así garantir uns ingresos mínimos. Pola contra, a escaseza dun produto, que non cobre a demanda do mercado, permite a especulación do seu prezo á alza.

O mercado funciona como unha poxa entre quen vende e quen compra, rexida pola lei da oferta e da demanda, influenciada pola relación prezo-calidade.

Chámase capitalismo ou economía de mercado o sistema de produción caracterizado pola propiedade privada dos medios de produción, a procura do beneficio máximo e o mercado libre, suxeito ao equilibrio entre a oferta e a demanda.

Con todo, o libre mercado non asegura a liberdade comercial. Así, en moitos países subdesenvolvidos e nos estados non democráticos o control do mercado interior dun produto, un ben ou un servizo é exercido polo aparato estatal, por unha empresa, por unha familia ou por unha sociedade, en réxime de monopolio; se a competencia se limita a varias entidades, o control do mercado execútase en réxime de oligopolio.

Dous modelos clásicos de pensamento económico

  • Proteccionismo mercantilista. A riqueza dunha nación baséase na cantidade de ouro e prata que atesoura. As sociedades mercantís acaparan sectores da economía.

O ideal mercantilista é a autarquía (o país debe producir todo o que necesita e non comprar nada ao exterior).

Estado debe intervir directamente na economía: proteccionismo. Debe favorecer as exportacións e dificultar as importacións.

  • Liberalismo económico (Adam Smith). A produción: papel principal na creación de riqueza.

    • Libre cambio: reducir ao mínimo a intervención do Estado na economía.

    • Capitalismo: concédelle prioridade no proceso produtivo ao capital sobre o traballo e a técnica.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0