Saltar navegación

1.2 Mundialización e subdesenvolvemento

A mundialización reforza o desequilibrio entre as sociedades dos países desenvolvidos, constituídos en centros da economía mundial, e a periferia, afastada dos focos de poder.

  • Os países subdesenvolvidos, periféricos, sofren atraso económico e baixo nivel de vida, que favorece a explotación dos seus propios recursos por parte dos países ricos.

  • Os países subdesenvolvidos manteñen economías precarias asentadas no sector primario, especializadas en subsectores agrícolas (café, cacao, cana de azucre ou froitas), na explotación forestal ou na extracción mineira. Pero os seus recursos transfórmanse no estranxeiro e os países industrializados fixan os prezos desas materias primas.

  • Os países pouco desenvolvidos mercan despois os produtos elaborados aos países desenvolvidos, onde as empresas transformadoras procuran o maior beneficio. Deste xeito, os ingresos que lles reporta a explotación de materias primas non chegan para pagar as importacións de produtos elaborados, equipamento e servizos comprados aos países industrializados. Incluso deben mercar materias primas básicas, como alimentos e enerxía.

A dependencia industrial e tecnolóxica destes países é total e han recorrer irremisiblemente tamén á dependencia financeira, solicitando préstamos aos países ricos. Con estes créditos, os países subdesenvolvidos deben pagar as importacións e os intereses reportados polos financiamentos externos.

Estas prácticas económicas desenvólvense nun círculo vicioso que xera un endebedamentoprogresivo, moitas veces agravado con conflitos armados e Gobernos corruptos. Nestes casos, os países desenvolvidos incrementan as ganancias porque toleran ou negocian cos réximes imperantes, vendéndolles armas.

Na estrutura das relacións internacionais, os intercambios Norte-Sur son moi importantes, pero economicamente funcionan como países dominantes e países dominados.

Hai gobernantes nos países desfavorecidos polo sistema económico internacional que pretenden diversificar as súas producións, para librarse do lastre colonial; para iso, teñen que mercar as infraestruturas precisas, que só venden as potencias do Norte.

Deste xeito, consúmase unha inevitable dependencia económica e financeira: a débeda externa, que en maior ou menor grao padece o Terceiro Mundo.

Terceiro Mundo

Periferia

Baixo nivel de vida

Economía precaria

(Sector primario)

Exportan materias primas

Primeiro Mundo

Centro

Alto nivel de vida

Economía solvente

(Sectores secundario e terciario)

 

 

 

Exportan:

- Produtos elaborados

- Equipamentos

- Servizos

 

 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0