1.1.1 Globalización das actividades humanas
O proceso de achegamento e relación das áreas xeográficas da Terra, das actividades económicas, dos recursos, da poboación e das culturas coñécese como globalización ou mundialización. Malia existir gran diversidade cultural no mundo, as novas tecnoloxías tenden a homoxeneizar cada día máis os gustos e os costumes.
A globalización divide a sociedade. Uns pensan que este novo concepto de sociedade fai desaparecer os elementos distintivos. Outros sosteñen que a diversidade e a globalización non son incompatibles e defenden un mundo globalizado multicultural.
O fenómeno da globalización pódese considerar desde varias perspectivas:
-
Globalización económica: baséase no desenvolvemento dos procesos económicos no ámbito mundial, con fortes lazos de interdependencia comercial entre os países. O sistema económico globalizado caracterízase por:
-
Desenvolvemento do comercio internacional.
-
Mundialización da produción.
-
Internacionalización dos intercambios financeiros: pagamentos por servizos e mercadorías; tamén movementos especulativos para obter beneficios.
-
Grande avance dos transportes e das telecomunicacións que facilitan as conexións rápidas entre calquera lugar da Terra.
-
Globalización tecnolóxica. As tecnoloxías da información e da comunicación son importantes pola difusión da información instantánea e inmediata a todo o planeta:
-
Microelectrónica, informática e telecomunicacións: xeran cambios tan fondos na sociedade que xa se fala da terceira ou cuarta revolución industrial.
-
A prensa escrita diaria compite coa dixital, que se actualiza ao minuto e inclúe imaxes. A televisión transmite a información en tempo real e os usuarios poderán escoller pronto programación á carta.
-
Internet ofrece textos íntegros, enciclopedias en liña, blogs... un universo onde o individuo é consumidor e tamén pode ser creador de contidos.
-
Globalización sociocultural: as ideas e os costumes móvense a gran velocidade no mundo. A cultura occidental imponse sobre outras, e provoca a perda de formas de vida propias, identificadoras de certos grupos ou rexións do mundo.
-
Globalización política: o mundo xa non se organiza só en estados, continentes, civilizacións... O criterio dominante é o dasrexiónseconómicas e as respectivas áreas de influencia: Unión Europea, Estados Unidos, Xapón...
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0