Saltar navegación

Muro ou parede

 

Glosario

Federación

Pictograma dun grupo de persoas reunidas arredor dunha mesa.

Definición:

Agrupación de varias organizacións, asociacións etc., para a defensa de intereses comúns.

Exemplo:

Unha federación deportiva é a institución que regula un deporte.

Traxectoria

Pictograma onde se ve o lanzamento dunha pelota con traxectoria ascendente.

Definición:

Liña que percorre un obxecto en movemento.

Exemplo:

A traxectoria da pelota cando se executa un globo é ascendente

Sabías que...?

Imaxe dun encontro de pelota vasca en Buenos Aires no ano 1904
  • A pelota vasca ten máis de 500 anos de historia. Ten a súa orixe nos diferentes xogos de pelota europeos da Idade Media.
  • Foi moi popular nos EUA a finais do S.XIX e comezos do S.XX. Actualmente hai até 34 países afiliados á Federación Internacional.
  • A modalidade máis rápida é o jai alai (cesta-punta), en que a pelota acada velocidades de 300 km/h.

Lectura facilitada

A pelota vasca ten máis de 500 anos de historia. 

Foi moi popular nos EUA a finais do século dezanove e comezos do vinte.

Actualmente hai até 34 países afiliados á Federación Internacional.

A modalidade máis rápida é o jai alai (cesta-punta), en que a pelota acada velocidades de 300 km/h.

Aspectos técnicos

Imaxe cun frontón e unha pa de pelota vasca

 Nos deportes nos que se emprega a pa é fundamental coñecer como agarrala ben, como executar o saque e os tipos de golpes que se poden facer con ela.

Empuñadura

Hai distintos xeitos de empuñadura, pero centrarémonos na máis usada que se chama continental.

Pasos para agarrar correctamente a pa:

  1. Agarra a pa coa man non dominante polo corpo. Debe estar perpendicular ao chan, é dicir, co canto mirando cara ti.
  2. Coloca a man dominante sobre o mango, como cando lle dás a man a alguén.
  3. O dedo índice debe queda lixeiramente separado do resto.
  4. A "V" que se forma entre dedo índice e polgar debe quedar aliñada co canto da pa.

Servizo

Segundo o regulamento, a pelota debe botar antes de ser golpeada no servizo ou saque. Para facer un saque correcto, ten en conta o seguinte:

  1. Agarra a pelota coa man non dominante.
  2. O pé do lado dominante colocarase atrás e o pé do lado non dominante lixeiramente adiantado.
  3. Ten armado o brazo dominante, é dicir, colocado atrás e preparado para facer un movemento ascendente de atrás cara adiante.
  4. Deixa caer a pelota e tralo bote golpea en dirección ao frontis.
  5. Golpea cun movemento ascendente de atrás cara adiante. Debes golpear por debaixo da cintura.

Dereita 

Golpear de dereita é golpear polo lado dominante. Non importa se es destro ou zurdo.

Para executar correctamente este golpe ten en conta:

  1. Boa colocación dos pés e corpo: o pé do lado non dominante estará lixeiramente adiantado para que ese lado do corpo apunte cara ao frontis. Colocarémonos nunha posición lateral e co centro gravidade algo baixo para evitar tensións.
  2. Arma o brazo antes de golpear: tendo en conta a traxectoria da pelota, a pa debe situarse atrás e preparada para facer un movemento lixeiramente ascendente de atrás cara adiante.
  3. Orienta a pa en función da altura que busques: se queres un golpe tenso e horizontal, a pa mirará cara a fronte. Se queres un golpe alto e ascendente, a pa mirará lixeiramente cara arriba.
  4. Evita unha tensión excesiva: non tenses de máis o brazo ao golpear e acompaña o golpe coa rotación do corpo e o ombreiro.

Revés

Golpear de revés é golpear polo lado non dominante. Non importa se es destro ou zurdo.

Para executar correctamente este golpe ten en conta:

  1. Boa colocación dos pés e corpo: o pé do lado dominante cruza ao lado contrario para, deste xeito, xirar e colocar o corpo lateral ao frontis. O ombreiro do lado dominante apuntará cara ao frontis.
  2. Arma o brazo antes de golpear: tendo en conta a traxectoria da pelota, a pa debe situarse atrás e preparada para facer un movemento lixeiramente ascendente de atrás cara adiante.
  3. Orienta a pa en función da altura de golpe que busques: se queres un golpe tenso e horizontal, a pa mirará cara a fronte. Se queres un golpe alto e ascendente, a pa mirará lixeiramente cara arriba.
  4. Evita unha tensión excesiva: non tenses de máis o brazo ao golpear e acompaña o golpe coa rotación do corpo e o ombreiro.

Golpes a distintas alturas

En función da traxectoria na que recibas a bóla, poderás executar golpes a distintas alturas. Na seguinte páxina do REA afondamos nos tipos de golpes, pero, a modo xeral, podemos clasificalos en:

  • Golpes a mans altas: aqueles que se executan por encima do nivel dos ombreiros. Exemplo: remate, deixada alta...
  • Golpes a media altura: aqueles que se executan entre a liña da cadeira e ombreiros. Exemplo: o drive.
  • Golpes a mans baixas: aqueles que se executan por debaixo do nivel da cintura. Exemplo: globos, deixada baixa...

Lectura facilitada

Empuñadura

Hai distintos xeitos de empuñadura.

Centrarémonos na máis usada, que se chama "continental".

Pasos para agarrar correctamente a pa:

    1. Agarra a pa coa man non dominante polo corpo.
    2. Coloca a pa co canto mirando cara a ti.
    3. Coloca a man dominante sobre o mango, igual que cando lle dás a man a alguén.
    4. O dedo índice debe quedar lixeiramente separado do resto.
    5. A "V" que se forma entre dedo índice e polgar debe quedar aliñada co canto da pa.

Servizo

Segundo o regulamento, a pelota debe botar antes de ser golpeada no servizo ou saque.

Para facer un saque correcto, ten en conta o seguinte:

    1. Agarra a pelota coa man non dominante.
    2. O pé do lado dominante colocarase atrás e o pé do lado non dominante lixeiramente adiantado.
    3. Ten o brazo que vai golpear colocado atrás e preparado para golpear.
    4. Deixa caer a pelota e tralo bote golpea en dirección ao frontis.
    5. Golpea cun movemento ascendente de atrás cara adiante. Debes golpear por debaixo da cintura.

Dereita 

Golpear de dereita é golpear polo lado dominante.

Non importa se es destro ou zurdo.

Para executar correctamente este golpe ten en conta:

    1. O pé do lado non dominante estará lixeiramente adiantado.
    2. Colocarémonos nunha posición lateral e co centro gravidade algo baixo para evitar tensións.
    3. Tendo en conta a traxectoria da pelota, a pa debe situarse atrás e preparada golpear.
    4. Orienta a pa en función da altura que busques.
    5. Se queres un golpe tenso e horizontal, a pa mirará cara a fronte.
    6. Se queres un golpe alto e ascendente, a pa mirará lixeiramente cara arriba.
    7. Non tenses de máis o brazo ao golpear e acompaña o golpe coa rotación do corpo e o ombreiro.

Revés

Golpear de revés é golpear polo lado non dominante. 

Non importa se es destro ou zurdo.

Para executar correctamente este golpe ten en conta:

    1. O pé do lado dominante cruza ao lado contrario.
    2. O ombreiro do lado dominante apuntará cara ao frontis.
    3. Tendo en conta a traxectoria da pelota, a pa debe situarse atrás e preparada para golpear.
    4. Orienta a pa en función da altura de golpe que busques.
    5. Se queres un golpe tenso e horizontal, a pa mirará cara a fronte.
    6. Se queres un golpe alto e ascendente, a pa mirará lixeiramente cara arriba.
    7. Non tenses de máis o brazo ao golpear e acompaña o golpeo coa rotación do corpo e o ombreiro.

Golpes a distintas alturas

En función da traxectoria na que recibas a bóla, poderás executar golpes a distintas alturas.

Na seguinte páxina do REA afondamos nos tipos de golpes.

Podemos clasificalos en:

  • Golpes a mans altas: por encima do nivel dos ombreiros. Exemplo: remate, deixada alta...
  • Golpes a media altura: entre a liña da cadeira e ombreiros. Exemplo: o drive.
  • Golpes a mans baixas: por debaixo do nivel da cintura. Exemplo: globos, deixada baixa...

Coñece a táctica

Durante este REA vas realizar desafíos técnicos individuais e cooperativos. Dito isto, aquí tes información extra de aspectos tácticos que deberías ter en conta neste tipo de deportes para poder vencer a un ou a unha rival:

  1. Sitúate no centro. Despois de cada golpe regresa ao centro da pista, dende aí terás máis opcións de chegar a calquera punto do espazo ao que o ou a rival che envíe a pelota.
  2. Alterna golpes en lonxitude e profundidade. Trata de mover o teu rival alternando golpes lonxe e preto do muro.
  3. Se precisas tempo, fai golpes altos. Cos "globos" gañas tempo para volver colocarte e prepararte para accións posteriores.
  4. Aproveita os ángulos das paredes para descolocar ao rival e dificultar a lectura das traxectorias.
  5. Paciencia: Non trates de facer o golpe gañador de forma rápida. Agarda ao momento adecuado.

Lectura facilitada

Durante este REA vas realizar desafíos técnicos individuais e cooperativos.

Aquí tes información extra de aspectos tácticos que deberías usar ao enfrontarte a outra persoa rival.

  1. Despois de cada golpe regresa ao centro da pista.
  2. Trata de mover o teu rival alternando golpes lonxe e preto do muro.
  3. Cos "globos" gañas tempo para volver a colocarte e prepararte para accións posteriores.
  4. Aproveita os ángulos das paredes para descolocar ao rival e dificultar a lectura das traxectorias.
  5. Agarda ao momento adecuado para facer o golpe gañador.

Golpeando contra o muro

Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo

Xa coñecedes as técnicas básicas comúns dos deportes de muro. A continuación tes dous bloques de desafíos para que adquiras un bo dominio da técnica e saibas no que te tes que fixar á hora de seleccionar á elite. 

  • Terás 2 sesións para acadalos todos.
  • Non te esquezas de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocara) no apartado 3.1.

Bloque 1: desafíos individuais de manexo da pa

Desafío 1.1: "Golpes de dereita"

Coa empuñadura correcta da pa, coloca a palma da man mirando cara arriba. Consegues dar 20 golpes á pelota sen que caia?

Desafío 1.2: "Golpes de revés"

Coa empuñadura correcta da pa, coloca o dorso da man mirando cara arriba. Consegues dar 20 golpes á pelota sen que caia?

Desafío 1.3: "Golpes alternos"

Coa empuñadura correcta da pa, tenta dar 20 golpes á pelota sen que caia, pero desta vez alternando un golpe de dereita e outro de revés.


Desafío 1.4: "Free Style"

Coa empuñadura correcta da pa, tenta golpear a pelota sen que caia mentres fas os seguintes "trucos": golpear por debaixo dunha perna e golpear por detrás das costas.

Proposta extra: desata a túa creatividade inventando algún "truco" e retando aos teus compañeiros e compañeiras de comisión a ver se tamén conseguen facelo.

Lectura facilitada

Desafío 1.1: "Golpes de dereita"

Ten unha empuñadura correcta da pa.

Coloca a palma da man mirando cara arriba.

Tes que dar 20 golpes á pelota sen que caia.

Desafío 1.2: "Golpes de revés"

Ten unha empuñadura correcta da pa.

Coloca o dorso da man mirando cara arriba.

Tes que dar 20 golpes á pelota sen que caia.

Desafío 1.3: "Golpes alternos"

Ten unha empuñadura correcta da pa.

Alterna un golpe de dereita e outro de revés.

Tes que dar 20 golpes á pelota sen que caia.


Desafío 1.4: "Free Style"

Ten unha empuñadura correcta da pa.

Tenta golpear a pelota sen que caia mentres fas os seguintes "trucos":

  1. Golpear por debaixo dunha perna.
  2. Golpear por detrás das costas.

Proposta extra: desata a túa creatividade inventando algún "truco".

Reta aos teus compañeiros e compañeiras de comisión a ver se o conseguen.

Bloque 2: desafíos cooperativos contra o muro

Desafío 2.1: "Golpes de dereita contra o muro"

Organízate en parellas cos membros da túa comisión. Executa un saque e logo intentade dar 20 golpes de dereita contra a parede cun só bote entre cada execución.

Desafío 2.2: "Golpes de revés contra o muro"

Mantendo as parellas de antes, executa un saque e logo intentade dar 20 golpes de revés contra a parede cun só bote entre cada execución.


Desafío 2.3: "Golpes con bote e sen bote"

Mantendo as parellas de antes, executa un saque e a partir de aquí, un da parella executará os golpes tras deixar botar e o outro, situado máis preto do frontis, debe executar sen golpes sen bote previo. Conseguides esta dinámica durante un total de 10 golpes?

Ollo! deberás adaptarte á traxectoria da pelota, podendo realizar golpes de dereita, de revés, a mans baixas, media altura ou mans altas.


Desafío 2.4: "Golpes a mans altas"

Mantendo as parellas de antes, executa un saque e a partir de aquí, un da parella executará golpes ascendentes, tratando de que collan altura, e o outro executará golpes sen que bote e a mans altas. Conseguides facer con éxito 10 golpes a mans altas cada un?

Desafío 2.5: "A pelota non para!"

Agora, participaredes todos os membros da comisión. Estableceredes unha orde e, a partir de aquí, o primeiro executará o servizo, tendo o resto que manter a pelota en xogo nas condicións regulamentarias e respectando a orde establecida.

Sodes capaces de chegar a 40 golpes entre todas as persoas da comisión?

Agora non hai técnicas obrigatorias, debedes aplicar todo o que vistes e adaptarse á traxectoria da pelota en todo momento.

Tratade de deixala nas mellores condicións posibles para que a seguinte persoa o faga.

Condicións regulamentarias:

  1. A pelota ten que golpear o frontis dentro dos límites establecidos.
  2. A pelota pode dar 1 bote como máximo.
  3. Debedes respectar a orde establecida.

Consello: contade en alto os golpes.

Lectura facilitada

Desafío 2.1: "Golpes de dereita contra o muro"

Organízate en parellas cos membros da túa comisión.

Executa o saque.

Tedes que dar 20 golpes de dereita contra a parede.

Só se permite un bote entre cada execución.

Desafío 2.2: "Golpes de revés contra o muro"

Mantendo as parellas de antes, executa un saque.

Intentade dar 20 golpes de revés contra a parede.

Só se permite un bote entre cada execución.


Desafío 2.3: "Golpes con bote e sen bote"

Mantendo as parellas de antes, executa o saque.

Un da parella executará os golpes tras bote o o outro sen que a pelota bote.

A persoa que executa tras bote situarase máis lonxe do frontis.

A persoa que executa sen bote situarase máis preto do frontis.

Tedes que acadar 10 golpes.

Ollo! deberás adaptarte á traxectoria da pelota.

Para isto terás que facer todo tipo de golpes


Desafío 2.4: "Golpes a mans altas"

Mantendo as parellas de antes, executa un saque.

Despois, un membro da parella executará golpes ascendentes tratando de que collan altura.

O outro membro executará golpes sen que bote e a mans altas.

Despois cambiades o rol.

Tedes que facer con éxito 10 golpes a mans altas cada persoa.

Desafío 2.5: "A pelota non para!"

Agora, participaredes todos os membros da comisión.

Estableceredes unha orde fixa.

O primeiro executará o servizo, tendo o resto que manter a pelota en xogo nas condicións regulamentarias.

Tedes que respectar a orde que establecestes.

O obxectivo é dar 40 golpes entre todos e todas.

Agora non hai técnicas obrigatorias, debedes aplicar todo o que xa vistes.

Debedes adaptarse á traxectoria da pelota.

Tratade de deixala nas mellores condicións posibles para a seguinte persoa que o faga.

Condicións regulamentarias:

  1. A pelota ten que golpear o frontis dentro dos límites establecidos.
  2. A pelota pode dar 1 bote como máximo.
  3. Debedes respectar a orde establecida.

Consello: contade en alto os golpes.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)