Algo que provoca unha acción ou resposta no corpo.
Exemplo:
O disparo da pistola fai que as persoas atletas comecen a correr.
Reaccionar
Definición:
Responder a un estímulo rapidamente.
Exemplo:
O atleta saíu cara á meta ao escoitar a pistola.
Sabías que...?
Nos Xogos Olímpicos da antigüidade, as persoas atletas corrían sen tacos e sen sinais do xuíz.
A saída en tacos foi introducida a comezos do século XX. Os primeiros tacos eran bloques de madeira e non se podían regular como os actuais.
Na actualidade, a saída está controlada por sistemas electrónicos. Os tacos de saída teñen sensores que detectan se un ou unha atleta se move antes do sinal da xuíza.
Lectura facilitada
Nos Xogos Olímpicos antigos, as persoas atletas empezaban a carreira cando querían.
Os primeiros tacos eran bloques de madeira sen regulación.
Na actualidade, os tacos teñen sensores que detectan se o atleta se move antes do sinal.
Audio
As saídas en atletismo
As saídas son o primeiro movemento dunha carreira e son fundamentais, especialmente nas probas de velocidade. Unha boa saída pode marcar a diferenza.
A saída indícase co sinal "Xa". Considérase nula se a persoa atleta se move ou sae antes de escoitalo; se isto ocorre, será descualificado ou descualificada da proba.
Existen dous tipos de saídas.
Saída de pé:
Utilízase en carreiras curtas cando non hai tacos (por exemplo, en carreiras de promoción en categorías inferiores).
A persoa atleta parte con ámbolos pés no chan, xusto detrás da liña de saída, cun pé diante doutro.
Saída en tacos:
Empregada en carreiras de velocidade oficiais (100, 200 e 400 metros).
Permite un impulso máis explosivo ao combinar forza e inclinación do corpo.
A persoa atleta sitúase co pé traseiro no taco traseiro e o pé dianteiro no taco dianteiro, co corpo inclinado cara á liña de saída.
Lectura facilitada
As saídas son o primeiro movemento dunha carreira.
Unha boa saída pode marcar a diferenza.
A saída indícase co sinal "Xa".
Considérase nula se a persoa atleta se move ou sae antes de escoitalo.
Existen dous tipos de saídas.
Saída de pé, para carreiras curtas.
Saída en tacos, para carreiras de velocidade oficiais.
Audio
Preparados/as, listos/as... Xa!
Antes de comezar a carreira, cada segundo conta. No atletismo, a saída é clave. A persoa xuíza, guía aos atletas coa súa voz para que cada movemento se execute no momento correcto.
As voces “Preparados/as”, “Listos/as” e “Xa” marcan unha secuencia exacta que permite transformar a concentración e a tensión en velocidade explosiva. Aprender a interpretar cada sinal é esencial para unha saída eficaz e segura, e é unha habilidade que todo membro do Comité Olímpico Galego debería coñecer e valorar.
Preparados/as
Adóptase a posición inicial, co corpo inclinado cara á liña de saída.
As mans colócanse en forma de V invertida, tocando o chan xusto detrás da liña.
O peso do corpo repártese entre mans e pés e os ombreiros quedan lixeiramente adiante, preparados para o impulso. É o momento de concentrarse e revisar mentalmente a carreira que vai iniciar.
Listos/as
Mantense a tensión e o equilibrio, co corpo máis elevado e os ombreiros lixeiramente por diante das mans.
Os brazos e as pernas están preparados para un movemento explosivo. A cabeza mantense baixa, mirando cara á pista.
O corpo está listo para transformarse en velocidade, mantendo a forza concentrada nos ombreiros e nas pernas.
Xa
Iníciase a carreira co impulso dos brazos e as pernas.
O corpo sae inclinado cara adiante nos primeiros pasos, aumentando progresivamente a posición vertical.
Os brazos acompañan o movemento. Os ombreiros permanecen activos, guiando o corpo cara á máxima velocidade.
Lectura facilitada
No atletismo, a saída é moi importante.
A persoa xuíza dá as indicacións:
“Preparados/as”
“Listos/as”
“Xa”
Estas palabras axudan aos atletas a concentrarse e saír rápido.
Preparados/as
Corpo inclinado cara á liña de saída.
Mans en forma de V invertida, tocando o chan xusto detrás da liña.
Peso do corpo entre mans e pés.
Listos/as
Corpo máis elevado e ombreiros lixeiramente por diante das mans.
Brazos e pernas preparados para un movemento explosivo. A cabeza mantense baixa, mirando cara á pista.
Xa
Iníciase a carreira.
Brazos e pernas impulsan o corpo.
Audio
Saíndo cara á meta
Duración: 1 sesión Agrupamento: Pequeno grupo
Agora que xa coñecedes as características das saídas nas carreiras de velocidade, é momento de pasar á acción e experimentar na práctica o que significa reaccionar e arrancar como verdadeiros e verdadeiras velocistas.
Tedes unha sesións para poñer en práctica diferentes desafíos e analizar cales poden formar parte das probas máis axeitadas para o proceso de selección do Comité Olímpico Galego que teredes que realizar na Fase 4.
Non vos esquezades de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocara) no apartado 3.1.
Desafío 1: "Reacción lóstrego"
Dentro de cada comisión, organizádevos por parellas:
Unha persoa colócase en posición de saída en 5 apoios, detrás dunha liña.
A parella sitúase detrás, de pé, e será quen dea o sinal de saída, que pode ser visual, auditivo ou táctil. Exemplo: tocarlle nas costas, deixar caer unha pelota ou dar unha palmada.
Desafío 2: "Fotografía instantánea"
Por comisións, desprazádevos correndo libremente polo espazo. Cando a persoa docente dea o sinal, deberedes conxelarvos inmediatamente adoptando a posición de saída en 5 apoios (dúas mans no chan, dous pés apoiados e o corpo preparado para o impulso).
Ao escoitar un segundo sinal, deberedes iniciar a carreira de forma explosiva, realizando os primeiros pasos con boa técnica.
Desafío 3: "Saída e fuxida"
Reunídevos por comisións, cada unha delas formando un círculo.
Todas as persoas integrantes colocaranse en posición de saída en 5 apoios, mirando cara ao centro. No medio colocarase unha botella, que a persoa docente (ou outra do grupo) fará xirar.
Cando a botella se deteña, a persoa cara á que apunte deberá realizar unha saída explosiva e escapar. O resto do grupo reaccionará no mesmo momento para intentar pillala o máis rápido posible.
Desafío 4: "Arranque sincronizado"
As persoas integrantes de cada comisión colócanse en liña, en posición de saída en 5 apoios. O desafío non é saír rápido, senón saír exactamente ao mesmo tempo.
A persoa docente dará as voces: “Preparados/as” – “Listos/as” – “Xa” e o grupo debe intentar saír o máis coordinado posible.
Lectura facilitada
Agora que coñecedes as saídas nas carreiras de velocidade, é hora de practicar.
Tedes unha sesión para probar diferentes desafíos.
Pensade cales poden formar parte das probas do Comité Olímpico Galego.
Non vos esquezades de facer o quecemento e os estiramentos do apartado 3.1
Desafío 1: "Reacción lóstrego"
Dentro de cada comisión, traballade por parellas:
Unha persoa colócase en posición de saída en 5 apoios, detrás dunha liña.
A parella está de pé detrás e dá o sinal de saída.
O sinal pode ser:
Visual
Auditivo
Táctil (por exemplo, tocar nas costas, deixar caer unha pelota ou dar unha palmada)
Desafío 2: "Fotografía instantánea"
Por comisións, correde libremente polo espazo.
Cando a persoa docente dea o sinal, conxeládesvos.
Adoptade a posición de saída en 5 apoios.
Ao escoitar un segundo sinal:
Iniciade a carreira de forma rápida e explosiva.
Facede os primeiros pasos con boa técnica.
Desafío 3: "Saída e fuxida"
Reunídevos por comisións formando un círculo.
Todas as persoas colócanse en posición de saída en 5 apoios, mirando cara ao centro.
No medio, a persoa docente (ou outra do grupo) fai xirar unha botella.
Cando a botella pare:
A persoa cara á que apunta a botella realiza unha saída explosiva e tenta escapar.
O resto do grupo reacciona ao mesmo tempo para tentar pillala o máis rápido posible.
Desafío 4: "Arranque sincronizado"
As persoas de cada comisión colócanse en liña en posición de saída en 5 apoios.
O obxectivo non é saír rápido, senón saír todas ao mesmo tempo.