Lugar onde a forza da gravidade actúa sobre un obxecto de xeito que, se o sostés por ese punto, o corpo permanecerá en equilibrio perfecto. Nos humanos, o centro de gravidade adoita estar arredor da pelve.
Exemplo:
Para poder reaccionar máis rápido ante os movementos do rival, mantente nunha posición co centro de gravidade baixo.
Potencia
Definición:
Calidade do que fornece a forza precisa para mover algo, levantar pesos, etc.
Exemplo:
Ese golpe tiña moita potencia, pero pouca precisión.
Sabías que...?
O pádel é un deporte que sempre se xoga na modalidade de parella. Non hai competicións individuais.
O pádel é un dos deportes que máis medrou en España nos últimos anos.
O pickleball foi o deporte con maior crecemento en EUA durante os anos 2021 a 2024.
Lectura facilitada
O pádel é un deporte que sempre se xoga en parellas.
O pádel é un dos deportes que máis medrou en España nos últimos anos.
O pickleball foi un dos deportes con maior crecemento en Estados Unidos nos últimos anos.
Audio
Aspectos técnicos
Cando temos unha persoa adversaria, o golpe é un aspecto fundamental para conseguir facer puntos. A continuación afondarás nos golpes máis específicos, tendo en conta características como a traxectoria, zona á que se dirixe...
Audio
Servizo
A continuación explicamos o servizo de pádel, por ser común tamén a outros deportes de pa e cancha dividida.
Colócate por detrás da liña de fondo.
O pé do lado non dominante colocarase adiante e o lado dominante atrás.
Suxeita a pelota coa man non dominante e a pa coa man dominante.
Antes de soltar a pelota ten o brazo preparado. Colócase atrás, lixeiramente flexionado, pero cunha subxección firme da pa.
Deixa caer a pelota e tralo bote golpea esta cun movemento da pa de atrás cara adiante.
O golpe debe ser por debaixo da cintura e ir en dirección diagonal cara ao cadro oposto. Debe botar dentro do cadro.
O pickleball tamén comparte este tipo de saque e as mesmas normas, pero a maiores, ofrece a posibilidade de facer o servizo sen bote. Igualmente, para este tipo de saque, exceptuando o bote, o resto de premisas serían comúns.
"Drive"
O drive, tamén chamado dereita, é un golpe que se executa a media altura e cunha traxectoria horizontal e tensa. Execútase, sobre todo, dende zonas posteriores da pista e tras bote previo da pelota. Para realizalo ten en conta os seguintes pasos:
Colócate lateral á zona á que vas dirixir o golpe. O lado non dominante do corpo estará adiantado.
Mantén o centro de gravidade baixo os xeonllos lixeiramente flexionados para ter unha posición relaxada e estable.
Arma a pa: coloca a pa detrás preparada para facer un golpe cara adiante.
Golpea a pelota cando se atopa lixeiramente por diante do corpo.
Evita unha tensión excesiva no brazo e empuñadura ao golpear.
Acompaña o golpe co corpo e os ombreiros. Tralo golpe deixa ir o brazo.
Revés: Este mesmo golpe pode executarse polo lado non dominante a unha ou dúas mans. As premisas técnicas serán as mesmas, tendo en conta que o lado dominante do corpo cruza por diante ao lado non dominante, quedando polo tanto o corpo rotado co brazo e perna dominante adiantados.
Deixada
As deixadas son golpes suaves e precisos co obxectivo de que a pelota pase por encima da rede e quede preto dela. É habitual realizalas cun golpe a mans baixas ou a media altura, pero tamén se pode executar a mans altas.
En función de se o realizas de dereita ou de revés comparte características xa descritas, pero a maiores debes ter en conta:
Executar un golpe suave e controlado. O movemento do brazo e pa será máis curto.
A dirección do brazo no golpe será lixeiramente ascendente.
A pa pode orientarse lixeiramente cara arriba co obxectivo de controlar máis o golpe e que o bote sexa máis vertical.
Remate
O remate, tamén chamado smash, é un golpe forte, tenso, que se executa por encima da cabeza e que, cunha traxectoria descendente, busca gañar o punto. É polo tanto o principal golpe ofensivo.
Tamén é importante percibir ben as condicións nas que se recibe a pelota para tomar a decisión de executalo. Polo xeral, execútase ante globos do rival que se quedan curtos.
Para facelo con éxito segue os seguintes pasos:
Colócate en posición lateral, co pé do lado non dominante adiantado.
Ao preparar o golpe, o peso do corpo debe estar sobre a perna de atrás.
Eleva os dous brazos. O brazo de golpe armado, é dicir, flexionado, coa pa detrás da cabeza e o agarre firme. O brazo libre elevado axudará a equilibrar o movemento.
Debes colocarte debaixo ou lixeiramente detrás da pelota.
Cando a pelota se atope á altura adecuada, xira o corpo golpeando cun movemento tenso e firme do brazo e coa pa orientada lixeiramente cara abaixo para conseguir a traxectoria descendente.
Debes golpear a pelota por encima da cabeza. Ao golpear máis alto reduces a probabilidade de que a pelota quede na rede.
Volea
É un golpe que se caracteriza por executarse sen bote previo. Realízase cando se sube a parte adiantada da pista e ten por obxectivo dificultar o xogo do rival. Ten en conta o seguinte:
Pode executarse de dereita ou de revés.
Ao realizarse na parte dianteira da pista, redúcese o tempo para a colocación previa do corpo. A rotación previa do corpo será menor.
Ao ter menos acompañamento do corpo, é un golpe onde predomina o control e non tanto a potencia.
O movemento será máis ben rápido, curto e firme (seco).
Globo
O globo é un golpe defensivo que se caracteriza por enviar a pelota cara ao fondo de pista cunha traxectoria ascendente e alta. Con este golpe búscase gañar tempo e desprazar ao rival lonxe da rede. Para executalo correctamente, ten en conta o seguinte:
Adoita realizarse despois dun bote para facilitar o control e precisión.
O movemento do brazo é ascendente e a pa orientase cara arriba.
Ollo! O globo debe ser un golpe preciso, pois se queda curto deixarás a pelota en condicións de que o teu rival faga un remate, con moitas probabilidades de que che gañe o punto.
Lectura facilitada
Servizo
A continuación explicamos o servizo de pádel.
Colócate por detrás da liña de fondo.
O pé do lado non dominante colocarase adiante e o lado dominante atrás.
Suxeita a pelota coa man non dominante e a pa coa man dominante.
Antes de soltar a pelota ten o brazo preparado. Colócase atrás, lixeiramente flexionado, pero cunha suxeición firme da pa.
Deixa caer a pelota e tralo bote golpea esta cun movemento da pa de atrás cara adiante .
Debes golpear a pelota por debaixo da cintura.
A pelota debe ir en dirección diagonal cara ao cadro oposto.
A pelota debe botar dentro do cadro.
No pickleball tamén se pode facer o servizo sen bote.
Exceptuando o bote, o resto de premisas serían comúns.
"Drive"
O drive, tamén se chama dereita.
É un golpe que se executa a media altura.
Destaca por ter unha traxectoria horizontal e tensa.
Execútase dende zonas posterior da pista e tras bote previo da pelota.
Para realizalo ten en conta os seguintes pasos:
Colócate lateral á zona á que vas dirixir o golpeo.
O lado non dominante do corpo estará adiantado.
Mantén os xeonllos lixeiramente flexionados para ter unha posición relaxada e estable.
Coloca a pa detrás preparada para facer un golpeo cara adiante.
Golpea a pelota cando se atopa lixeiramente por diante do corpo.
Evita unha tensión excesiva no brazo e empuñadura ao golpear.
Acompaña o golpeo co corpo e os ombreiros.
Tralo golpeo deixa ir o brazo.
Revés: Este mesmo golpe pode executarse polo lado non dominante a unha ou dúas mans.
As premisas técnicas serán as mesmas, tendo en conta que o lado dominante do corpo cruza por diante ao lado non dominante.
Deixada
As deixadas son golpes suaves e precisos.
Teñen por obxectivo que a pelota pase por encima da rede e quede preto dela.
É habitual realizalas cun golpe a mans baixas ou a media altura, pero tamén se pode executar a mans altas.
En función de se o realizas de dereita ou de revés comparte características xa descritas nos golpes anteriores.
A maiores debes ter en conta:
Executar un golpe suave e controlado.
O movemento do brazo e pa será máis curto.
A dirección do brazo no golpeo será lixeiramente ascendente.
A pa pode orientarse lixeiramente cara arriba para controlar máis o golpe e que o bote sexa máis vertical.
Remate
O remate tamén se chama smash.
É un golpe forte, tenso, que se executa por encima da cabeza.
Ten unha traxectoria descendente e busca gañar o punto.
É o principal golpe ofensivo.
É importante percibir ben as condicións nas que se recibe a pelota para tomar a decisión de executalo.
Polo xeral, execútase ante globos do rival que se quedan curtos.
Para facelo con éxito segue os seguintes pasos:
Colócate en posición lateral, co pé do lado non dominante adiantado.
Ao preparar o golpe, o peso do corpo debe estar sobre a perna de atrás.
Eleva os dous brazos. O brazo do golpe flexionado, coa pa detrás da cabeza e o agarre firme.
O brazo libre elevado axudará a equilibrar o movemento.
Debes colocarte debaixo ou lixeiramente detrás da pelota.
Cando a pelota se atope á altura adecuada, xira o corpo golpeando cun movemento tenso e firme do brazo.
A pa orientada lixeiramente cara abaixo para conseguir a traxectoria descendente.
Debes golpear a pelota por encima da cabeza.
Ao golpear máis alto reduces a probabilidade de que a pelota quede na rede.
Volea
É un golpe que se caracteriza por executarse sen bote previo.
Realízase cando se sube a parte adiantada da pista.
Ten por obxectivo espremer/oprimir o/a rival.
Ten en conta o seguinte:
Pode executarse de dereita ou de revés.
Ao realizarse na parte dianteira da pista, redúcese o tempo para a colocación previa do corpo.
A rotación previa do corpo será menor.
É un golpe onde predomina o control e non tanto a potencia.
O movemento será máis ben rápido, curto e firme.
Globo
O globo é un golpe defensivo que se caracteriza por enviar a pelota cara ao fondo de pista cunha traxectoria ascendente e alta.
Con este golpe búscase gañar tempo e desprazar ao rival lonxe da rede.
Para executalo correctamente, ten en conta o seguinte:
Adoita realizarse despois dun bote para facilitar o control e precisión.
O movemento do brazo é ascendente e a pa orientase cara arriba.
Ollo! O globo debe ser un golpe preciso.
Se queda curto deixarás a pelota en condicións de que o teu rival faga un remate.
Audio
Coñece a táctica
Durante este REA vas realizar desafíos técnicos individuais e cooperativos. Dito isto, aquí tes información extra de aspectos tácticos que deberías ter en conta neste tipo de deportes para poder vencer a un ou unha rival:
Sitúate no centro. Despois de cada golpe regresa ao centro da pista, dende aí poderás chegar a calquera punto do terreo ao que o rival che envíe a pelota.
4 esquinas. Trata de mover o teu/a túa rival alternando golpes ás distintas esquinas da cancha.
Arriba e abaixo. Alterna golpes lonxe e preto da rede para mover o teu/a túa rival.
Se precisas tempo, fai golpes altos. Cos globos gañas tempo para volver colocarte e prepararte para accións posteriores. Enviar ao fondo de pista o teu/s túa rival tamén axudará a que retomes a iniciativa.
Paciencia. Non trates de facer o golpe gañador de forma rápida. Agarda ao momento adecuado.
Comunicación. Se xogas en parella, é fundamental unha boa comunicación.
Colocación. Coordínate coa túa parella para subir á rede, quedar no fondo...
Lectura facilitada
Durante este REA vas realizar desafíos técnicos individuais e cooperativos.
Aquí tes información extra de aspectos tácticos que podes ter en conta neste tipo de deportes.
Serán importantes cando te enfrontes a un ou unha rival.
Despois de cada golpe regresa ao centro da pista.
Trata de mover o teu/a túa rival alternando golpes ás distintas esquinas da cancha.
Alterna golpes lonxe e preto da rede para mover o teu/a túa rival.
Se precisas tempo, fai golpes altos como os "globos".
Agarda ao momento adecuado para executar o golpe gañador.
Se xogas en parella, será fundamental comunicarse.
Coordínate coa túa parella para subir á rede, quedar no fondo...
Audio
Melloramos cooperando
Duración: 2 sesións Agrupamento: Pequeno grupo
Imos agora cos desafíos dos deportes de pa con cancha dividida onde porás en práctica os distintos elementos técnicos.
Terás 2 sesións para acadalos todos, nas que traballarás de xeito cooperativo.
Non te esquezas de facer o quecemento específico e o estiramento correspondente que deseñastes (ou practicastes, segundo vos tocara) no apartado 3.1.
Audio
Bloque 1: desafíos sen rede
Neste bloque atoparás desafíos cooperativos sen rede, con división da cancha determinada pola distancia. Están relacionados coas pas cántabras.
Desafío 1.1: "Golpes a media altura"
Dentro dos membros da comisión, organizádevos por parellas e colocádevos a unha distancia aproximada de 3 m.
Sodes capaces de realizar 20 golpes a media altura seguidos? Lembrade que os golpes a media altura son entre cintura e ombreiros.
Desafío 1.2: "Golpes de dereita"
Organizádevos como antes para realizar 10 golpes seguidos de dereita. Seredes capaces?
Consello: se ambos sodes destros, teredes que enviar a pelota en dirección diagonal, cara ao "lado dereito" da outra persoa.
Desafío 1.3: "Golpes de revés"
Traballade igual que no desafío anterior, pero agora tratade de realizar 10 golpes seguidos de revés.
Desafío 1.4: "Golpes alternos"
Organizádevos como antes, e tratade de realizar 10 golpes alternando un golpe de dereita e outro de revés.
Desafío 1.5: "Xogo total coa comisión"
Agora distribuiredes a comisión en 2 grupos. Manteredes unha distancia aproximada de 3 m entre os grupos.
Sodes capaces de facer 30 golpes seguidos?
Consello: é recomendable contar en alto o número de golpes que levades.
Premisa obrigatoria: ningunha persoa dun mesmo lado pode facer 3 golpes seguidos. É dicir, será obrigatorio dirixir a pelota cara a todos os membros da comisión e, deste xeito, ir variando a persoa que golpee.
Lectura facilitada
Neste bloque atoparás desafíos cooperativos sen rede.
A división da cancha vén determinada pola distancia.
Están relacionados coas pas cántabras.
Desafío 1.1: " Golpes a media altura"
Organizade a comisión por parellas.
Colocádevos a unha distancia aproximada de 3 m.
Tedes que realizar 20 golpes a media altura seguidos.
Lembrade que os golpes a media altura son entre cintura e ombreiros.
Desafío 1.2: "Golpes de dereita"
Organizádevos igual que no anterior desafío
Tedes que realizar 10 golpes seguidos de dereita.
Consello: se ambos sodes destros, teredes que enviar a pelota en dirección diagonal.
É dicir, cara ao "lado dereito" da outra persoa.
Desafío 1.3: "Golpes de revés"
Mesma organización que no anterior desafío.
Agora tratade de realizar 10 golpes seguidos de revés.
Desafío 1.4: "Golpes alternos"
Mesma organización que no desafío anterior.
Agora 10 golpes, alternando un de dereita e outro de revés.
Desafío 1.5: "Xogo total coa comisión"
Agora distribuiredes a comisión en 2 grupos.
Manteredes unha distancia aproximada de 3 m entre os grupos.
Tedes que golpear a pelota sen que caia 30 veces.
Consello: é recomendable contar en alto o número de golpes que levades.
Premisa obrigatoria: dirixir a pelota cara a tódolos membros da comisión. É dicir, variar a persoa que golpea.
Audio
Bloque 2: desafíos con rede
Neste bloque atoparás desafíos cooperativos con cancha dividida por unha rede. Están relacionados con deportes como o pádel e o pickleball.
Desafío 2.1: "Servizos precisos"
Sodes capaces de ter un 80 % de efectividade nos servizos?
Agora que coñecedes a técnica, imos ver como está a vosa precisión. Teredes 25 servizos en total, polo que para acadar ese 80% precisades executar con éxito 20.
Establecede unha orde que seguiredes estritamente.
Cada servizo será executado por unha persoa distinta da comisión, de tal xeito que todas as persoas executarán practicamente o mesmo número de saques.
Levade as contas de cantos se executan con éxito, se superades os 20, teredes o desafío completo!
Desafío 2.2: "Golpes en fondo de pista"
Distribuídevos todas as persoas da comisión en 2 grupos. Cada grupo estará no fondo dunha pista. O desafío consiste en manter a pelota en xogo durante 20 golpes entre todos e todas.
PREMISAS A TER EN CONTA:
Deben ser golpes a fondo de pista e executados tras bote previo (dereitas e revés sobre todo).
Todos e todas deben golpear polo menos 2 veces a pelota para que o desafío sexa válido.
Deben respectarse aspectos básicos e comúns do regulamento: a pelota debe botar dentro do terreo, superar a rede e executar no primeiro golpe un servizo correcto.
CONSELLO: Ao ser varias persoas no mesmo fondo, a distribución no terreo e a comunicación son fundamentais.
Desafío 2.3: "Deixadas precisas"
As persoas que forman a comisión distribúense en parellas e colócanse tres pasos por detrás da rede e un en cada lado da pista. A un paso da rede haberá 1 aro en cada lado da pista.
O desafío consiste en pasarse a pelota, pero intentando que bote dentro do aro. Cada vez que a pelota bote dentro, obterase 1 punto. O obxectivo é conseguir 10 puntos entre os 2 no menor número de golpes posibles.
Cando rematedes podedes calcular a porcentaxe de eficacia tendo en conta a relación entre os golpes que botaron dentro do aro e os golpes totais.
Desafío 2.4: "Xogando con altura"
As persoas que forman a comisión distribúense en parellas e colócanse unha persoa en cada lado da pista, máis ou menos no centro desta.
Comezaran pasándose a pelota e cando a "persoa A" diga "globo" enviará un golpeo alto coa intención de que a "persoa B" poda executar un remate.
O obxectivo é executar 5 remates con éxito, é dicir, que superen a rede e que boten dentro dos límites da cancha no menor número de intentos posible.
Cando unha persoa o consegue, tócalle á outra.
Lectura facilitada
Neste bloque atoparás desafíos cooperativos con cancha dividida por unha rede.
Están relacionados con deportes como o pádel e o pickleball.
Desafío 2.1: "Servizos precisos"
Agora que coñecedes a técnica, imos ver como está a vosa precisión.
Teredes 25 servizos en total para todo o grupo.
Tedes que acadar un 80 % de eficacia.
Para iso tedes que executar con éxito 20.
Establecede unha orde que seguiredes estritamente.
Cada servizo será executado por unha persoa distinta da comisión.
Todas as persoas executarán practicamente o mesmo número de saques.
Levade as contas de cantos se executan con éxito.
Se superades os 20, teredes o desafío completo.
Desafío 2.2: "Golpes en fondo de pista"
Distribuíde as persoas da comisión en 2 grupos.
Cada grupo estará no fondo dunha pista.
Tedes que manter a pelota en xogo durante 20 golpes.
PREMISAS A TER EN CONTA:
Serán golpes a fondo de pista e executados tras bote previo
É dicir, faredes dereita e revés sobre todo.
Todos e todas debedes golpear polo menos 2 veces a pelota.
Deben respectarse aspectos básicos e comúns do regulamento.
A pelota debe botar dentro do terreo.
Superar a rede.
Executar no primeiro golpe un servizo correcto...
CONSELLO: A distribución no terreo e a comunicación son fundamentais.
Desafío 2.3: "Deixadas precisas"
As persoas que forman a comisión distribúense en parellas.
Colócanse tres pasos por detrás da rede e un en cada lado da pista.
En cada lado da cancha, haberá un aro.
O aro estará a distancia de 1 paso.
O desafío consiste en pasarse a pelota, pero intentando que bote dentro do aro.
Cada vez que a pelota bote dentro, obterase 1 punto.
O obxectivo é conseguir 10 puntos entre os 2 no menor número de golpes posibles.
Cando rematedes podedes calcular a porcentaxe de eficacia.
Para isto tede en conta a relación entre os golpes que botaron dentro do aro e os golpes totais.
Desafío 2.4: "Xogando con altura"
As persoas que forman a comisión distribúense en parellas.
Colócanse unha persoa en cada lado da pista.
Colócanse máis ou menos no centro da cancha.
Comezaran pasándose a pelota.
Cando a "persoa A" diga "globo" enviará un golpeo alto.
Despois deste, a "persoa B" deberá executar un remate.
O obxectivo é executar 5 remates con éxito.
Debe superar a rede e botar dentro dos límites da cancha
Usaranse o menor número de intentos posible para acadar 5 remates con éxito.