Saltar navegación

3.3. Xogamos coa pa

 

Glosario

Deporte ou xogo cooperativo

Pictograma de dúas mans tratando de collerse.

Definición:

Deporte ou xogo no que non existe oposición. Todas as persoas participantes colaboran para acadar un mesmo fin.

Exemplo:

No seguinte xogo cooperativo temos que colaborar entre todas as persoas para marcar o maior número de tiros libres en 2 minutos.

Tradicional

Pictograma da bandeira galega

Definición:

Relativo ao que deriva do pasado, dos costumes dunha cultura que se transmiten de xeración en xeración e que perduran no tempo.

Exemplo:

A chave é un xogo tradicional galego que tivo distintas variantes ao longo da xeografía galega. 

Popular

Pictograma onde se poden ver moitas persoas xuntas

Definición:

Relativo ao que é común a unha gran parte dunha poboación.

Exemplo:

O fútbol, o baloncesto ou a natación son exemplos de deportes populares actualmente.

Sabías que...?

A imaxe amosa a 2 mulleres nipoas xogando ao Hanetsuki.
  • O Hanetsuki xaponés é un dos deportes de pa máis antigo. Iniciouse coma un ritual hai máis de 1300 anos, pois considerábase que o movemento da pa espantaba os malos espíritos.
  • As pas son moi usadas nas praias e isto ten a súa orixe nas pas cántabras e tamén no frescobol de Brasil. Son 2 deportes cooperativos cuxo obxectivo é facer o máximo número de golpes posible.
  • A pelota vasca é un xogo de frontón tradicional de Euskadi que tamén se xoga noutras partes do mundo. Foi deporte das Olimpíadas de París 1900.

Na actualidade existe unha gran variedade de deportes de pa e raqueta. Sigue lendo para descubrilos.

Lectura facilitada

O Hanetsuki xaponés é un dos deportes de pa máis antigos.

Ten máis de 1300 anos.

As pas cántabras e o frescobol son 2 deportes cooperativos.

Realízanse nas praias.

O obxectivo é conseguir o maior número de golpes seguidos.

A pelota vasca é un xogo de frontón tradicional.

É popular de Euskadi.

Foi un dos deportes oficiais das Olimpíadas de París de 1900.

Na actualidade existe unha gran variedade de deportes de pa e raqueta.

Algúns deportes de adversario co pas

A pa é un complemento, é dicir, unha ferramenta coa que se golpea unha pelota co obxectivo de conseguir un tanto. Os xogos e deportes onde se usa a pa son moi variados pero poden clasificarse dentro de 2 grandes grupos: os de muro e parede e os de cancha dividida, segundo haxa un espazo común ou separado para as persoas participantes, respectivamente.

Fíxate no seguinte esquema:

Esquema con algúns deportes de adversario con pa. Distínguense os de muro ou parede dos de cancha dividida.

Lectura facilitada

A pa é un complemento.

A pa é unha ferramenta coa que se golpea unha pelota co obxectivo de conseguir un tanto.

Os xogos e deportes onde se usa a pa son moi variados.

Poden clasificarse dentro de 2 grandes grupos:

  • Os de muro e parede, que teñen un espazo común para as persoas participantes.
  • Os de cancha dividida, que teñen espazo separado para as persoas participantes.

Fíxate no seguinte esquema:

Esquema con algúns deportes de adversario con pa. Distínguense os de muro ou parede dos de cancha dividida.

Transcrición

Xogos e deportes con pa:

  • De muro ou parede:
    • Pelota vasca: pa, jai alai, frontenis.
    • Squash
  • De cancha dividida
    • Con pa: pickleball, pádel, tenis de mesa, pas cántabras.
    • Con raqueta: tenis, bádminton.

Nos seguintes apartados tes unha explicación de cada un deles.

Deportes de muro ou parede

Nos deportes de muro ou parede as persoas que se enfrontan comparten o mesmo espazo e teñen que golpear a pelota contra unha parede principal chamada frontis.

Neste tipo de deportes conséguese punto cando o contrario non consegue devolver a pelota en condicións regulamentarias:

  • Cando o ou a rival golpea a pelota e esta vai fóra dos límites de xogo.
  • Cando a pelota bota máis dunha vez antes de golpearse.

Lectura facilitada

Nos deportes de muro ou parede as persoas que se enfrontan comparten o mesmo espazo.

O obxectivo é golpear a pelota contra unha parede chamada frontis.

Conseguirase punto sempre que o rival non poda devolver a pelota de acordo ao regulamento.

Queres descubrir as modalidades que existen?

Aquí podes achegarte a diferentes modalidades:

Pelota vasca

Imaxe dun frontón de pelota vasca.

O espazo de xogo ten 3 paredes. O frontis, a parede esquerda e o rebote (parede traseira).

Os enfrontamentos son individuais ou ben de dobres e existen varias modalidades segundo o complemento utilizado:

  • Man: a forma máis tradicional, sen complemento. A pelota golpéase directamente coa man.
  • Pa ou paleta: son pas de diferentes tamaños e materiais.
  • Jai alai (Cesta-punta): emprégase unha cesta curva feita con vime e madeira de carballo.
  • Frontenis: emprégase unha raqueta de características semellantes á de tenis.

"Squash"

O espazo ten 4 paredes e todas se poden usar. Xógase cunha raqueta semellante á de tenis.

O squash está confirmado como novo deporte para os Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.

Imaxe de 2 rapazas xogando ao squash

Lectura facilitada

Pelota vasca

O espazo de xogo ten 3 paredes:

  1. A parede frontal chámase frontis,
  2. a parede esquerda e
  3. o rebote, que é a parede traseira.

Os enfrontamentos poden ser individuais ou de dobres.

Existen varias modalidades segundo o complemento utilizado:

  • Man.
  • Pa ou paleta.
  • Jai alai  ou cesta-punta.
  • Frontenis.

Squash

O espazo ten 4 paredes.

Pódense usar todas.

Xógase cunha raqueta semellante á de tenis.

O squash está confirmado como novo deporte para os Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.

Deportes de cancha dividida

A característica común principal é que a cancha se atopa dividida por unha rede ou un espazo. En relación ao complemento, pódese diferenciar:

  • Deportes con raqueta: por exemplo, o tenis.
  • Deportes con pa: por exemplo, o pádel. Este complemento é o que empregarás ti.

Lectura facilitada

A característica común é que a cancha se atopa dividida por unha rede ou un espazo.

En relación ao complemento, pódese diferenciar:

  • Deportes con raqueta.
  • Deportes con pa.

Queres descubrir as modalidades que existen?

A continuación, podes coñecer algunhas modalidades onde se empregan as pas.

Pa cántabra

É un xogo de pa tradicional das praias de Cantabria. Destaca por ser un xogo cooperativo, onde o obxectivo é conseguir o maior número de golpes sen que caia a pelota. 

Poden xogar dous ou máis xogadores ou xogadoras.

Neste caso a división do espazo vén determinada pola distancia entre as persoas participantes que, á súa vez, determina a dificultade do xogo. 

Imaxe de 2 pas cántabras na area dunha praia.

Pádel

Adoita xogar en modalidade de dobres e caracterízase por estar pechado por paredes de cristal e malla metálica, as cales se empregan tamén como espazo de xogo.

As pas que se empregan en pádel teñen capas de distintos materiais e destacan por ter pequenos furados.

Imaxe dun partido de pádel onde se pode ver o espazo de xogo.

"Pickleball"

É un deporte de pa que combina elementos do bádminton, do tenis e do tenis de mesa.

O terreo de xogo é como o de bádminton pero inclúe unha zona na que non se pode realizar unha volea chamada "cociña".

Imaxe dun partido de pickleball

Lectura facilitada

Aquí podes coñecer algunhas modalidades en que se empregan as pas.

Pa cántabra

Xogo de pa tradicional das praias de Cantabria.

Destaca por ser un xogo cooperativo.

O obxectivo é conseguir o maior número de golpes sen que caia a pelota. 

Poden xogar dous ou máis xogadores.

Neste caso a división do espazo vén determinada pola distancia entre as persoas participantes.

A máis distancia, máis dificultade.

Pádel

Xógase en modalidade de dobres.

Caracterízase por estar pechado por paredes de cristal e malla metálica

Paredes e malla tamén se empregan como espazo de xogo.

Pickleball

Deporte de pa que combina elementos do bádminton, do tenis e do tenis de mesa.

O terreo de xogo é semellante ao de bádminton.

Inclúe unha zona na que non se pode realizar unha volea chamada "cociña".

Feito con eXeLearning (Nova xanela)