Saltar navegación

3.2. Desafíos na pista

 

Glosario

Disciplina

Pictograma dunha atleta facendo salto de pértega

Definición:

Tipo ou modalidade de deporte que se practica.

Exemplo:

O salto con pértega é unha disciplina do atletismo.

Olimpíada

Pictograma do símbolo dos Xogos Olímpicos. Cinco aneis entrelazados de difeentes cores.

Definición:

Competición deportiva internacional, con varias modalidades, que se celebra cada catro anos nunha cidade diferente.

Exemplo:

Nas Olimpíadas de París 2024, atletas de todo o mundo competiron en atletismo, natación e moitos outros deportes.

Testemuño

Pictograma de dúas persoas entregando un testemuño

Definición:

Obxecto que se pasa entre atletas nunha carreira de relevos.

Exemplo:

Ao atleta caeulle o testemuño durante a carreira e tivo que recollelo rapidamente para non perder tempo.

Valado

Pictograma dunha persoa pasando un valo nunca carreira.

Definición:

Obxecto que as deportistas teñen que pasar nunha carreira.

Exemplo:

A atleta tropezou cun valado e perdeu tempo na carreira de 100 metros valados.

Sabías que...?

A imaxe é unha ánfora que se lle regalaba ao gañadores dos xogos da antiga Grecia. Nela observamos a varias persoas correndo cunha coroa de oliveira na cabeza.
  • A primeira carreira olímpica documentada foi hai case 3.000 anos? Só tiña 192 metros.
  • Quen gañaba a carreira stadion (antiga carreira a pé) recibía unha coroa de oliveira e era tratado como un heroe.
  • Nas Olimpíadas da Grecia antiga as mulleres non competían. Non foi ata o século XX cando empezaron a participar nas competicións oficiais.

O atletismo é a base de moitos deportes. É unha forma perfecta de poñer a proba forza, velocidade e coordinación. Queres saber máis sobre este deporte? Segue lendo!

Lectura facilitada

  • A primeira carreira olímpica documentada foi hai case 3.000 anos.
  • Quen gañaba a carreira chamada stadion recibía unha coroa de oliveira e o tratamento de heroe.
  • Nas Olimpíadas da Grecia antiga, as mulleres non competían.

Se queres saber máis sobre o atletismo segue lendo!

Audio

Xeneralidades do atletismo

En xeral, cando falamos de atletismo referímonos a un deporte no que o obxectivo principal é superar unha marca, persoal ou doutras persoas competidoras. Reúne diferentes modalidades que se poden agrupar en dúas: carreiras e concursos.

Esquema de disciplinas do atletismo, no que se distingue entre carreiras e concursos

Outras disciplinas

Pictograma dunha persoa realizando unha proba de valados

Varias das disciplinas anteriores poden combinarse para formar probas máis complexas.

Son as chamadas probas combinadas, nas que os e as atletas deben demostrar habilidades en diferentes disciplinas: carreiras, saltos e lanzamentos.

A continuación tes dous exemplos:

  • O décathlon é unha proba masculina que reúne 10 disciplinas repartidas en dous días, entre elas 110 m valados e 1500 metros.
  • No caso das mulleres, a proba equivalente é o héptathlon, que combina 7 disciplinas, entre elas salto de altura e 800 metros.
    Nas probas combinadas, cada resultado convértese en puntos e gaña a persoa atleta que suma máis puntos ao final de todas as probas.

Lectura facilitada

Algunhas das probas anteriores poden combinarse para formar probas máis difíciles.

Estas chámanse probas combinadas.

Nelas as atletas deben amosar habilidades nas disciplinas de carreiras, saltos e lanzamentos.

Un exemplo sería o décathlon (reúne 10 disciplinas) e outro o héptathlon (reúne 7 disciplinas)

Nos seguintes apartados ides ver como se clasifican os concursos e as carreiras, así como características que teñen cada un deles, información que vos axudará a tomar as mellores decisións como membros do Comité Olímpico Galego.

Os concursos

Pictograma con dúas imaxes. Na de arriba hai unha rapaza facendo salto de altura e na de abaixo un rapaz realizando un salto de lonxitude na area

Os concursos son probas do atletismo que inclúen saltos e lanzamentos.

Saltos

Nos saltos, o obxectivo é superar unha distancia ou unha altura mediante un impulso. Poden ser:

  • Horizontais, cando se busca alcanzar a maior distancia posible (salto de lonxitude e triplo salto).
  • Verticais, cando se pretende superar a maior altura posible (salto de altura e salto con pértega).

Lanzamentos

Nos lanzamentos, o obxectivo é lanzar un obxecto coa máxima forza e precisión. Dependendo do obxecto que se lance haberá probas de lanzamento de peso, xavelina, disco e martelo.

Nesta fase centrarédesvos no salto de lonxitude e no salto de altura, analizando as súas fases técnicas para comprender mellor a súa execución e poder avalialos dentro do proceso de selección do Comité Olímpico Galego.

Lectura facilitada

Os concursos son probas do atletismo.

Inclúen saltos e lanzamentos.

1. Saltos: nos saltos, o obxectivo é chegar máis lonxe ou máis alto.

  • Horizontais: buscar máis distancia (salto de lonxitude, triplo salto).
  • Verticais: buscar máis altura (salto de altura, pértega).

2. Lanzamentos: o obxectivo é lanzar un obxecto con forza e precisión.

  • Inclúen probas como: Peso, xavelina, disco e martelo.

Nesta fase, traballaredes:

  • Salto de lonxitude.
  • Salto de altura.

Analizaredes as súas fases para entendelos mellor.

As carreiras

Pictograma onde se ve a un grupo de persoas correndo nunha pista de atletismo

As carreiras son probas do atletismo que poden realizarse a distintas velocidades e distancias. Existen carreiras de velocidade e de resistencia, así como carreiras de valados, obstáculos, remudas e marcha.

Velocidade

O obxectivo é percorrer unha distancia no menor tempo posible. Son probas explosivas e de curta duración, onde a rapidez de reacción e a potencia resultan fundamentais. As principais distancias son 60 m (en pista cuberta), 100, 200 e 400 metros.

Resistencia

O obxectivo é percorrer longas distancias mantendo un ritmo constante e eficiente. Son probas nas que a capacidade aeróbica, a resistencia e a boa xestión do esforzo resultan fundamentais. As distancias máis habituais son 800, 1.500, 3.000, 5.000 e 10.000 metros. Tamén pertence a este grupo a maratón (42,195 km).

Obstáculos

O obxectivo é completar a distancia superando diferentes obstáculos fixos e un paso pola ría con auga. Combina resistencia, técnica de salto e coordinación. A proba máis habitual é a de 3.000 metros obstáculos.

Valados

O obxectivo é percorrer unha distancia no menor tempo posible superando unha serie de valados colocados ao longo da pista. Requiren velocidade, coordinación e unha boa técnica para pasar os obstáculos sen perder ritmo. As principais distancias son 100 m valados (feminino), 110 m valados (masculino) e 400 m valados.

Remudas

Son carreiras por equipos nas que cada atleta percorre unha parte da distancia e entrega un testemuño ao seguinte compañeiro ou compañeira dentro dunha zona determinada. Ademais da velocidade, é fundamental a coordinación na entrega. As probas máis coñecidas son o 4 × 100 m e o 4 × 400 m.

Marcha

O obxectivo é percorrer unha distancia determinada desprazándose a gran velocidade, respectando unha técnica específica. Un pé debe estar sempre en contacto co chan e a perna de apoio debe permanecer estirada ata que o corpo pase por riba dela. As distancias máis habituais son 20 km e 35 km en competicións internacionais.

Nesta fase centrarédesvos nas carreiras de velocidade e nas remudas. 

Lectura facilitada

No atletismo hai diferentes tipos de carreiras:

1. Velocidade: o obxectivo é correr moi rápido en pouca distancia.

  • Exemplo: 100 m, 200 m, 400 m.

2. Resistencia: o obxectivo é correr moita distancia mantendo o ritmo.

  • Exemplo: 1.500 m, 5.000 m, 10.000 m.

3. Obstáculos: hai que correr e superar obstáculos e unha zona con auga.

  • Exemplo: 3.000 m obstáculos.

4. Valados: hai que correr e saltar valados sen perder velocidade.

  • Exemplo: 100 m, 110 m e 400 m valados.

5. Remudas: son carreiras en equipo.

  • Cada atleta corre unha parte e pasa o testemuño ao seguinte.

6. Marcha: hai que avanzar rápido, pero sempre cun pé no chan.

Nesta fase traballaredes:

  • Carreiras de velocidade.
  • Remudas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)