Glosario
Aristocracia
-
Definición:
-
"Goberno dos mellores", termo procedente do grego aristos (excelente) e kratos (poder). Era o sistema político dalgunhas polis que sobre todo entre os séculos VIII ao IV a. C. estaban gobernadas polos máis sabios, experimentados e intelixentes.
-
Exemplo:
-
Agamenón formaba parte da aristocracia micénica.
Asemblea
-
Definición:
-
Do grego ekklesia, grupo de persoas (cidadáns) que se reunían para discutir e tomar decisións sobre o goberno da cidade.
-
Exemplo:
-
O Consello dos Cincocentos (Boulé) era unha asemblea na antiga Atenas.
Democracia
-
Definición:
-
Termo procedente do grego formado polas palabras demos (pobo) e krátos (poder). Sistema político no que o poder o teñen os cidadáns, de xeito que poden intervir de forma activa no goberno. En Grecia só participaban na política os varóns libres. Nela os cidadáns participaban directamente (sen representantes) e os cargos ocupábanse por sorteo.
-
Exemplo:
-
A democracia máis coñecida na Antigüidade foi a ateniense.
Estratego
-
Definición:
-
Na Grecia Antiga, xeneral supremo do exército terrestre. Era o encargado de planificar as campañas militares.
-
Exemplo:
-
Pericles foi o estratego máis coñecida da Época Clásica.
Micénica
-
Definición:
-
Relativo a Micenas, unha das culturas prehelénicas (1600-1100 a. C.) que se desenvolveu na Península do Peloponeso. Os restos arqueolóxicos atopados fálannos dunha cultura que manexaba a escritura (Lineal B). Consérvanse restos do amurallamento de Micenas. Desapareceu bruscamente comezando o que se coñeceu como "Época Escura" pola ausencia de textos.
-
Exemplo:
-
A Porta das Leoas é un dos exemplos máis importantes de arte micénica.
Minoico
-
Definición:
-
Relativo á civilización prehelénica que se desenvolveu na illa de Creta. O período máis coñecido será o dos grandes palacios, no segundo milenio a.C. As escavacións de palacios como os de Cnossos, Faistos ou Hagia Triada móstrannos dunha civilización con gran desenvolvemento da artesanía e o comercio mediterráneo (talasocracia).
-
Exemplo:
-
No labirinto do palacio minoico de Cnossos vivía o Minotauro segundo a mitoloxía grega.
Monarquía
-
Definición:
-
O termo procede do grego monarchía (goberno dun só). Un sistema político baseado na herdabilidade do poder nunha única persoa. Nas polis da Grecia Clásica vai ser excepcional esta forma de goberno. No caso de Esparta eran dous (diarquía). Macedonia será un destes exemplos e impuxo o seu dominio a finais do período clásico baixo o reinado de Filipo II.
-
Exemplo:
-
Nas monarquías o poder político pasa de pais a fillos.
Oligarquía
-
Definición:
-
Termo que procede dos grego oligos (poucos) e archos (mandar ou gobernar). Forma de goberno na Grecia Antiga na que o poder político quedaba en mans dun grupo reducido de persoas que á súa vez o transmitían aos seus descendentes ou achegados. Xeralmente todos pertencían a un mesmo grupo social pechado.
-
Exemplo:
-
Platón analizou na súa obra as características propias da oligarquía.
Tiranía
-
Definición:
-
Unha forma de poder absoluto exercida na polis por un individuo, normalmente un aristócrata, que chegaba ao poder pola forza e gobernaba á marxe de toda lei. Propio da Grecia Arcaica a partir do século VII a. C.
-
Exemplo:
-
Pisístrato exerceu a tiranía na cidade de Atenas.


