Saltar navegación

2.4. Xogamos con Lucho

O mapa do tesouro

Mapa antigo dunha illa cun tesouro, e símbolos de navegación

Nesta actividade ides crear un mapa que usaredes para que Lucho atope o tesouro. Podedes traballar en parellas ou en grupos pequenos.

Primeiro faredes un plano da planta do colexio na que está situada a vosa aula, non ten que ser a escala, pero debe ser o máis parecido posible á realidade. Tende en conta que nos mapas de tesouros o importante son as indicacións para poder chegar á prezada recompensa.

Despois decidiredes onde agochar o "voso tesouro" e poredes un X no mapa. Tamén teredes que pensar cal será o punto de partida e sinalalo no mapa coa palabra Saída.

Por último hai que escribir as indicacións para recorrer o traxecto ata chegar ao tesouro. Tedes liberdade para dar as instrucións que queirades, pero teredes que utilizar, como mínimo: compás para indicacións de xiro, cinta métrica para indicacións de movemento e o que se vos ocorra! 

Pensade que con todo o que sabe agora Lucho respecto aos puntos cardinais e distancias, tería que ser quen de completar o reto coa información facilitada no mapa e nas indicacións.

Lectura facilitada

En parellas ou grupos pequenos crearedes un mapa do tesouro para orientar a Lucho.

Faredes un plano da vosa aula na planta do colexio onde se atopa.

Decidiredes un punto X onde colocaredes un tesouro.

No mapa tamén teredes que sinalar o lugar de Saída.

Escribiredes indicacións para que recorran o traxecto utilizando:

-compás para xiros

-cinta métrica para moverse

-o que se vos ocorra.

Co que sabe Lucho dos puntos cardinais, debería poder completar este reto.

Inventamos o noso planeta

Ides crear un mapa do planeta que estudastes!

Como?

Mapa dunha illa e a rosa dos ventos


Poñede a proba a vosa creatividade.

Nos vosos equipos ides crear un mapa imaxinario do planeta que estudastes.

Para facelo utilizaredes un papel cuadriculado con coordenadas.


Materiais

  • Un dado con números
  • Un dado cos puntos cardinais
  • Un papel con coordenadas
  • Lapis e goma
  • Unha ficha dalgún xogo que teñades na clase para simbolizar ao robot

Pasos

1. Escribiredes as 10 primeiras letras do alfabeto na coordenada X e os 10 primeiros números na coordenada Y. Despois debuxaredes a rosa dos ventos cos puntos cardinais na parte superior dereita da folla.

2. Crearedes un símbolo para cada elemento do planeta: volcán, montañas, cráteres e masas de auga.

3. Situaredes os símbolos dos elementos no voso mapa. Os símbolos poden repetirse ata tres veces. Ocultaredes esta información ao equipo contrario.

4. Xogaredes contra outro equipo, que recibirá un mapa en branco e terá que ir movendo o robot para atopar os elementos do voso mapa e debuxalos.

5. Situaredes ao robot na cuadrícula E5 onde aterrará coa súa nave espacial.

6. O equipo co mapa en branco tirará os dous dados. O dado numérico servirá para saber cantos pasos ten que moverse o robot e o dado cos puntos cardinais diranos a dirección. Por exemplo: se sae 3 SO, hai que mover o robot tres cadros na dirección suroeste.

7. Cando o robot chegue a un dos elementos do planeta, o outro equipo diralle o que ten que debuxar. O xogo rematará cando o robot complete o mapa con todos os elementos.

Niveis

Agora elixide o nivel co que máis a gusto vos sintades:

Nivel 1: Teredes unha folla coas coordenadas escritas (letras e números), o compás e os símbolos debuxados no mapa. O robot só se moverá en dirección N, S, L, O.

Nivel 2: Teredes unha a folla coas coordenadas escritas (letras e números), pero sen compás nin símbolos debuxados. O robot só se moverá en dirección N, S, L, O.

Nivel 3: Teredes unha a folla sen as coordenadas escritas. Debuxaredes a rosa dos ventos e os símbolos no mapa. O robot moverase en todas as direccións N, S, L, O, NL, NO, SL, SO

Lucho coñece España

O robot Lucho, no centro do mapa das comunidades autónomas de España

Na seguinte actividade axudarás a Lucho a coñecer as Comunidades Autónomas de España.

Primeiro terás que localizar na mapa o Norte, o Sur, o Leste e o Oeste

Despois busca en que Comunidade Autónoma se atopa o robot.

E por último axúdao a moverse polo mapa utilizando os puntos cardinais.

Deste xeito coñecerá as Comunidades e quedaralle ben gravado como orientarse. 

Amplía a imaxe para traballar mellor.

Comezamos!

Pregunta 1

Se Lucho vai dirección norte chegará a Cataluña.

Pregunta 2

Se Lucho se dirixe ao leste chegará a Estremadura.

Pregunta 3

Se Lucho vai ao sur chegará a Andalucía.

Pregunta 4

Se Lucho vai cara ao oeste chegará á Comunidade Valenciana.

Pregunta 5

Se Lucho se dirixe ao noroeste chegará a Galicia.

Pregunta 6

Dende Galicia Lucho terá que dirixirse ao sueste para chegar a Murcia.

Pregunta 7

Se Lucho está en Cataluña, debe dirixirse ao leste para chegar a Castela e León.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)