Lucho aprende a orientarse
Xela sabe que ao seu robot lle encanta toda a información do Universo, pero sobre todo a do noso planeta, a Terra.
A Lucho gustaríalle poder moverse e ir onde lle apeteza. Para iso precisa saber que son os planos e os mapas, e como funcionan para poder orientarse e chegar a distintos lugares.
Axúdasnos a que Lucho aprenda un pouco máis?
Comeza por traballar as escalas. Sabes que nun mapa do tamaño dun caderno non te caben nin os continentes, nin España, nin Galicia, nin sequera a túa aula.
É por iso que tes que traballar en proporción e usar un tamaño equivalente ao real, pero máis pequeno.
Así, cando un debuxo ou mapa ten unha escala de 1:500, significa que 1 cm dese plano representa 500 cm na realidade ou, o que é o mesmo, 5 metros.
Metendo esta información na memoria de Lucho foi quen de facer o plano da aula de Xela cunha escala de 1:100. Isto significa que 1 centímetro no seu caderno, equivale a 100 centímetros na realidade, é dicir, 1 metro.
Preme na imaxe e observa ben o plano da aula de Xela:
- De que cor é o encerado dixital?
- Que son os rectángulos verdes?
- Cantas portas ten a aula? E ventás?
- Se a mesa da profe mide dous centímetros no caderno, canto mide na realidade?
Lectura facilitada
Xela sabe que a Lucho lle encanta saber do Universo e da Terra.
Para que Lucho se mova, ten que saber que son os planos e mapas. Axudaremos a Lucho a aprender un pouco máis.
Primeiro traballaremos as escalas. Isto é, traballar nun tamaño máis reducido unha imaxe que non poderíamos representar a tamaño real.
Por exemplo, é imposible debuxar Galicia a tamaño real nun caderno, por iso facemos un traballo en proporción.
Proporción é usar un tamaño equivalente ao real, pero máis pequeno.
Dicimos que un mapa ten unha escala de 1:500 cando 1 centímetro do noso plano representa 500 centímetros na realidade: 500 centímetros é igual que 5 metros.
Ao meter esta información na memoria de Lucho el puido facer un plano da aula de Xela.
A escala que Lucho empregou foi 1:100.
A escala 1:100 significa que 1 centímetro do seu caderno, equivale a 100 centímetros na realidade: 100 centímetros é igual a un metro.