A historia de Lucho

Lucho é o compañeiro de Xela. Foi un agasallo que lle fixeron os seus pais polo seu décimo aniversario. Viña nunha caixa de cartón e desmontado en pezas. Foi Xela quen tivo que armalo para que comezara a funcionar e a interactuar. Tardou case un día enteiro en montalo porque os robots teñen moitas pezas, e require moito tempo poñer cada unha no seu sitio para que funcione correctamente. O que máis lle custou foi a cabeza, que é como unha especie de ordenador onde garda toda a información que vai aprendendo. Pouco a pouco Xela foi programándoo para que puidera falar e facer operacións básicas matemáticas como sumar, restar, multiplicar e dividir.
Lucho está feito de aceiro, aluminio e titanio. Mide case un metro, algo así como un neno de 3 anos. Pode camiñar se recibe as indicacións axeitadas e tamén aprender cousas novas se lle das a información para que a garde na súa memoria. Conta cunha boa capacidade e, afortunadamente, quédanlle unha morea de xigabytes libres.
Axúdasme a irlle dando información sobre o Universo? Todo o que completes nas seguintes actividades pasará directo á súa memoria!
Nesta fase repasaremos os contidos que aprendestes en cuarto de Primaria, así Lucho ten a oportunidade de poñerse ao día. Empezaremos recordando os corpos celestes máis importantes como os planetas, o Sol, os meteoritos, a Lúa, os cometas e os asteroides. Seguiremos repasando os puntos cardinais, que resultan fundamentais para orientarse e faredes un plano da vosa clase a escala. Por último, poñeredes a proba os vosos coñecementos e crearedes un mapa do tesouro e outro dun planeta.
Lectura facilitada
Lucho é compañeiro de Xela. Lucho foi un agasallo polo seu aniversario.
Lucho viña desmontado en pezas. Xela tivo que montalo. Tardou case un día enteiro.
Os robots teñen moitas pezas e leva moito tempo colocalas para que funcionen ben.
O que máis lle custou montar a Xela foi a cabeza, que é coma un ordenador onde garda a información que aprende.
Xela programou a Lucho para que puidera falar e facer operacións como: sumas, restas, multiplicacións e divisións.
Lucho está feito de aceiro, aluminio e titanio. Mide case un metro de alto.
Lucho pode camiñar se lle das as indicacións axeitadas. Tamén aprender cousas novas se lle das a información para que a garde na súa memoria.
Quédanlle moitos xigabytes libres.
Axúdasme a darlle información a Lucho sobre o Universo?
O traballo que realices nas seguintes actividades aumentará a súa memoria!
Moitas grazas pola túa axuda.
Audio
Apoio visual

Os pais regaláronlle un Robot a Xela.
O robot viña desmontado nunha caixa.
Xela montou o Robot.
Lucho está feito en aceiro.
Mide máis dun metro de altura.