Saltar navegación

4. O noso Museo Espacial

A traballar!

Chegou a hora de colocar no Museo Espacial todos os vosos traballos.

Os museos están divididos en salas nas que se poden ver diferentes pezas de arte, fotografías, pinturas, instalacións artísticas ou material interactivo, entre outros. Os museos son lugares para aprender, descubrir e sorprenderse. Imos aló!

Exposición con planetas pendurados do teito

1. Primeiro buscade no cole un corredor amplo ou outro espazo que converteredes en museo.

2. Despois dividide o espazo en varias seccións. Cada sección será coma unha sala do voso museo. Terá que levar o nome do material que creastes. Elixide un nome atractivo para que as demais persoas sintan curiosidade por ir visitar esa parte do museo. Por exemplo, “Viaxe polos planetas".

3. Por último, colocade os vosos traballos na sección correcta, deixando espazo suficiente para que os traballos poidan verse ben. Podedes decorar o fondo e engadir pequenos carteis explicativos a carón dos traballos.

4. Non vos esquezades de poñer na rosa dos ventos que pintastes no patio a frecha que amose a dirección onde se atopa o museo. 

Lectura facilitada

Imos montar un Museo Espacial!

Chegou o momento de ensinar todos os vosos traballos no Museo Espacial.

Os museos son lugares onde podemos ver cousas interesantes: cadros, fotos, esculturas, vídeos ou xogos interactivos.

Tamén serven para aprender, descubrir cousas novas e sorprendernos.

Que temos que facer?

1. Buscade un lugar no cole.
Pode ser un corredor grande ou outro espazo que queirades converter en museo.

2. Dividide o espazo en partes.
Cada parte será coma unha sala dun museo.
Poñede un nome bonito a cada sala, segundo o traballo que fixestes.
Por exemplo: “Viaxe polos planetas”.

3. Colocade os traballos. 
Poñédeos no sitio que lles toca.
Deixade sitio entre eles para que se vexan ben.
Podedes decorar o fondo e poñer carteis pequenos explicando o que fixestes.

4. Indicade onde está o museo.
Na rosa dos ventos do patio, pintade unha frecha que sinale onde está o museo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)