Saltar navegación

3.1. Quero ser astronauta

A Terra

Planeta Terra visto dende o espazo

A Terra é o quinto planeta máis grande do Sistema Solar e o terceiro máis próximo ao Sol. É un dos planetas interiores ou rochosos, xunto con Mercurio, Venus e Marte. Ten forma de esfera, inda que un pouco achatada nos polos. A súa superficie está cuberta principalmente por auga e o resto por terra firme que forma os continentes, as montañas ou as illas.

Tamén se coñece co nome de Planeta Azul porque o 75% da súa superficie está cuberta de auga, principalmente a dos mares e océanos. Os romanos déronlle o nome de Terra.

É o único lugar do Universo onde hai vida. Ten un satélite natural chamado Lúa, que xira ao seu arredor e que é responsable das mareas. As mareas son os movementos ascendentes e descendentes da auga do mar ao longo do día. A Terra non ten aneis.

Un día dura 24 horas e un ano 365 días e 6 horas. Esas 6 horas acumúlanse e cada 4 anos engádese un día ao mes de febreiro. Ese ano chámase bisesto.

Lectura facilitada

A Terra é o 5º planeta máis grande do Sistema Solar. É o 3º planeta máis próximo ao Sol.

É un dos planetas interiores ou rochosos con Mercurio, Venus e Marte. A Terra ten forma de esfera aínda que está achatada nos polos.

A Terra tamén se lle coñece como Planeta Azul, porque o 75% da súa superficie é auga. A Terra é o único lugar do Universo onde hai vida.

Ten un satélite natural chamado Lúa. A Lúa xira arredor da Terra e é responsable das mareas. As mareas son o movemento do mar ao longo do día.

Un día na Terra dura 24 horas e un ano 365 días e 6 horas. Esas 6 horas acumúlanse e cada 4 anos engádese un día ao mes de febreiro. Ese ano chámase bisesto.

Aprendamos máis!

Preme nas imaxes para velas mellor.

Capas

A Terra está dividida en tres partes: a atmosfera, a hidrosfera e a xeosfera.

Distribución das capas da atmosfera

 1.  A atmosfera é a capa gasosa da Terra que envolve ao planeta. Grazas a atmosfera a Terra está protexida das radiacións daniñas do Sol. Os principais gases da atmosfera son o nitróxeno e o oxíxeno.

A atmosfera á súa vez está dividida en diferentes capas. Na máis próxima á Terra é onde se dan os fenómenos atmosféricos como a choiva, a neve, os furacáns ou o vento. Nese mesma capa é onde voan os avións. Na máis afastada están os satélites, así como tamén a Estación Espacial Internacional.

 2.  A hidrosfera é a capa da Terra onde se atopa auga. A auga pode estar en estado sólido como na Antártida, líquido como nos mares, océanos, ríos e lagos, ou gasoso como no vapor de auga.

 3.  A xeosfera é a parte sólida da terra. Está dividida en tres capas: a codia, o manto e o núcleo.

Distribución das Capas internas da Terra

Na codia atopamos os continentes, as illas e o fondo mariño.
O manto está debaixo da codia. Está formado por rochas sólidas ou en estado líquido (magma) debido ás altas temperaturas. O magma sae á superficie da terra a través dos volcáns.
O núcleo está no centro da Terra. Ten unha parte interna que está formada por ferro e níquel e outra externa que é máis líquida. A súa temperatura é altísima.

Satélites

A Lúa é o único satélite da Terra. É catro veces máis pequena co noso planeta. Está cuberta por cráteres e po. A Lúa xira arredor da Terra e tarda 28 días en dar unha volta completa. A medida que se vai movendo, podemos ver distintas fases, é dicir, a súa forma varía dependendo de que parte ilumine o Sol.

Imaxe das diferentes fases da lúa

Lúa nova: nesta fase a lúa está situada entre a Terra e o Sol e por iso non a vemos no ceo.

Cuarto crecente: nesta fase vemos un cuarto da lúa e conforme pasan os días segue crecendo ata asemellarse á letra D.

Lúa chea: nesta fase podemos ver a lúa completa.

Cuarto minguante: nesta fase a lúa vai facéndose cada vez máis pequena ata asemellarse á letra C.

Nesta imaxe en movemento poderás contemplar como cambia a lúa conforme pasan os días nos que tarda en dar unha volta completa á Terra.

Curiosidade: A primeira persoa en poñer un pé na Lúa foi o astronauta estadounidense Neil Armstrong no ano 1969. Precísanse catro días para chegar á Lúa en nave espacial.

Movementos

O noso planeta está en constante movemento.

Imaxe do eixe de rotación da Terra

Rotación:

A Terra xira sobre si mesma en dirección contraria ás agullas do reloxo e tarda 24 horas en dar unha volta completa. A este movemento chámase rotación e da lugar ao día e á noite.  A Terra xira sobre un eixe imaxinario que está lixeiramente inclinado. Mentres xira, unha parte do planeta está iluminada polo Sol, iso quere dicir que é de día. Na outra parte que non está iluminada é de noite.

Translación:
Movemento de translación da Terra

A Terra tamén xira arredor do Sol e tarda 365 días en dar unha volta completa, é dicir, un ano.  O camiño que describe chámase órbita e ten forma de elipse. A este movemento coñécese co nome de translación e da lugar ás estacións do ano: primavera, verán, outono e inverno.

Como o planeta está lixeiramente inclinado, segundo vai dando a volta arredor do Sol, hai partes do planeta que reciben máis luz solar ca outras. É por iso que fai máis ou menos calor ao longo do ano. Tamén os días son máis longos nunhas estacións que noutras. Por exemplo, no verán os días son máis longos e as noites máis curtas, mentres que no inverno as noites son máis longas e os días máis curtos.



Cabeza dun robot

Sabías que cando son as 12 do mediodía aquí, xa é de noite en Australia?

Sabías que cando comeza o verán no hemisferio norte tamén comeza o inverno no hemisferio sur?

Paralelos

A Terra cos paralelos e  o Ecuad.

Para localizar un lugar no noso planeta usamos dúas medidas: as liñas de  lonxitude e as liñas de latitude. Ambas mídense en graos.

As liñas de latitude ou paralelos son liñas imaxinarias circulares que van dende o leste ao oeste da Terra. A latitude é a distancia en graos dende o Ecuador. Hai 90º dende o Ecuador ao norte e 90º dende o Ecuador ao sur.

Por exemplo, se un punto no planeta está ao norte do Ecuador, ten latitude norte, en cambio se está ao sur, ten latitude sur.

Galicia está na latitude norte e Arxentina na latitude sur.

Meridianos

Os meridianos e o meridiano de Greenwich na Terra

As liñas de lonxitude ou meridianos son liñas imaxinarias que van do Polo Norte ao Polo Sur da Terra. A lonxitude é a distancia en graos dende o meridiano 0º ou meridiano de Greenwich. Hai 180º dende o meridiano 0º cara o leste, e outros 180º do meridiano 0º cara o oeste.

Por exemplo, se un punto no planeta está ao leste do meridiano de Greenwich ten lonxitude leste. Se está ao oeste, ten lonxitude oeste.

Galicia está na lonxitude oeste e Australia na leste.


Fusos horarios

Mapamundi cos fusos horarios

Como xa sabes, a Terra xira sobre si mesma e tarda 24 horas en dar unha volta completa. Segundo vai xirando, vai cambiando o momento do día ou da noite en cada punto do noso planeta. 

Os fusos horarios creáronse para saber que hora é en distintos lugares. Son divisións imaxinarias da superficie da Terra. Cada división corresponde a unha rexión na que a hora é a mesma.

Hai 24 fusos horarios porque un día ten 24 horas. A Terra divídese en 24 fusos horarios e cada un deles representa unha hora. O punto de partida é o meridiano 0º ou meridiano de Greenwich. Se avanzamos cara ao leste, sumamos unha hora por cada fuso horario, e se avanzamos cara o oeste restamos unha hora por cada un deles.

Por exemplo, se en Oporto son as 12.00h do mediodía, en Santiago de Chile son ás 7.00h da mañá porque restamos 5 fusos horarios dende o meridiano 0º. Así e todo, en Tokio son ás 21.00h porque sumamos 9 fusos horarios dende o meridiano de Greenwich.

Lectura facilitada

Capas

A Terra está dividida en tres partes:

1. A atmosfera

2. A hidrosfera

3. A xeosfera

1. A atmosfera

É a capa gasosa da Terra.

A atmosfera envolve ao planeta.

A atmosfera protexe a Terra das radiacións daniñas do Sol.

Os principais gases que forman a atmosfera son o nitróxeno e o oxíxeno.

A atmosfera á súa vez está dividida en diferentes capas.

Na capa máis próxima á Terra danse os fenómenos atmosféricos coma choiva, neve e outros. Nesta capa tamén voan os avións.

Na capa máis afastada están os satélites e a Estación Espacial Internacional.

2. A hidrosfera

É a capa da Terra onde se atopa auga.

A auga pode estar :

-en estado sólido como na Antártida.

-en estado líquido como nos mares, océanos, ríos e lagos.

-ou gasoso como no vapor de auga.

3. A xeosfera

A xeosfera é a parte sólida da Terra.

A xeosfera está dividida en tres capas:

- A capa exterior chámase codia:

Na codia están os continentes, as illas e o fondo mariño.

- A capa media chámase manto:

O manto está debaixo da codia.

O manto está formado por rochas sólidas ou en estado líquido (tamén chamado magma).

O magma ás veces sae á superficie da Terra a través dos volcáns.

- E a capa central chámase núcleo.

O núcleo é o centro da Terra. Ten dúas partes:

- a parte interna formada por ferro e níquel

- a parte externa que é máis líquida.

A temperatura no núcleo é moi alta.


Satélites

A Lúa é o único satélite da Terra.

A Lúa é catro veces máis pequena que a Terra.

A Lúa está cuberta por cráteres e po.

A Lúa xira arredor da Terra.

Tarda 28 días en dar unha volta completa.

A Lúa vaise movendo e pasa por diferentes fases.

Isto quere dicir, que a súa forma varía dependendo da parte que ilumine o Sol.

Veremos a Lúa en catro formas diferentes, dependendo da parte que ilumina o sol.

Lúa nova:

A Lúa está situada entre a Terra e o Sol.

Non a vemos no ceo.

Cuarto crecente:

Vemos un cuarto da Lúa.

Crece ata que parece a letra D.

Lúa chea:

Podemos ver a Lúa completa.

Cuarto minguante:

A Lúa faise cada vez máis pequena ata semellar a letra C.

No vídeo poderás contemplar como cambia a Lúa segundo pasan os días nos que tarda en dar unha volta completa á Terra.

Curiosidade:

A primeira persoa en poñer un pé na Lúa foi o astronauta, de Estados Unidos, Neil Armstrong no ano 1969.

Precísanse catro días para chegar á Lúa en nave espacial.


Movementos

A Terra sempre se está movendo.

Hai dous movementos ao mesmo tempo:

1. A rotación

2. A translación

ROTACIÓN

A Terra xira sobre si mesma en dirección contraria ás agullas do reloxo.

A Terra tarda 24 horas en dar unha volta completa sobre si mesma.

Chamámoslle rotación ao movemento que a Terra fai sobre si mesma e dá lugar ao día e á noite.

Mentres xira:

-na parte da Terra que dá o Sol , e de día.

-na parte da Terra que non dá o Sol, é de noite.

TRANSLACIÓN

Chamámoslle translación ao movemento da Terra arredor do Sol.

A Terra tarda 365 días en dar unha volta completa ao Sol.

Trescentos sesenta e cinco días é un ano.

O camiño que recorre a Terra chámase órbita.

A órbita ten forma de elipse.

A este movemento chámase translación.

O movemento de translación da lugar ás estacións do ano:

-Primavera

-Verán

-Outono

-Inverno

Como a Terra está lixeiramente inclinada, ao xirar arredor do Sol, hai partes que reciben máis luz solar ca outras.

Por iso vai máis calor ou menos calor ao longo do ano.

Os días tamén son máis longos nunhas estacións que noutras.

Por exemplo:

-No verán os días son máis longos e as noites máis curtas.

-No inverno as noites son máis longas e os días máis curtos.

Sabías que:

cando en España son as 12 de mediodía...

xa é de noite en Australia?

Sabías que cando comeza o verán no hemisferio norte comeza o inverno no hemisferio sur?


Paralelos

Para localizar un lugar no noso planeta empregamos dúas medidas

Estas medidas son lonxitude e latitude.

As dúas mídense en graos.

As liñas de latitude tamén se chaman paralelos.

Son liñas imaxinarias circulares que recorren dende o leste ao oeste a Terra.

A latitude é a distancia en graos dende o Ecuador.

Hai 90º dende o Ecuador ao norte e 90º dende o Ecuador ao sur.

Galicia está na latitude norte e Arxentina na latitude sur.


Meridianos

As liñas de lonxitude tamén se chaman meridianos.

Os meridianos son liñas imaxinarias que van dende o Polo Norte ao Polo Sur da Terra.

A lonxitude é a distancia en graos dende o meridiano 0º.

O meridiano 0º chámase Meridiano de Greenwich.

Dende o Meridiano de Greenwich hai cento oitenta graos cara ao leste e cento oitenta graos cara ao oeste.

Galicia está na lonxitude oeste e Australia na leste.


Fusos horarios

A Terra xira sobre si mesma e tarda 24 horas en dar unha volta completa.

Mentres a Terra xira cambia o momento do día ou da noite en cada lugar do noso planeta.

Os fusos horarios creáronse para saber que hora é nos distintos lugares da Terra.

Os fusos horarios son divisións imaxinarias da superficie da Terra.

Cada división corresponde a unha rexión na que a hora é a mesma.

Hai 24 fusos horarios porque un día ten 24 horas.

A Terra divídese en 24 fusos horarios.

O punto de partida é o meridiano de Greenwich tamén chamado meridiano 0.

Cara ao leste (E) sumamos unha hora por fuso horario.

Cara ao oeste (O) restamos unha hora por cada fuso horario.

Por exemplo:

Se en Oporto son as 12 do mediodía, en Santiago de Chile son as 7 da maña.

Pois restamos cinco fusos horarios dende o meridiano 0.

En Tokio son as 9 da noite porque sumamos 9 fusos horarios dende o meridiano de Greenwich.

Apoio visual

Mapa conceptual da Terra, as súas capas e movementos

Repasemos

Pregunta

Os días e as noites débense ao movemento de rotación.

Respostas

Verdadeiro.

Falso

Retroalimentación

Pregunta

Se en Galicia son as 12 do mediodía, que hora será en Nova York?

Respostas

As 6 da mañá

As 6 da tarde

Retroalimentación

Pregunta

O movemento de translación dá lugar ás estacións do ano.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

Como se chama a capa gasosa que envolve á Terra?

Respostas

Xeosfera

Atmosfera

Retroalimentación

Pregunta

Na codia atopamos as illas, os continentes e o fondo mariño.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

A Lúa tarda 30 días en dar unha volta arredor da Terra.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

En que fase se atopa a Lúa cando está entre a Terra e o Sol?

Respostas

Cuarto minguante

Lúa nova

Retroalimentación

Pregunta

O meridiano 0º tamén se lle chama meridiano de Greenwich.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

En que se miden a lonxitude e a latitude?

Respostas

Graos

Quilómetros

Retroalimentación

Pregunta

En cantos fusos horarios se divide a Terra?

Respostas

24

365

Retroalimentación

Pregunta

Os fusos horarios creáronse para saber que hora é nos distintos lugares do planeta.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Feito con eXeLearning (Nova xanela)