Aprendemos a diferenciar
Palabras con b
Como acabamos de ver no apartado dos verbos, en particular nos tempos verbais do pasado, levan b as formas verbais que rematan en: -aba, -abas, -abamos, -abades, -aban.
cantabas, cantabamos, cantaban
Esta é unha das normas que seguimos no noso idioma para o uso da B. As outras serían (presta atención as excepcións):
Escribimos con b as palabras que comezan por: biblio-, bio-, bu- (excepto vulnerar, vurullo e vulto) e os prefixos bi- e bis-.
burato, bisavó, bibliotecario
Ademais, escribimos con b os verbos rematados en -bir e -buír (excepto vir, vivir e servir) e os seus derivados.
escribir, recibir, contribuír
E emprégase b nas formas dos verbos beber, caber, deber, haber, lamber, saber e sorber.
Igualmente, as palabras en que ao son b lle segue unha consoante, excepto acivro e ávrego, escríbense con b.
brilo, moble, cobre
Palabras con v
Pola súa parte tamén temos que saber as normas do uso da v en galego.
Escribimos con v todas as palabras que rematan en -ívoro e -ívora (excepto víbora).
herbívoro
Ademais, escribimos con v todas as formas dos verbos estar, ir, ter, servir, ver, vir e vivir (excepto o copretérito estaba, estabas).
viñan, estiven, vivían
Levan v os adxectivos rematados en -avo, -ava, -ave, -evo, -eva, -ivo e -iva (excepto árabe).
Así mesmo, escríbense con v os verbos rematados en -servar e -versar e todas as formas destes.
observar, conversar
Igualmente, escribimos con v as palabras que empezan por pri-, ad- e di-.
privado, divisar
Lectura facilitada
Palabras con b:
Os tempos verbais do pasado, levan b e rematan en: -aba, -abas, -abamos, -abades, -aban.
Escribimos con b as palabras que comezan por: biblio-, bio-, bu- (excepto vulnerar, vurullo e vulto) e os prefixos bi- e bis-.
Escribimos con b os verbos rematados en -bir e -buír (excepto vir, vivir e servir).
Empregamos b nas formas dos verbos beber, caber, deber, haber, lamber, saber e sorber.
As palabras en que ao son b lle segue unha consoante, excepto acivro e ávrego, escríbense con b.
Palabras con v:
Escribimos con v todas as palabras que rematan en -ívoro e -ívora (excepto víbora).
Ademais, escribimos con v todas as formas dos verbos estar, ir, ter, servir, ver, vir e vivir (excepto o copretérito estaba, estabas).
Levan v os adxectivos rematados en -avo, -ava, -ave, -evo, -eva, -ivo e -iva (excepto árabe).
Escribimos con v os verbos rematados en -servar e -versar e todas as formas destes.
Escribimos con v as palabras que empezan por pri-, ad- e di-.