Actividade que ten como fin único entreterse e divertirse. A maioría deles organízanse conforme unhas regras determinadas e, ás veces, poden precisar duns obxectos concretos.
Nesta ocasión, imos centrarnos nos xogos para divulgar a riqueza do noso idioma e, tomando como referencia xogos de mesa ben coñecidos, crear as nosas propias versións. Unha vez rematados estes xogos, poderanse doar á biblioteca escolar, á biblioteca da túa localidade ou subilos en formato dixital nalgunha das plataformas dixitais corporativas.
Ademais, sendo tan importante a transmisión interxeracional da lingua dende a xente maior á xente máis nova, podemos crear un xogo para doar á residencia de maiores, onde as persoas usuarias serán as protagonistas
Os creadores de xogos en Galicia, e en galego, precisan de novas ideas para fomentar o uso da lingua entre a xente nova e toda axuda é pouca para deseñar un novo xogo que involucre tanto ás persoas máis pequenas como ás maiores da casa.
Hai tempo publicouse un xogo similar ao Trivial e que tivo moito éxito en colexios e nas casas e que podedes ver na imaxe... Pero non soamente hai o formato pregunta-resposta, existen multitude de exemplos nos que apoiarnos para crear xogos entretidos, como poderás ir vendo ao longo deste proceso. Xoguemos!!!
Lectura facilitada
Os xogos axudan no uso da lingua galega.
Imos realizar diferentes versións de xogos en galego.
Podemos doar os xogos cando os rematemos.
Podemos crear un xogo para as persoas maiores da residencia.
Estas persoas maiores serán as protagonistas.
Os creadores de xogos en galego buscan interese para todos.
Un xogo como o trivial en galego foi un éxito.
Hai moitos tipos de xogos entretidos e divertidos.
Imos ver! Xoguemos!
Reflexiona
Cres que a situación que se relata no artigo do xornal ten relación directa co que acontece no teu centro? Coñeces outras realidades distintas á da túa escola?
Coñecer a realidade do teu centro educativo axudarache a entender mellor o mundo que che rodea.
Pensa en cales poderían ser as causas desta situación; por outro lado tamén é necesario procurar posibles solucións, non che parece?
Que non desapareza a nosa lingua depende de cada un de nós pois como dicía Castelao "se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma".
Lectura facilitada
O que di a noticia pasa na túa escola?
É diferente?
Temos que coñecer o que pasa no noso colexio.
Así podemos entender máis do resto do mundo.
Pensamos que motivos hai para estar nesta situación.
Procuremos solucións.
Temos que coidar a lingua galega para que non desapareza.