Saltar navegación

5.1. Expoñemos os xogos

 

Glosario

Coavaliación

Avaliador

Definición:

Examinar técnica ou criticamente, nunha sesión de traballo, un produto presentado polos teus compañeiros e polas túas compañeiras onde a miúdo se mantén o anonimato da persoa examinadora.

Exemplo:

  Os alumnos e alumnas coavaliaron os seus traballos para detectar posibles erros.

Presentación

Presentación

Definición:

Acción e efecto de expoñer algo para que sexa visto, oído e apreciado por outras persoas.

Exemplo:

  Fun ver a exposición que fixo na librería sobre a súa novela.

Actividade de presentación

Pictograma que amosa dúas persoas sentadas detrás dunha mesa e dando unha conferencia ante público

En primeiro lugar, o equipo co que traballaches e máis ti, tedes que presentar o xogo ao resto da clase.

Para esta presentación podes utilizar material audiovisual ou algún tipo de esquema, mapa conceptual... que axude a comprensión do proceso creativo deste xogo.

Cando expoñan as túas compañeiras e os teus compañeiros, mostra o mesmo respecto co que che gustaría que vos escoitasen cando o fagades vós.

Lembrade ben todo o referente ás instrucións que formarán parte do xogo e que se explicarán na presentación de cada un.

Lectura facilitada

Imos expoñer a nosa proposta de xogo.

Presentamos ao resto da clase o xogo que realizamos co noso grupo.

Podemos utilizar material audiovisual ou algún tipo de esquema.

Seremos xustos coas nosas opinións.

Lembramos ben as instrucións do xogo.

Actividade para a coavaliación

Logo de todas as presentacións, repartide os xogos por grupos e así participar todos. Pasados uns minutos cambiades de xogo para valorar o traballo de todos os grupos. 

Para a seguinte actividade terás que ser obxectivo co resto dos grupos, xa que vas avaliar o traballo realizado durante este proceso. Poderás axudar a que toda a clase mellore e que os compañeiros e as compañeiras obteñan unha resposta obxectiva sobre o resultado final do seu produto.

Deberás cubrir un documento onde poñerás:

  1. O que mais che gustou do xogo.
  2. Propostas de mellora.
  3. Posibles erros que dificultan o xogo.
  4. Valoración numérica (do 1 ao 5).

Ollo! Este documento tamén o tes que cubrir sobre o teu propio xogo tentando ser o máis obxectivo posible.

Debuxo simple dunha persoa cun círculo vermello e unha man co polgar cara arribaOs xogos propostos son:

  • Quen é quen?: 15 cartas coas imaxes das persoas e dous taboleiros indicando onde se situarán as cartas.
  • Carta arriba: 15 cartas cos nomes das persoas. 
  • Memoriza: 15 cartas coas imaxes das persoas e 15 cartas coas descricións que sirvan para unir imaxe-descrición.

Levades moito tempo traballando nisto e mereces que se valore o esforzo de cada un de maneira igualitaria.

Dependendo do xogo, deberedes elaborar un documento de avaliación diferente.

Ao finalizar farase unha valoración final das impresións do conxunto da clase.

Lectura facilitada

Logo de todas as presentacións, repartide os xogos por grupos e así participar todos.

Pasados uns minutos cambiades de xogo para valorar o traballo de todos os grupos. 

Para a seguinte actividade terás que avaliar o traballo realizado durante este proceso.

Poderás axudar a que toda a clase mellore.

Os compañeiros terán unha resposta obxectiva sobre o resultado final do seu produto.

Temos que facer un documento que inclúa:

O que mais nos gustou do xogo.

O que queremos mellorar.

Os erros que dificultan o xogo.

A valoración que lle damos (do 1 ao 5).

Temos que ser xustos coas valoracións.

Xoga cos teus compañeiros aos tres xogos propostos.

Quen é quen?: 15 cartas coas imaxes e dous taboleiros.

Carta arriba: 15 cartas cos nomes das persoas. 

Memoriza: 15 cartas coas imaxes das persoas e 15 cartas coas descricións 

Ao finalizar farase unha valoración final en grupo.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)